20 mar 2012

A Primavera, o Día Mundial da Poesía e o Día da Árbore chegan da man.

Aínda que se ten por costume o 21 de marzo como comezo da Primavera, hoxe, día vinte, ás 5,14 horas rematou o Inverno. Cando os dous polos da Terra se encontran a igual distancia do Sol, fenómeno astronómico que ocorre dúas veces ao ano, cae a luz solar por igual en ámbolos dous hemisferios. Dá así comezo o equinocio de Primavera, estación na que o tempo é máis cálido e os días medran até o solsticio do Verán, na noite de San Xoán.

Neste día no que abrolla nova vida e as plantas botan flores e gromos, hai outra gran protagonista: a árbore. O Día Forestal Mundial ou Día das Árbores conta cunha fonda tradición: dende comezos do século pasado, celébrase con actos lúdicos e didácticos, moitos deles promovidos por centros de ensino, organismos ou concellos, coa intención de impulsar a protección e coidado das árbores.

E un día tan especial coma este tamén foi o escollido pola UNESCO, no ano 2000, para celebrar o Día Mundial da Poesía: diversa e poliédrica, a poesía leva en sí a imaxe do presente; nunca se petrifica, nunca se fai vella: é un ámbito no que as relacións co mundo e cos sentidos, coas culturas e coas linguas, se formulan unha e outra vez, con palabras renovadas. É preciso recoñecer a índole singular desta arte da palabra, que non está precisamente feita de verbas nídias e fácilmente comprensibles. Nela, o traballo do idioma destaca en tanto que produce formas novidosas e inéditas, que nada deben aos códigos lingüísticos habituais.

Para celebrar esta data, nada mellor ca ler (e sentir) estes poemas de
MANUEL MARÍA, poeta chairego que tanto gustaba
da paisaxe, das árbores e da arte da palabra.

  I

Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, centila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e ternura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posibles e imposibles,
suda, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza. E nunca morre.

II

Quero ter a palabra máis sincera,
a palabra máis nobre e trascendente
que sexa, ao mesmo tempo, frol, semente,
Inverno, Verán, Outono e Primavera.

Quero a palabra pura, recendente,
fermosísima, nidia, verdadeira
que teña o ritmo varil da muiñeira
e a claridade da auga trasparente.

Quero a palabra certa cara á vida,
a palabra que fere, que aloumiña
e vai pra ave, pra nube, pra canción.

Quero a palabra núa, alporecida
e, ao mesmo tempo, lene, solermiña
que é sal nos beizos e luz no corazón.

III

Cervo, flor dun soño, tremor
emocionado da terra
cando se prepara alborazada
para recebir á primavera,
tépedo vento milagreiro
que cruzas e iluminas
á floresta, lóstrego
que deixas nos nosos ollos
a sorpresa, a camelia gris,
pura e branca da nostalxia.

Cervo feito de luz, orballo,
claridade de alba, símbolo
do meu perfecto amor maduro
de anceios, de soños e de sedes:
gallopa novamente ó meu
cansado corazón esgarecido
para que poida sentir
unha vez máis, só unha vez,
á xuventude
florecendo de novo no meu sangue.

IV

Agromou a folla. Naceu
para ollar con asombro
ao universo e para
clarificar á Primavera.
Escoitou a música
enfebrecida e delicada
dos paxaros. Tremeu
de desexo e de paixón
cos agarimos mainos
e sutís da brisa
recendente e invisíbel.
Contemplou enviso
a máxica floración
de todo canto existe.
Deuse ao estío.
Ao chegar o Outono
desprendeuse da árbore
que a ataba e, sen máis,
botouse mundo adiante.

Facer poesía non é tan difícil. (Preme aquí > Construir poesia)

17 mar 2012

Risoterapia: "RECORTES - 2012"

A RISA axuda a ter unha mellor calidade de vida, sendo recomendable rir durante un minuto tres veces ao día. O sentido do humor ten moitas calidades: axúdanos a ser tolerantes; desenvolve a nosa personalidade; proporciónanos a capacidade de rirnos de nós mesmos e da vida. É un símbolo inequívoco da intelixencia humana. Na nosa aprendizaxe é imprescindible; en sociedade, necesaria; no día a día, reconfortante; no medo, aliviadora... 
A risa é propia das persoas, privilexio da raza humana. (E a IRONÍA tamén ...)





Risa, riso, sorriso: Acción de rir.
Ironía/ retranca: Habilidade para falar con segundas intencións, en especial cando se procura unha gracia intencionada no que se di.

