Interesantes reflexións de Xosé Luís Regueira no acto de ingreso como académico numerario da Real Academia Galega o pasado 2 de xuño de 2012. Nun brillante discurso que titulou Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI, Regueira alerta do aumento do galego oral con fonoloxía castelá e fai un interesante percorrido polas culturas orais, o paso da oralidade á escrita e a revolución dos medios de comunicación.
(O discurso completo pode descargarse en > Discurso+XOSE+LUIS+REGUEIRA.pdf)
" Eu, señores académicos, tiven a sorte, ou así mo parece a min, de nacer, dar os meus primeiros pasos e pronunciar as miñas primeiras palabras, nun mundo que xa non existe. Naquel mundo a vida falaba galego, e o castelán pertencía ao mundo exterior (o cura, a mestra, a radio, a vila...). A vida falaba. Era unha sociedade fundamentalmente oral, onde a palabra dada tiña o valor dun documento asinado, e na que o meu primeiro contacto coa literatura se produciu no colo dunha irmá de miña avoa, a tía Emilia, que me contaba do castelo de Irás e non Volverás, do cabalo do vento e do cabalo do pensamento, e de princesas encantadas en figura de cobra.
Seguramente as razóns son máis prosaicas, mais téntame pensar que a miña dedicación profesional ao estudo da pronuncia e da lingua oral ten algunha relación con estas miñas orixes. Así que o tema que vou desenvolver neste discurso trata da lingua falada. (> LER MÁIS)










