22 jun 2012

Correlingua 2012 - LUGO

Agora que chega o verán, a calor, o ARDE LUCUS, as vacacións..., e aínda que algo tarde, faltaba por amosarvos esta presentación de fotos, para o recordo e a lembranza, do pasado día 8 de maio en que chovía a chuzos, a arroiar, a ballón, a cachón, a caldeiradas, a canados, a ceo aberto, a chapuzos, coma quen a envorca, ás cuncas, a Deus dar, a manta, a mares, a varrer, a xerros, que metía medo...


Moito debe chover en Galicia para que o galego teña máis de 70 palabras para chuvia:

1.   arroiada: choiva forte e intensa
2.   babuña: chuvia miúda e pouco intensa
3.   babuxa: chuvia miúda e pouco intensa
4.   ballón: tromba de auga forte e intensa
5.   balloada: chuvia intensa que se prolonga varios días seguidos
6.   barbaña: chuvia miúda e pouco intensa
7.   barbuña: chuvia miúda e pouco intensa
8.   barbuza: chuvia miúda e pouco intensa
9.   barrallo: chuvia miúda e pouco intensa
10. barrufa: chuvia miúda e pouco intensa
11. barrufo: chuvia miúda e pouco intensa
12. barruñeira: chuvia miúda e pouco intensa
13. barruzada: chuvia fina e persistente
14. barruzo: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
15. basto: chuvia repentina, intensa e curta
16. bátega: chuvia repentina, intensa e curta
17. bategada: tromba de auga forte e intensa, repentina e curta
18. borralla: chuvia miúda e pouco intensa
19. borrallada: chuvia miúda e pouco intensa
20. brea: chuvia forte e con vento
21. breca: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
22. calistro: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
23. cebra: chuvia repentina, intensa e curta  .. acompañada de vento
24. cebrina: temporal de chuvia e neve con vento forte
25. cebrisca: temporal de chuvia e neve con vento forte. Sarabiada forte
26. chaparrada: tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta
27. chaparrazo: choiva forte e intensa,  repentina, intensa e curta
28. choiva: precipitación en forma de pingas, chuvia
29. chuiva: variante dialectal de chuvia
30. chuva: variante dialectal de chuvia
31. chuvascada: precipitación intensa, acompañada case sempre de vento forte
32. chuvasco: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte
33. chuvia: precipitación en forma de pingas, choiva
34. chuvieira: chuvia forte e intensa, tromba de auga forte e intensa
35. chuviñada: chuvia miúda e pouco intensa
36. chuviñeira:  chuvia repentina, intensa e curta
37. chuvisca: chuvia miúda e pouco intensa
38. chuviscada: chuvia miúda e pouco intensa
39. cifra: chuvia forte e con vento
40. ciobra: chuvia forte e con vento
41. coriscada: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
42. corisco: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
43. decembra: chuvia forte e prolongada habitual en decembro
44. diluvio: chuvia moi  abundante e intensa (cando se refire ao tema bíblico)
45. dioiva: chuvia moi  abundante e intensa
46. dioivo: chuvia moi  abundante e intensa
47. escarabana: auga moi fría con sarabia
48. froallo: chuvia miúda e pouco intensa
49. lapiñeira: chuvia miúda e pouco intensa
50. marceada: tempo con claros e chuvias propio de marzo
51. marmaña: chuvia miúda e pouco intensa
52. mera: chuvia moi fina que se desprende da néboa mesta
53. morriña: chuvia miúda e persistente
54. morriñada: chuvia miúda e persistente
55. orballada: chuvia miúda e de pouca duración
56. orballeira: chuvia miúda e de pouca duración
57. orballiscada: orballo moi fino, que case non chove nada
58. orballo: chuvia fina e persistente,
59. patiñeira: chuvia fina e persistente
60. patumeira: chuvia fina e persistente
61. poalla: chuvia miúda e pouco intensa,
62. poallada: chuvia miúda e pouco intensa
63. poallo: chuvia miúda e pouco intensa
64. poalleira: chuvia miúda e pouco intensa
65. salseiro: pingas de auga que producen unha néboa mesta provocada polo vento no mar
66. torba: auga de chuvia mesturada con neve fina
67. torbada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
68. torboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
69. torbón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
70. treboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
71. trebón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
72. xistra: chuvia e neve con vento moi frío
73. zarapallada: chuvia miúda e pouco intensa
74. zarracina: chuvia abundante con moito vento
75. zarzallo: chuvia miúda e pouco intensa

Para saber máis > Nomes galegos para o chover (www.ogalego.eu)

12 jun 2012

Repaso de SINTAXE (2º ESO)


E completamos o apartado "Unha lingua irmá no sur", do tema 9 con este mapa, (2º ESO): Lusofonía é o conxunto de países que teñen como lingua oficial o portugués. Existen oito países lusófonos, nos cales o portugués é lingua oficial: Portugal, Brasil, Cabo Verde, Angola,  Mozambique, San Tomé e Príncipe, Guinea-Bissau e Timor Leste. (As illas/arquipélagos atlánticos de Madeira e Açores pertencen ao actual estado portugués). Máis de 200 millóns de habitantes na área lingüística galego-luso-brasileira.