Sentido do humor: Capacidade para aceptar o lado alegre das cousas e comprender as bromas dos demais.
O humor galego ten semellanzas ao doutros pobos dominados. A retranca serviu de defensa ante as preguntas con respostas perigosas.
O humorismo, a reivindicación do noso idioma e a nosa cultura, o lirismo e o sentimento da paisaxe son características esenciais da literatura galega.

En Fene hai un Museo do Humor e n´A Coruña unha  Praza do Humor

O humor na literatura galega:
> A maxia e o humor en Álvaro Cunqueiro
> "O Humor que somos" (Celestino Fernández de la Vega. "O segredo do humor")
> Debuxos de Castelao
> Cantigas Medievais Galego-Portuguesas

Frases célebres:
"A raza humana posúe unha arma verdadeiramente eficaz: a risa".
" Debaixo do humorismo hai sempre unha grande dor; por iso no ceo non hai humoristas" (Cita-Limiar de Castelao en "Un ollo de vidro") Mark Twain (1835-1910. Escritor e periodista estadounidense)
"O home sofre tan terriblemente no mundo que se viu obrigado a inventar a risa".
Friedrich Nietzsche (1844-1900. Filósofo alemán)

9 mar 2012

10 anos sen CARLOS CASARES

 
Aos dez anos do seu pasamento, queda no recordo o sorriso ao que tanto nos tiña afeito.

Na lembranza do grande escritor Carlos Casares, e da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, (á que tantas voltas se lle está a dar ultimamente), en cuxos debates e redacción participou activamente.

Hoxe, 9 de marzo, con "La" Voz de Galicia, e por só un euro máis (1€), podemos conseguir un libro con 59 dos seus mellores artigos  da columna que escribía diariamente no citado xornal (“Á marxe")


Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 9 de marzo de 2002) concibía a vida dende unha visión puramente narrativa. É dicir, todo era un conto. Cos seus personaxes, escenarios e desenlaces. Esta habilidade, propia do que antes se chamaba un escritor «de raza», foi a que lle permitiu converter o que ollaba e imaxinaba en literatura e decantar o resultado ata a súa máis pura esencia en libros inesquecibles como 'Vento ferido' ,'Ilustrísima' , 'Os escuros soños de Clío' ou Deus sentado nun sillón azul. Mesmo cando practicou o xénero do ensaio, fixoo dende ese «pensamento narrativo»: o cumio desa concepción fica representado nun País de Palabras, un conxunto de pezas arredor do feito literario que, grazas ao seu impecable estilo, (...)                                                                                            

Seguir lendo a entrada de Aida González, de 1ºB-Bac, no Blog ENDL do colexio Divina Pastora (Ourense) 
Ao final dunha conferencia que deu en Lugo, aló polo ano 1999, asinou libros ao alumnado e profesorado do noso IES. 
Gardámolos con moito agarimo, ao igual que lle acontece a Marina, do Blog CAMIÑO LONGO, da que saquei a idea para facer esta entrada.


Boa información sobre Casares en:

Revista Artes&Letras Galicia (10 anos sen Casares) 
Fala a viúva do escritor: «Carlos atendía máis á cultura galega que ao seu labor literario»
Suso de Toro." Son dez anos, custa lembrar" | Galicia | EL PAÍS
Fundación Carlos Casares
CAMIÑO LONGO: CARLOS CASARES.
O día que coñecín a Ánxel Fole
O último galeguista histórico
CAMIÑO LONGO: NO TREN DE CARLOS CASARES

8 mar 2012

8 de Marzo, "Día Internacional da Muller"

POR QUE O DÍA 8 DE MARZO ?

Segundo din, este día, do ano de 1857, as operarias téxtiles dunha fábrica de Nova Iorque entraron en folga, ocupando a fábrica, para reivindicaren a redución dun horario de máis de 16 horas para 10 horas. Estas operarias que, nas súas 16 horas, recibían menos dun terzo do salario dos homes, pecháranse na fábrica onde, entretanto, se declarara un incendio, e cerca de 130 mulleres morreron queimadas. En 1910 decidiuse, nunha conferencia internacional realizada en Dinamarca, en homenaxe a aquelas mulleres, comemorar o 8 de Marzo como "Dia Internacional da Muller".

Día indispensable para lembrar as conquistas de xénero.
Conquistas e recúos na construción da humanidade.
O que nos reserva o futuro ... ¡Incógnita!

