Mostrando entradas con la etiqueta ARDE LUCUS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ARDE LUCUS. Mostrar todas las entradas

17 jun 2013

O IES As Mercedes de Lugo nin se rende nin di adeus. Agora no "Arde Lucus" e en latín...



SE ISTO FUNCIONA, NON O DESINTEGREDES
O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS

         Dende hai seis anos, a Galia de Astérix nunca faltou á súa cita coa festa do “Arde Lucus”. Tamén nesta edición as personaxes creadas por Albert Uderzo e René Goscinny se baixaron dos libros para, por uns días, vir a ocupar a súa aldea na zona da Mosqueira, na Ronda da Muralla, e así axudar a ambientar a festa coa súa simpatía. Son moitos e moitas os festeiros que, ano tras ano, se fan acompañar nas súas fotos por este sentimento espontáneo (e tamén algúns, como onte se queixaban dende o IES AS MERCEDES, que, en lugar da foto, prefiren facerse acompañar polo propio personaxe obrigándoo, ao propio estilo romano, a abandonar a aldea que tiñan asignada).

         Os que tal vez non saiban moitos é que esas personaxes baixadas das historietas ilustradas dos libros de Astérix e Obélix proceden dos “talleres” do IES AS MERCEDES, dese Instituto de Ensino Medio que, dende o 25 de Marzo, vén reivindicando poder continuar co seu compromiso a favor dun ensino público de calidade, tanto na ESO e no BAC como na Formación Profesional. No que a esta respecta, dende o IES AS MERCEDS sabemos ben que pouco vale a Formación Profesional se non esta vinculada ás necesidades e aptitudes do alumnado e ás necesidades do contorno social: dende este compromiso coa nosa bisbarra naceu a “aldea gala” que, cada ARDE LUCUS, ocupa a zona da Mosqueira na Ronda da MURALLA.  

Seguimos reivindicando, para, como IES AS MERCEDES, volver con Astérix e Obélix ao ARDE LUCUS do próximo ano.



"ARDE LUCUS" IES As Mercedes (LUGO-MMXI) on PhotoPeach

13 jun 2013

"ARDE LVCVS MMXIII". O 14, 15 e 16 de xuño LUCUS AUGUSTI arderá de novo!

          O “Arde Lucus” comezou a súa andaina no ano MMII (2002) ligado ao solsticio de verán e cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade de Lugo recreando o seu pasado romano. Conxúganse os aspectos lúdicos e culturais, coa maior rigorosidade histórica posible. O recinto histórico amurallado transfórmase, cada ano durante tres días, en Lucus Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, ofrecendo a quen a visita un completo programa de actividades, nun marco incomparable como é a Muralla, que cobra durante a festa un especial protagonismo.

          Sen dúbida, a nosa cidade ofrece o marco idóneo para este tipo de festa. Outro elemento clave que non podemos esquecer é a implicación das súas xentes, os axentes sociais, colexios, asociacións, clubs deportivos... Xa sexa con roupas romanas ou castrexas, toman as rúas durante toda a fin de semana, participando activamente no espírito da festa.

          Grazas ao esforzo conxunto do goberno local, da cidadanía, das asociacións de recreación histórica e de diversos organismos privados que colaboran a través do seu patrocinio, o Arde Lucus foi medrando, converténdose nunha conxugación perfecta entre ocio e cultura, nun referente a nivel nacional, cunha grande repercusión mediática e de afluencia de público, e consolidouse de tal xeito que no seu décimo aniversario (MMXI) logrou o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego. 

Programa para VENERIS 14, SATVRNII 15 et DOMINICVM 16 > http://www.ardelucus.com/arde-lucus-programa-1.php


17 jun 2011

O IES As Mercedes co "ARDE LUCUS" MMXI

Nos xardíns exteriores do noso IES (Avda. de Madrid nº 75), as alumnas e alumnos dos ciclos Medio de Comercio e Superior de Márketing, coa inestimábel colaboración do ciclo de Carrozaría, colocaron hoxe pola mañá traballos realizados nos seus obradoiros con temas referidos a todo o que nestes días desfrutamos na nosa cidade de Lugo. Con esta exposición, promovida pola Dirección do IES e coordinada polo profesor J.M. Castro (neste caso máis "castrexo" ca nunca) tratamos de colaborar co noso contorno e cidade -a nosa fraga amurallada- na celebración do ARDE LUCUS MMXI. Estades tod@s convidad@s. Ave!