4 jun 2012

"Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI"

Interesantes reflexións de Xosé Luís Regueira no acto de ingreso como académico numerario da Real Academia Galega o pasado 2 de xuño de 2012. Nun brillante discurso que titulou Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI, Regueira alerta do aumento do galego oral con fonoloxía castelá e fai un interesante percorrido polas culturas orais, o paso da oralidade á escrita e a revolución dos medios de comunicación.

(O discurso completo pode descargarse en > Discurso+XOSE+LUIS+REGUEIRA.pdf)


" Eu, señores académicos, tiven a sorte, ou así mo parece a min, de nacer, dar os meus primeiros pasos e pronunciar as miñas primeiras palabras, nun mundo que xa non existe. Naquel mundo a vida falaba galego, e o castelán pertencía ao mundo exterior (o cura, a mestra, a radio, a vila...). A vida falaba. Era unha sociedade fundamentalmente oral, onde a palabra dada tiña o valor dun documento asinado, e na que o meu primeiro contacto coa literatura se produciu no colo dunha irmá de miña avoa, a tía Emilia, que me contaba do castelo de Irás e non Volverás, do cabalo do vento e do cabalo do pensamento, e de princesas encantadas en figura de cobra.
Seguramente as razóns son máis prosaicas, mais téntame pensar que a miña dedicación profesional ao estudo da pronuncia e da lingua oral ten algunha relación con estas miñas orixes. Así que o tema que vou desenvolver neste discurso trata da lingua falada. (> LER MÁIS)

17 may 2012

17 de maio."Día das Letras Galegas": GALICIA COMO TAREA.

Galiza un pouco cada día morre...
Se non viramos rumbo ao navegar
Poñamos vela ao vento que hoxe corre
Ronsel abrindo cara un novo mar

(Cen Chaves de Sombra, Valentín Paz Andrade)

13 may 2012

Vocabularios corrixidos dos temas 6,7,8,9 (2º ESO)

Feitos por: Jesús Padorno, Uxía Freire, de 2ºESO-B
Alfonso Díaz Sal e Sara Fernández Goris, de 2ºESO-A

1 may 2012

Un ano máis, volve o "Correlingua" (LUGO, martes, 8 de maio)

 Lugar: LUGO, Praza de Santa María
Programa:
Hora de chegada: 11:00 - Hora de remate prevista: 13:00 -13:30
Hora de comezo-actividades: 11:15 - Hora prevista acto final: 12:00
Itinerario:
Saída da Praza de Santa María. Chegada á Porta do Bispo Aguirre.  Segue pola ronda deica a entrada da Muralla pola Porta do Campo Castelo. Paso pola Praza Maior. Crúzase de novo a Praza de Santa María para subir á Muralla pola porta de Santiago. Volta á muralla. Chegada á praza de Santa María.
Actuacións: Cantalingua
Actividades extraordinarias: ENTREGA DE PREMIOS E AGASALLOS
COLABORAN: CONCELLO DE LUGO - CONCELLARÍA DE CULTURA
DEPUTACIÓN DE LUGO - VICEPRESIDENCIA
---------------
Co permiso da autoridade, e se o tempo non o impide, malia o que diga este señor, alí nos veremos, como todos os anos > Correlinguas  2012, 2011, 2010, 2009, 2008, 2007, 2006...


Queremos aclararlle ao ilustre tertuliano "opinalotodo" que esta actividade nunca é obrigada para o alumnado. Van os que queren, co permiso de seus pais que en todo momento están informados da actividade e dos seus obxectivos. Pero parécenos mal, moi mal, que por tratar de defender e contribuír á normalización da nosa lingua nos chame "terroristas" e que educamos a "terroristas". 

Por se lle serve de algo, informámolo do seguinte:

 

Que é un EDLG/ENDL? (Equipo de Normalización Lingüística)


É un órgano consultivo e dinamizador dos centros de ensino para os eidos lingüístico e cultural. Forma parte da estrutura administrativa, docente e didáctica dos centros e está integrado por mestres/as e profesores/as dos distintos niveis, por alumnos/as (cando a idade o permite) e por representantes do persoal non docente. Un membro do profesorado actúa de coordinador.