Ligazóns de interese PARA SABER MÁIS, :

Día da Muller Traballadora (Galipedia)
Álbum de mulleres (culturagalega.org)

Mulleres que se fixeron pasar por homes (Vía TRAFEGANDO RONSEIS)

1 mar 2012

Henrique Monteagudo ingresa na RAG: "Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística".

O pasado 25 de febreiro de 2012 tivo lugar o acto de ingreso de Henrique Monteagudo como académico numerario da Real Academia Galega, no que leu o discurso
Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística.
Discurso completo en .pdf, a través do web do CDSG, premendo AQUÍ
discurso_rag_henrique_monteagudo.pdf

No discurso que Henrique Monteagudo elaborou para o seu acto de incorporación á RAG  argumentou con rigor que a normalización lingüística do galego non só non é incompatíbel coa liberdade lingüística dos falantes, senón que é condición imprescindíbel para o pleno exercicio desta. En xeral, a idea que estivo latente ao longo de todo o discurso foi a de que a actual crise do proceso (e tamén do concepto) de normalización lingüística está directamente relacionada coa crise do autogoberno, que é realmente o que hoxe está en cuestión. (Ctnl)

24 feb 2012

24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro. Agasalla un libro en galego… e unha flor



O regalo dun bo libro, ademais de obsequio,
é un delicado eloxio.

 
Se Rosalía de Castro vivise, hoxe cumpriría 175 anos... Blog de MARLOU
Curiosidade: Rosalía ou Gala?


Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.


¡Como a triste branca nube
truba o sol que inquieto aluma,
cal o crube i o descrube,
pasa, torna, volve e sube,
enrisada branca pruma!

Xa, dempois, lonxe espallada
polos aires fuxitivos,
desteñida, sombrisada,
nos espazos desatada,
cae brillando en raios vivos.

Misteriosa regadeira
fino orballo no chan pousa
con feitiña curvadeira,
remollando na ribeira
frol por frol, chousa por chousa.

Semellando leve gasa
que sotil o vento move,
en frotantes ondas pasa
refrescando canto abrasa,
o que o sol ardente crobe.

22 feb 2012

Festa de Entroido no IES As Mercedes: noticia, crónica e reportaxe.


NOTICIA
O IES As Mercedes organizou unha festa de Entroido o venres 17 de febreiro, a partir das doce menos cuarto  da mañá. Houbo desfile de comparsas, concurso de disfraces,
recital de coplas e degustación de flores, orellas, filloas e postres de Entroido.
Tamén actuou unha banda de gaitas que fixo un ‘pasacorredores'.

CRÓNICA
O pasado venres, 17 de febreiro, toda a comunidade escolar do noso IES desfrutou da festa do Entroido que, promovida pola Dirección, comezou ás 11,45 horas. Unha banda de gaitas creada ao efecto, a iniciativa do departamento de Música, percorreu o Instituto a modo de "chamada" para as actividades lúdicas que tiveron lugar no Salón de Actos. Interpretáronse cantigas de Entroido, houbo bailes, e gran parte do alumnado, profesorado e persoal non docente, en comparsas e convenientemente disfrazados, fixéronnos rir moito a todos. No transcurso da xornada convidouse aos participantes a catar deliciosos produtos típicos de Entroido, parte deles elaborados "en directo" por profesores e persoal do centro, coa colaboración da ANPA. E aínda que hoxe toca enterrar a sardiña, ben podemos facer unha última homenaxe ás filloas que "zampamos" ese día: fariña, leite, ovos e auga; doces ou salgadas; feitas á pedra ou na tixola; para comer soas ou con azucre, mel, crema ou nata;
finas ou gordas, pero todas filloas, "que gordas, que delgadas, comemos enroladas".

REPORTAXE
E despois de agradecer á Dirección, departamentos e comunidade escolar en xeral, a promoción, colaboración e participación nestas actividades, facemos unha narración máis ampla e documentada do suceso (que para iso é unha reportaxe) cunha presentación
de fotos das persoas que interviron no festival, e algunhas das coplas recitadas
(unha de alumnos/as e outra de "profes")
 

E seguindo co repaso dos xéneros xornalísticos, agora virían os...

ARTIGOS DE OPINIÓN, COMENTARIOS, etc. 
(Opinións xa moi subxectivas, cunha visión particular dos feitos. Pois veñan!...)


Recursos sobre o Entroido en >

13 feb 2012

No Día dos namorados (14 de febreiro), dous poemas de amor.



