O instituto IES As Mercedes leva á Xunta aos xulgados.
Presentaron un recurso contra o decreto que elimina ESO e BAC do centro.
A plataforma cidadá en
defensa do instituto lucense As Mercedes leva á Xunta aos xulgados. Fíxoo
presentando un recurso contencioso administrativo no Tribunal Superior de
Xustiza de Galicia (TSXG) contra o decreto 49/2013 que converterá o instituto
nun centro integrado de formación profesional e suporá a desaparición de
secundaria e bacharelato. Unha vez que a Xunta achegue a documentación
pertinente, a plataforma poderá presentar o recurso de xeito firme, esperan que
no mes de xullo. O seu obxectivo é paralizar o decreto e que se realice un
estudo sobre as necesidades educativas na zona antes de tomar ningunha
decisión.
Desde o colectivo,
formado por profesores, pais de alumnos e veciños en xeral, reiteran o seu
rexeitamento á decisión «unilateral» da Xunta. Consideran que a ampliación da
oferta educativa de FP non é incompatible coa continuidade de ESO e BAC.
Recordan o crecemento da poboación escolar no Illa Verde, que tivo que ampliar
espazos, e que o propio CEIP As Mercedes está saturado. «A desaparición do IES
As Mercedes non está xustificada, de feito se a Xunta o pecha vai ter que
pensar en abrir outro no sur de Lugo», explicou o profesor Daniel López Bispo.
Os membros da plataforma mostráronse indignados en especial co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que un mes antes de anunciar a conversión das Mercedes estivo no centro polo premio Schneider que gañaron, «pero non foi capaz de explicarnos directamente os argumentos para pechar o instituto, nin sequera estivo no debate parlamentario no que se tratou este asunto», recordan. Tamén mencionaron que hai xa dous meses que solicitaron unha entrevista con el, sen que ata agora obteñan ningún tipo de resposta.
A indignación deste colectivo creceu aínda máis se cabe estes últimos días, pois sospeitan que a Xunta non ten previsto ampliar a oferta de formación profesional o próximo curso nas Mercedes, onde continuarían exactamente os mesmos ciclos que se ofertan agora. «Isto é unha falta de respecto á comunidade educativa, e demostra mala planificación, que o que buscan é un recorte inmediato, non unha mellora da calidade educativa como argumentan», continúan.
De feito, explican que
as aulas de secundaria e de bacharelato non valen para FP porque non cumpren as
medidas esixidas: «Iso non é planificar, o lóxico se hai tanta demanda de FP é
utilizar o centro de formación ocupacional que está a 300 metros».
Manifestación
A plataforma seguirá a súa loita, así que convocan a todos os lucenses a unha manifestación este xoves, que partirá ás 19.30 horas do instituto, subirá a Avenida de Madrid, San Roque, Ronda e terminará ante o multiusos da Xunta, onde lerán un manifesto. «Esta é unha reivindicación profesional e académica, pero sobre todo é unha reivindicación da cidade», afirman. De feito, levan solicitadas máis de 10.000 firmas de apoio.
Tamén recordan que co
peche do instituto se masificarán outros centros e aumentará o número de alumnos
por aula. As primeiras consecuencias xa se notaron coa escolarización dos
alumnos que irían ás Mercedes e que agora deben facelo nos centros que lles
asignou a Xunta (Lucus Augusti, Ollos Grandes e Sanxillao). Tiveron que botar
man das prazas vacantes externas, é dicir, as dispoñibles para outros alumnos
da cidade, que agora quedarán sen elas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Grazas polo comentario