Cada equipo concreto establece o seu funcionamento e a súa organización en concordancia co que dispoña o regulamento orgánico do seu centro. Lexislación vixente (Decreto 124/2007)

A súa función primordial é conseguir que os alumnos/as poidan chegar a ser competentes na lingua galega e usala digna e normalmente.

 

(Para saber máis, preme >  AQUÍ )

 

Cal é a finalidade do Correlingua?


Se temos en conta a importante perda de falantes de galego que reflicten os estudos que se veñen realizando e que se está a producir entre a poboación máis nova é evidente o interese que ten a dinamización lingüística entre a mocidade.
Por isto cómpre chamar a atención de todas as instancias político-sociais a respecto de intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma. Asemade, cómpre facelo incorporando a mocidade coa súa participación activa.

Os obxectivos concretos do Correlingua que desenvolven e enriquecen a idea
anteriormente exposta son tres:

1.- Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar accións en prol dela.
2.- Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua.
3.- Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas, e interdisciplinares. 

As actividades do Correlingua  –especialmente as actividades preparatorias (certames, concursos, pancartas, etc.)– diríxense fundamentalmente ao alumnado de centros de ensino , tanto de titulariedade pública coma privada, de diferentes niveis. Xa que logo, contamos coa participación de nenos e nenas de educación infantil, primaria, secundaria e postobrigatoria.
Porén, as actividades non se circunscriben ao alumnado, senón que a través de fórmulas de colaboración varias, participan tamén entidades asociativas de ámbitos diversos. Asemade, coa difusión en medios de comunicación e coas propias actividades espállanse tamén mensaxes de defensa e promoción da lingua na sociedade en xeral.

> Descarga aquí a Unidade Didáctica de Secundaria

Valentín Paz-Andrade tamén participaba nos Correlinguas

Cómpre lembrar, neste ano en que Valentín Paz Andrade é o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas-2012, que el mesmo participou nas carreiras pola lingua, cando esta actividade deportivo-reivindicativa comezaba trotar polas rúas de Vigo, na década dos 80. O Correlingua de hoxe é o sucesor das carreiras pola lingua de entón, e como daquela quere seguir reclamando a atención do conxunto da sociedade sobre o noso idioma.
(Vía > GAVIEIRA)

25 abr 2012

Máis concursos: "LINGUA DE NAMORAR" (SXPL)


Lingua de namorar  é un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas e de Internet, é dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

O concurso Lingua de namorar consiste en enviar unha mensaxe de amor, dun máximo de 350 caracteres, que poderá redactarse en prosa ou en verso. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

O prazo para enviar as mensaxes permanecerá aberto ata o 17 de maio. Para participar é preciso cubrir o formulario de inscrición que atoparás na páxina >
 (.../...)

17 abr 2012

CERTAME DE POESÍA E MICRORRELATO "Letras Galegas" IES As Mercedes

 BASES
                                                                                                                                  
1ª.- Poderán participar neste Certame, por categorías e modalidades:

A.- Alumnado de 1º e 2º ciclos de ESO.
B.- Alumnado de BAC e CICLOS FP.
2ª.- O Xurado, composto polos profesores do EDLG e do Departamento de Lingua Galega, concederán tres premios ás mellores  POESÍAS e outros tres aos mellores MICRORRELATOS de cada categoría (ESO ou BAC/CICLOS FP).

1º PREMIO: diploma e agasallo.
2º PREMIO: diploma e agasallo.
3º PREMIO: diploma e agasallo.

3ª.- Tanto as POESÍAS como os MICRORRELATOS deberán ser inéditos,
escritos en lingua galega, e mecanografados a dobre espazo por unha soa cara en Microsoft Word / OpenOffice predeterminado. O tema é libre.

4ª.- Os traballos poden entregarse na Conserxaría do Centro nun sobre cerrado indicando claramente a categoría (ESO- BAC/CICLOS) e a modalidade (POESÍA / MICRORRELATO). Dentro, noutro sobre, aparecerán consignados o nome e apelidos e o curso e grupo do autor/a. Outra opción, preferida polo Xurado, consiste en que o alumnado inscrito na  AULA VIRTUAL do IES As Mercedes  suba os traballos ao curso "Certame Letras Galegas-2012"
, creado para tal efecto no Departamento de Lingua Galega, asinando a súa actividade cun pseudónimo e entregando na Conserxaría un sobre pehado no que conste o devandito nome ficticio, e o nome real e curso do autor/a no seu interior. (Os que non estean inscritos, poden falar co profesor José Pedrouzo para se matricularen, e así ter acceso a esta aplicación)

5ª.- A extensión máxima das POESÍAS será de unha páxina. Os RELATOS non deberán exceder as dúas páxinas (200-400 palabras +/-)

6ª.- O prazo de presentación remata ás 14,10 horas do luns, 14 de maio.