Todas as cartas de amor son
ridículas.
..........................
Non serían cartas de amor
se non fosen ridículas.
............................
Tamén escribín no meu tempo cartas de amor,
como as demais, ridículas.
...............................
As cartas de amor, se hai amor,
teñen que ser ridículas.
..............................
Pero á fin e ao cabo,
só as criaturas que nunca escribiron cartas de amor
si que son ridículas.
...........................
Quen me dera no tempo en que escribía,
sen decatarme, cartas de amor
ridículas!
.............................
A verdade é que hoxe os meus recordos
desas cartas de amor, si que son
ridículos.

(Todas as palabras esdrúxulas,
como os sentimentos esdrúxulos,
son, naturalmente, ridículas)

Tradución ao galego normativo (grande atrevemento, por certo) do poema de amor máis coñecido do escritor portugués Fernando Pessoa "Todas as cartas de amor são ridículas"


Poema de amor de Celso Emilio Ferreiro á súa muller (Moraima)
    
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a esperanza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero sorrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é clara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.

Para escoitalo, premer no "play"

29 ene 2012

30 de xaneiro. Día escolar pola PAZ: “A poesía é unha arma cargada de futuro” (Gabriel Celaya)


XOGO RUÍN

Luís Pimentel  (Lugo 1895-1958) Versos do poemario "Sombra do aire na herba"

Aquel neno
pincháballes os ollos
aos paxaros;
e gustáballe ver saír
esa gotiña
de aire e de luz,
ese rocío limpo
de mañanciñas frescas.
..........................................
Logo, botábaos
a voar
e ríase de velos
topar contra o valado
da súa casa,
con un ruido moi triste.
.........................................
Creceu e foi de aquiles.




XOGA POLA PAZ: http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1292832911/contido/exemplos/paz.html

UN VÍDEO POLA PAZ:
Da película "O gran ditador", de Charlie Chaplin >


Versión orixinal, subtitulada en portugués  >  AQUÍ

UN DEBUXO POLA PAZ


A derradeira lección do mestre (CASTELAO)

“Ollo por ollo e o mundo acabará cego”

14 ene 2012

Isaac Díaz Pardo (In memoriam)

Video en YouTube "Lembrando a Isaac" http://youtu.be/SVS4YYW1xyA

     O intelectual, conservador-libertario, e referente do galeguismo histórico, Isaac Díaz Pardo (Compostela, 1920), finou o 5 de xaneiro no Hospital San Rafael d´A Coruña, logo de pasar varios días hospitalizado a causa dunha pneumonía. Fillo do pintor Camilo Díaz Baliño, o seu pai foi asasinado nos primeiros momentos da Guerra civil española, feito que o marcou fondamente.
     Despois da guerra cursou estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando. A partir de aí, comezou a súa participación pública en diversas iniciativas. En 1941 participou na primeira experiencia española sobre deseño industrial, e en 1942 fixo unha viaxe de estudos en Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro (Europa e América). Abandonou despois as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada), o que repite na Arxentina, onde construíu xunto con outros destacados galeguistas o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, a editorial Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, etc. Como escritor de ensaio e crítica, destacan os seus libros Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luis Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos, etc, ademais de abondosos artigos en prensa. Recibiu diversas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988) ou a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo en 2007. No ano 2009 foi designado Chairego de Honra pola Irmandade Manuel María.

Recuperamos un artigo de opinión de ISAAC DÍAZ PARDO, na columna
“Crónicas inconformistas”. (Voz de Galicia do luns, 1 de decembro de 2008)

Valentín García Gómez, novo secretario xeral de Política Lingüística

O até agora técnico de normalización lingüística do Concello da Estrada e coordinador da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta é o substituto de Anxo Lorenzo á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística do goberno galego, co que xa estaba colaborando. Anxo Lorenzo, por outra banda pasa a ser Secretario Xeral de Cultura, un dos cambios derivados da remodelación do goberno galego.
“No es tan difícil ser leal al idioma, gobierne quien gobierne” | Galicia | EL PAÍS (4-3-2012)
Lexislación básica sobre o galego| Secretaría Xeral de Política Lingüística 

21 dic 2011

BO NADAL!

