Mostrando entradas con la etiqueta Lingua e literatura galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lingua e literatura galega. Mostrar todas las entradas

23 jun 2013

Xosé Mª Díaz Castro. Letras galegas-2014 (RAG)

 É un libro de poemas de Xosé María Díaz Castro publicado en 1961 pola Editorial Galaxia.
É a poesía máis coñecida do autor. Está incluída, xunto con "Terra sucada", "Quezais" e "Terra do tempo", no cuarto capítulo ("Espranza") de NimbosDe rima consonante e estrutura pendular, está formada por catro estrofas, cun total de dezaseis versos. Díaz Castro establece nela un paralelismo entre Galicia e Penélope, a muller que tecía de día e desfacía de noite.                                                 

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva;
pro tí envólveste en sabas de mil anos
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron: Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús-María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono
o tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!



Unidade didáctica ("Nimbos") para BAC


Díaz Castro.Vida e obra:


Xosé María Díaz Castro, nado nos Vilares (Guitiriz), o 19 de febreiro de 1914 e finado en Lugo o 2 de outubro de 1990, foi un escritor e tradutor galego. En 2014 será o homenaxeado co Día das Letras Galegas.
Seminario de Mondoñedo, onde estudou sete anos.

Xosé María Díaz Castro naceu no seo dunha familia labrega. En 1931 ingresa no Seminario de Mondoñedo, onde coñece a Aquilino Iglesia Alvariño, que, a partir de 1936, vai contar coa súa colaboración como profesor no Colexio León XIII, de Vilagarcía de Arousa, que Aquilino dirixía. 


Abandonados os estudos eclesiásticos fai o bacharelato, e logo licénciase en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca. En 1948 trasládase a Madrid, onde exerce a docencia e traballa como tradutor para organismos oficiais e privados, entre eles o Consello Superior de Investigacións Científicas, onde acadou o posto de xefe do Servizo de Información e Documentación do Instituto do Frío, organismo que depende do devandito Consello.

Díaz Castro publicou os seus primeiros versos ós dezasete anos na revista Lluvia de rosas de Tarragona pero foi a súa entrada no seminario e o contacto con Aquilino Iglesia Alvariño, o seu estímulo foi decisivo na promoción do poeta como escritor e para comezar a escribir en galego , publicando en El Progreso Villalbés o 6 de agosto de 1931 os seus primeiros versos en galego. Lembranzas e sospiros, logo saíron Baix'o o calor (1931), Lá vou, amor (1932), As formigas (1932), Era un contiño de fadas (1932), e posteriormente escribiu dous cadernos de poesía, tamén en galego, Follas verdes en 1934 e Follas ô vento en 1935 que finalmente quedaron inéditos. Logo da Guerra Civil continuou compoñendo en galego e a partir de 1946 tras ser premiado nos Xogos Florais de Betanzos por un poema en castelán e por Nascida d'un soño en galego, volveron saír en publicacións como La Noche, Cartel, Sonata Gallega, Alba ou Ínsula poemas seus na lingua de noso. Francisco Fernández del Riego inclúeo na súa Escolma da poesía Galega, IV, Os Contemporáneos, Vigo, 1955, representado por sete poemas. En revistas e xornais diversos viron a luz outros poemas e artigos del en español e en galego.

Con todo Díaz Castro está considerado autor dunha soa obra, o poemario Nimbos, editado en Vigo, pola Editorial Galaxia, en 1961 que tivo moita influencia nos poetas posteriores pola súa perfección, pola preocupación por Galicia e polos problemas básicos do ser humano, a vida, a morte e o tempo. Díaz Castro adoita ser encadrado dentro da Xeración do 1936 a carón de poetas coma Carvalho CaleroCelso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesia Alvariño. Na obra, que inclúe revisados os poemas que escolmara Fernández del Riego, móstrase unha reflexión sobre o destino humano a través da preocupación existencial e relixiosa e da comuñón coa natureza. Nun dos seus poemas máis coñecidos, "Penélope", reflexiona sobre unha Galicia que permanece durmida, non refugando, porén, á esperanza para a súa terra.

A voz poética de Díaz Castro apóiase nunha linguaxe rica e exacta, da que xorde a xusteza da imaxe e o fondo poder evocador que se desprende dos seus versos. Os temas, que aparecen sempre envoltos na roupaxe elegante dun clasicismo exemplar, son os da grande poesía universal: a dor do home, o amor, a paisaxe, os sentimentos relixiosos, a liberdade... 

Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar na literatura galega a poesía total.

Dominaba máis dunha ducia de linguas, o que lle permitiu traducir ao castelán obras de, entre outros, o sueco Verner von Heidenstam (Premio Nobel de Literatura en 1916), os dinamarqueses Henrik Pontoppidan e Johannes Vilhem Jensen (premios Nobel de Literatura en 1917 e 1944 respectivamente), o austrohúngaro Rainer Maria Rilke, o irlandés William Butler Yeats (Nobel de Literatura en 1923), o estadounidense Walt Whitman, os ingleses G. K. Chesterton e Frederick Forsyth ou os franceses Alphonse de Lamartine e Paul Claudel

..........................

Penélope tecendo sen esperanza a tea fatal do transcurso do tempo.

Imitación de Díaz Castro, en homenaxe. 

Suco vai, suco vén. E aquí chegamos,
neve nos cumes, frío nas valgadas,
e darredor as agras sementadas,
e non chega a colleita que esperamos.

Algún día entre soños sementamos
o noso pan. Chovía nas aradas,
e ó se achega-lo tempo das anadas
desmo de fume e vento colleitamos.

Cada cousa de nós é de borralla
baixo do vento mol que se desliza
sobre o mundo e o manca e o esborralla.

Un paso adiante e outro atrás, Galiza.
Un negro orballo eternamente orballa
sobre tristeza antiga e outoniza.

.......................

Vídeo producido polo IES "POETA DÍAZ CASTRO" de GUITIRIZ (Lugo)  



En > http://www.youtube.com/watch?v=iHElQSBQ1eI#t=2
En > http://www.youtube.com/watch?v=9ry1ac8NhxU > 
(No ano 1987 a produtora de vídeo Ophiusa acompaña a Díaz Castro polos lugares emblemáticos do seu proceso vital e creativo. Nimbos de poesía é o resultado desta viaxe ao mundo do autor. Os Vilares, Mondoñedo, Betanzos, Guitiriz, ... desvélanse ante os nosos ollos a través da mirada e da propia voz de Xose María. Todo un testemuño de primeira man da grandeza das cousas pequenas que tanto amaba o poeta).
En > http://www.youtube.com/watch?v=eSK3o8_emcE
(Desde a pastelería - cafetería "Nimbos" de Guitiriz. Entroido 4/03/2014 )
En > http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2014/04/telexornal-diaz-castro-recitado.html
En > http://www.xunta.es/linguagalega/xose_maria_diaz_castro
En > http://coordinadoraendl.org/letras2014/

..........................................................................................................................................................

"Penélope", Poema de Xosé María Díaz Castro musicado por Xoán Fuertes Saavedra e interpretado por Fuxan os Ventos. O recitado é do propio poeta e a súa gravación cedida por Xulio Xiz > 



"Penélope en italiano" > http://literatosbrey.blogspot.com.es/2014/05/penelope-en-italiano.html

Un passo avanti e l´altra indietro, Galizia,
e la tela del tuo sonno no si muove.
La esperanza del tuoi occhi me espreguizza.
L´aratro buoi e la pioggia

Una nave ruggente molto lontane
estrolla si dorme mobido come un chicco d´uva
Ma si envólveste fogli in mille anni,
sogni e il ritorno di sentire la pioggia.

Ingoiare per corsi un giorno
le persone che hanno portato.  Dio é lo stesso.
Suco volontá, suco verrá. Gesú María!
e il tutto deve pagare il suo desmo.

Desordella i prati come il sonno,
o tempo sará Parga a Pastoriza.
Sará scanalatura per scanalatura sppellire autunno.

Un passo avanti e l´altra indietro, Galizia!

                 

E máis > (Proxecto Díaz Castro) https://www.youtube.com/watch?v=eOPnvLPTNwA#t=10

COMENTARIO

    O poema «Penélope» apareceu publicado por vez primeira en 1955, na Escolma de poesía galega, IV, Os contemporáneos, publicada en Galaxia por Francisco Fernández del Riego. Posteriormente pasou a formar parte do poemario Nimbos de Xosé Mª Díaz Castro, publicado en 1961.