Bo Nadal, Felices festas e Próspero Aninovo desde o EDLG do IES As Mercedes (LUGO)

on PhotoPeach






Fotos da exposición do alumnado de ESO á entrada do Instituto
(venres, 28 de outubro, 2011)

10 dic 2011

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS (10 de decembro)

O 10 de decembro de 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou a Declaración Universal de Dereitos Humanos. Tras este acto histórico, a Asemblea pediu a todos os Países Membros que publicasen o texto da Declaración e dispuxesen que fose «distribuído, exposto, lido e comentado nas escolas e outros establecementos de ensino, sen distinción fundada na condición política dos países ou dos territorios» “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros” (Art. 1º)

“Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado por mor das súas opinións, ou de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión” (Artigo 19

Nunca está de máis botar unha ollada atenta aos 30 artigos, do texto completo da Declaración Universal de Dereitos Humanos, que figuran a continuación no seguinte enlace: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Ref.int-1_DeclUniversalDtos.pdf
Tamén: Amnistía Internacional
Grupo de AI Lugo: Amnistía Internacional Lugo

18 nov 2011

Os medios en galego e a escasa conciencia de país

Interesantes reflexións sobre este tema nunhas xornadas celebradas na facultade de Xornalismo da USC , e tituladas significativamente "Os medios en galego, importan?":
José Luis Gómez: "Estamos nun país, se se lle pode chamar así, onde os medios en galego NON importan"

14 nov 2011

LECTURAS OBRIGADAS :"POLAROID" (NOS 25 ANOS DA SÚA PUBLICACIÓN)

Eu son ese relato que gustas de ler, lector, que me les, inmóbil. "Eu son ese relato. Suso de Toro (Prosa galega)”

'Polaroid' é un libro de narracións que enlaza tanto coa cultura underground dos anos setenta como co tempo da cultura pop, da produción de obxectos industriais de consumo en serie, do tempo dos medios de comunicación audiovisuais e da cultura da música pop anglosaxona. Mais tamén é un libro que trata das linguaxes, da lingua e os seus diversos niveis e usos; que xoga e experimenta coa linguaxe narrativa; que ironiza sobre a literatura e as súas retóricas; que utiliza, a partir da oralidade, todo tipo de materiais atopados, creados, manipulados para facer literatura… Considerado como libro aberto, e polo tanto conceptual e poético, Polaroid constitúe unha auténtica máquina de fabricar significados en todas as direccións, un artefacto literario para provocar cavilacións e emocións, para non deixar indiferente ao lector ou lectora. Tematicamente, aborda tanto as cuestións do tempo contemporáneo como da memoria, deitando unha mirada sobre o país, na ruptura co seu pasado, no esgazamento da cidade que esquece o campo, do presente que esquece o pasado. Un libro que ten o sentido e a alma esgazados. Un libro concibido para mergullarse no seu tempo e pelexar furioso contra el.
Para saber máis:
Entrevista: "O discurso dos 'kamikazes' pode ser desesperado, nunca nihilista"
Reportaxe:
Meteorito 'Polaroid'
Acto literario: 25 aniversario de “Polaroid” de Suso de Toro: Acto literario en Compostela - Xerais
LOS LABERINTOS DEL SENTIDO (una lectura de "Polaroid" de Suso de Toro):

 Estudo crítico. A literatura galega dos 80. "Polaroid"...

11 nov 2011

Cando a Lingua "sabe a pan" (de Cea)

Parabéns ao CPI Virxe da Saleta por este vídeo. Marabilla!
"Unha lingua é boa cando sabe a pan, a pan fresco que se mete na boca" (Álvaro Cunqueiro)


http://centros.edu.xunta.es/cpivirxedasaleta/

VERSIÓN KARAOKE

LETRA
Gústanos falar idiomas
inglés, francés e castelán,
pero temos lingua propia
ninguén o pode negar.

Amasada amodiño
dende hai moito tempo atrás
cocida a lume lento
lista para o teu padal.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar

Nos versos de Rosalía
nos piñeiros de Pondal,
no folk de Fuxan Os Ventos
no rock bravú e máis no rap.

Escóitase pola radio
tamén na TVG,
pero bótase de menos
en moitos outros sitios máis.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar. (...)

4 nov 2011

Día da Ciencia en galego (4-novembro-2011)

A celebración do Día da Ciencia en Galego contribúe a poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e na investigación. Para conmemorar esta data, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición da cidadanía na súa web diversos recursos e información de utilidade para avanzar na consolidación do galego na ciencia.
http://www.xunta.es/linguagalega/dia_da_ciencia_en_galego


"A ciencia no punto de MIRA" (Auga Editora-2010)
Interesante, ameno e entretido libro de Jorge Mira, con 63 anécdotas ou curiosidades científicas, donde se demostra que o galego está capacitado e ten vocabulario suficiente para a ciencia. Moi acaído para ler hoxe ...