    O tema principal da composición é a esperanza acotío frustrada de Galicia. O dinámico estatismo é o que caracteriza a historia de Galicia segundo o poema («Un paso adiante e outro atrás, Galiza». Os temas secundarios son o da esperanza e o da emigración. A esperanza aparece como adormecida («A esperanza nos teus ollos se espreguiza»), nun país en que o tempo monótono semella non transcorrer («Aran os bois e chove»; «Pro ti envólveste en sabas de mil anos»; «Sulco vai, sulco vén. ¡Xesús María!»; «Vaise enterrando, sulco a sulco, o Outono», etc.). O inmobilismo histórico de Galicia é o elemento que envolve toda a composición («Un paso adiante e outro atrás, Galiza / e a tea dos teus sonos non se move»). Entroncado co tema da esperanza aparece o da emigración («Un bruar de navíos moi lonxanos / che estrolla o sono como unha uva»), mais o regreso dos emigrantes non semella estar próximo no tempo («Traerán os camiños algún día / a xente que levaron»).

    Canto á métrica do poema, todos os versos son hendecasílabos agás o cuarto, que é heptasílabo. A rima é consoante, e o esquema de cada estrofa é ABAB. Todas as estrofas poden ser consideradas como serventesios, bardante a primeira, por posuír un verso en arte menor.

    O poema comeza cunha elipse verbal, repetida paralelisticamente nos versos primeiro e derradeiro, dándolle unha estrura circular ao poema que reforza a idea central do inmobilismo da historia de Galicia. Así pois, dende o principio da composición céntrase a atención nese movemento estático traducido nos pasos cara adiante e cara atrás.

    Estilisticamente, esta idea de repetición do tempo remárcase a través da formación de recorrencias compostas por dous membros equivalentes: «Un paso adiante e outro atrás»; «Sulco vai, sulco vén»; «De Parga a Pastoriza»; «sulco a sulco».

    As metáforas tamén están presentes no poema. Así, os «pasos» do primeiro e último versos son os acontecementos históricos importantes na evolución social de Galicia e a «tea dos sonos» equivale ás aspiracións sociais desta terra. A emigración aparece relacionada metonimicamente cun «bruar de navíos moi lonxanos»; a repetición da historia ao longo dos séculos é unha «saba de mil anos».

    Tamén cómpre salientar as personificacións da natureza, único elemento en que se pode confiar: os camiños traerán «a xente que levaron»; toda cousa «ha de pagar seu dezmo»; o outono «vaise enterrando».

   Canto ao léxico, o campo semántico dominante é o do medio rural, posto que o espazo do
poema é Galiza, pero fundamentalmente a Galiza rural: «aran», «bois», «uva», «camiños», «sulco», «prados». A presenza dos topónimos lugueses sitúa no espazo esa Galiza campesiña: «o Tempo vai de Parga a Pastoriza».

    Por último, cómpre facer mención ao título do poema, «Penélope». Galiza, para Díaz Pardo,
identifícase coa esposa de Ulises que agarda pacientemente o retorno do seu home tecendo día a día un pano que destece polas noites. Galiza tamén semella agardar con paciencia a chegada de novos tempos, pero todo o que consegue tecer cada día semella destecerse coa chegada da noite: «¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!»

4 may 2013

"MADE IN GALIZA" de Séchu Sende (Sociolingüística-2º BAC)

BLOG DO AUTOR > "Eu nunca serei yo

Made in Galiza > Máis de corenta relatos moi breves, varios só de media páxina. O tema común á maioría é a lingua galega: actitudes diglósicas, niveis de uso, a vida das palabras. En case todos está presente a ironía, o humor, a difícil explicación das actitudes dos galegos perante a súa lingua, o compromiso de algúns co galego. Os meniños que non entenden por que os maiores lles falan a eles nunha lingua diferente, as avoas que tampouco entenden que os netos se avergoñen da fala. Moitas e variadas situacións, como a comicidade do relato en español: xa non se fala en Madrid o castelán. Ou a divertida palabra patrimonial que se ve acosada por un castelanismo. Ah, non se perda as instrucións para aprender galego ou o pavero diálogo entre o nh e o ñ.

                        
      from Coordinadora Galega ENDL

Made in galiza from Rosa Varela

Para saber máis > 
http://www.galiciae.com/nova/59982.html  (Entrevista)
http://lendomadeingaliza.blogspot.com.es/p/instrucions.html

Un pavero diálogo entre o "nh" e o "ñ": 

"NH POSITIVO"
- Olá, letra ñ.
- Ola...
- Eu som a letra ene e esta é o agá... Somos o ene-agá.
- Nh?
- Positivo.
- Anda!, pois encantada.
- Igualmente.
- E que tal?
- Pois tirando...
- E logo?
- A ver, é que temos um problema. Nós também re­presentamos a nasal palatal...
- Claro, vós sodes a competencia... Téñovos visto nalgunha pintada por aí...
- Ahá, as pintadas dam-se-nos bem...
- Véxovos moito nos sinais de topónimos, escritas por riba de min, por certo, con spray: Minho, A Corunha... E así.
- Pois...
- Ou nos muros, así en grande, "O único caminho é a luita"...
- Todo um clássico...
- E que contades logo?
- Pois nada, que estamos fartas...
- ...?
- É que levamos umha cheia de anos assi, fora da lei, e isto já tem que mudar...
- Boh, já o sabes ti bem, que já estamos fartas da censura...
- A ver, eu polo que sei en Galicia a exclusiva legal da representación escrita da nasal palatal téñoa eu..., que teño contrato indefinido co goberno desde..., desde 1981.

20 mar 2013

Un poema de Manuel María para recibir a primavera


Cervo, flor dun soño, tremor
emocionado da terra
cando se prepara alborazada
para receber á primaveira,
tépedo vento milagreiro
que cruzas e iluminas
á floresta, lóstrego
que deixas nos nosos ollos
a sorpresa, a camelia gris,
pura e branca da nostalxia.

Cervo feito de luz, orballo,
claridade de alba, símbolo
do meu perfecto amor maduro
de anceios, de soños e de sedes:
gallopa novamente ó meu
cansado corazón esgarecido
para que poida sentir
unha vez máis, só unha vez,
             á xuventude
florecendo de novo no meu sangue.



Manuel MaríaMiniescolma. Monforte de Lemos: Edición de autor, 1998]




A xeito de curiosidade:

Esta poesía publicouse por vez primeira na páxina 16 da revista do Instituto de FP (hoxe IES) "A Pinguela" de Monforte o 3 de xaneiro de 1989, sendo eu profesor e coordinador da mesma, durante a miña estadía de tres anos na cidade do Cabe. 

Un grupo de alumnos do Instituto pedíronlle a Manuel María un poema para a revista e agasallounos con esta marabilla, inédita naquel momento. 

Máis tarde publicaríase en antoloxías do poeta chairego. 

Na lembranza daqueles tempos, unha vez máis, grazas a Don Manuel pola xentileza e xenerosidade que tivera connosco.   

A revista faciámola de xeito artesanal, sen ordenadores, cunha máquina de escribir "Olivetti-LETTERA 35" do centro, e o deseño, debuxos e ilustracións, elaborábano a man os propios rapaces. 

1989. Eran outros tempos...

17 mar 2013

Liortas na RAG. O que nos faltaba!


 
liorta s.f. 

1. Enfrontamento entre dúas ou máis persoas no que hai berros, discusións e incluso golpes. Formaron tal liorta, que ao final tiveron que separalos. Sinónimos: baralla, barallada, lea, lida . cf. algarada , algareo , algueirada . Seica houbo liorta entre eles. Sinónimos: agarra , altercado, camorra, disputa , pendencia , porfía , querela , refrega, rifa, zarracina
2. Asunto, situación etc., difícil de resolver. Non me veñas con liortas ... Sinónimos: cerellada, embrolla, enguedello, enleada, enredo, lea, leria, marfallada, zaragallada, zarangallada, zarapallada
3. Situación confusa con moito ruído e desorde. Coa liorta que arman non hai quen durma. Sinónimos: barullo , confusión , lea , rebumbio . cf. cotarro, galimatías. 

"A garrotazos" de Francisco de Goya. 1819  (Pinturas negras na Quinta do Xordo)

A xente "do común" espera da RAG algo máis ca isto


Qui dolet? A quen prexudica? ( Non * perxudica)
Velaí /Ei-la cuestión... (That is de question!)

5 mar 2013

125 aniversario de Otero Pedrayo (5 de marzo de 1888 - 1976)

Busto de Ramón Otero Pedraio, na Praza Maior de Lugo

Considerado o "Patriarca das letras galegas", pertenceu á Xeración Nós e é un dos máis preclaros escritores galegos. Traballou diversos xéneros: ensaio, novela, poesía, ademais dos
estudos científicos de xeografía da súa cátedra da Universidade de Santiago.
Aínda que a actividade poética de Otero Pedrayo se pode considerar como algo marxinal 
dentro da súa ampla obra literaria, ten poemas soltos como este famoso 

Himno ao xamón 

Groria do porco, frol da invernía,
sona da casa, lapa de carne
Xamón.
Densidá ilustre da cena sabia,
gracia e potencia, rosa do pote,
Xamón.
Coallo dos froitos todos da terra,
labio fresqueiro, mantenza antiga,
Xamón
Febra xugosa, rica canteira onde
se curtan limpos poliedros
Xamón.
Benedictina fartura ilustre de Oseira e
Samos, coartel famoso,
Xamón.
Rei da lareira, carne petrucia, da Raza
esgrevia gardas o zume,
Xamón.
De rica alquímia Summa suprema,
(Fariña, poma. Landra, castaña.)
Xamón,
Sal do fumeiro, na noite negra
do viño en xerra irmán doado,
Xamón
Pai das artritis, das esclerosis .
fildalgas doenzas do pazo antergo,
Xamón.
Tentación dura pra o anacoreta,
coor de meixela, carne de lume,
Xamón.
Do chan galego tes a dozura
se a meias coces con fachas secas,
Xamón
Sono adoecido do triste abstemio
farto de berzas, todo augachirle,
Xamón,
Pra tí frolecen os soutos vellos,
medran as hortas, madura o nabo,
Xamón.
Para gabarte cantóu Homero,
brilas no hexámetro, manxar heroico
Xamón
Liturxias vellas impós ós fieis
aristocrática, feudal mantenza,
Xamón
Coma o pescado roxo e sabroso
amoleciches ó funcionario,
Xamón
Do norte xiado veu pra buscarte
o loiro suevo fillo da guerra,
Xamón.
Da xente aria vella mantenza,
na túa presencia trema o Semita,
Xamón.
Triste xudeu farto de ovella
morre de envexa pola túa groria,
Xamón.
Criado con calma, mimo, coidado,
da esencia do agro síntesis rara,
Xamón.
Mentras o fígado come o escolante,
ríllate ancioso o forte abade,
Xamón
Tes en Caldelas forte crianza
na neve xiada das cumes outas,
Xamón.
Dacón por ti goza de sona
de ser Porcópolis, Chicago noso,
Xamón.
Papa das carnes, cardealicio,
archimandrita da limpa mesa,
Xamón.
Homildemente a tí chegamosos
pelingrinos, fartos de légoas,
Xamón.
E no teu gosto fresco e potente
teñen consolo as nosas fames,
Xamón.
¡Rei da mantenza, sol do fumeiro,
que sempre agardes nosa chegada
Xamón.


Información sobre a vida e obra de Otero en >

E unha curiosidade relacionada coa RAG >

24 feb 2013

24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, é unha das meirandes escritoras en lingua galega así como tamén unha das principais responsábeis do Rexurdimento literario do século XIX. O 17 de maioDía das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos (17 de maio de 1863).
> Rosalía: vida e obra
150 anos de Cantares Gallegos
Escolma de textos
"Rosalía sempre" (nun glog do blog Édelingua)
Prólogos de CANTARES GALLEGOS e FOLLAS NOVAS
Vaite noite...
Vai fuxindo...
Vente aurora...
Vente abrindo...
 
Creación gráfica que procura un xogo de actualización da figura da poeta, 
obra da deseñadora Elba Fernández


A xustiza pola man

Aqués que tén fama de honrados na vila,
Roubáronme tanta brancura que eu tiña;
Botáronme estrume nas galas dun día,
A roupa decote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;
Sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
Ó raso cas lebres dormín nas campías;

Meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡Morreron, morreron, coa fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
Fixéronme un leito de toxos e silvas;
E en tanto, os raposos de sangre maldita
Tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvádeme ¡ou, xuíces!, berrei..., ¡tolería!
De min se mofaron, vendeume a xustiza.
- Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.