7ª.- Os traballos  gañadores deste Concurso faranse públicos nos taboleiros de entrada do IES, e recibirán o seu agasallo no transcurso dos actos que se celebren no Instituto co gallo do “Día das Letras Galegas”, este ano adicado ao
xurista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista .
VALENTÍN PAZ-ANDRADE.

8ª.- Estas bases deberán ser acatadas por todos os participantes neste Certame e o veredito do Xurado será inapelable.
        
Organiza:
Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG)
Departamento de Lingua Galega
IES As Mercedes - LUGO
___________

Recursos para escribir microrrelatos, con exemplo, en > 
Decálogo para facer os mellores microcontos (neste blog) 
Escola de escritores IES As Mercedes
Recursos para escribir poemas en > Construir poesia > Como medir versos
O xénero lírico: introdución (< do blog Remexer na lingua)
Recursos sobre "Letras Galegas 2012"/Valentín Paz-Andrade en > ( RECANTO de MIK)

4 abr 2012

IV CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA. Convocan e organizan os Departamentos de Debuxo, Matemáticas e EDLG do IES As Mercedes (LUGO)

Para máis información, preme aquí >


BASES
¿Quen se pode presentar?
- Modalidade A (concurso-exposición): Pode participar todo o alumnado de ESO, PCPI, Bacharelato e Ciclos formativos do IES As Mercedes así como todos os alumnos e alumnas dos centros adscritos; CPI As Mercedes, CPI do Corgo e doutros CPIs de Lugo.
- Modalidade B (exposición): Calquera membro da comunidade escolar do IES As Mercedes.
¿Que hai que facer?
Categoría A.- Fotografías que mostren exemplos da presenza das matemáticas no noso contorno.
Categoría B.- Montaxes fotográficas nas que aparezan contidos, formas ou ideas das matemáticas.
Nas dúas categorías as fotografías deberán levar un título en lingua galega relativo ás matemáticas.
¿Como se presentan as fotos?
Categoría A.- As fotografías presentaranse en formato de arquivo JPEG.
Categoría B.- As fotografías presentaranse en formato de arquivo JPEG cunha copia en formato de arquivo PSD (Photoshop) ou XCF (GIMP). Os arquivos poderán enviarse comprimidos.
- Remitiranse mediante correo electrónico á dirección ies.asmercedes@gmail.com indicando no asunto: concurso fotográfico. No correo incluirase o nome e apelidos do autor, e no caso do alumnado, o centro e curso no que está matriculado. Tamén se incluirá o título da fotografía que debe facer referencia a algún contido matemático.
- Os autores das fotografías autorizarán a reprodución das fotos presentadas nas publicacións e páxinas web do IES As Mercedes.
- As fotografías premiadas poderán formar parte do deseño do cartel da próxima edición do concurso.
Data límite de presentación: 4 de maio de 2012.

PREMIOS
Categoría A:   1º premio.- Un vale para a adquisición de material fotográfico.
                        2º premio.- Un vale para a adquisición de material fotográfico.
Categoría B:  Premio único.- Un vale para a adquisición de material fotográfico.

¿Que vai ter en conta o xurado?
- A orixinalidade e creatividade das fotografías e do seu título.
- No caso de que o xurado considere que as fotografías presentadas non teñen un mínimo de calidade, nin unha relación evidente coas matemáticas, o premio do concurso poderá quedar deserto.
- O xurado estará composto por un profesor do departamento de matemáticas, outro do departamento de debuxo, outro do departamento de lingua galega, un representante do alumnado e un membro do equipo directivo.
- A participación no concurso significa a aceptación das presentes bases.
______________________________________________

Organizan:
Departamento de Matemáticas,  Departamento de Debuxo
e Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG).
______________________________________________

Nas seguintes presentacións podedes ver as fotografías premiadas, accésits, fotografías seleccionadas na fase final, e tamén outras presentadas fóra de concurso,
de anos anteriores.
______________________________________________
I Concurso de fotografía matemática

3 abr 2012

LUME NAS FRAGAS DO EUME. Arde o mellor bosque atlántico europeo e un dos lugares máis fermosos de Galicia. (Quen terá a culpa?...)

- Canción: As árbores da fraga. (Fol do vento)
View more PowerPoint from martamariaalicia

As árbores da fraga

Estaba o acivro
de garda na fraga,
pasou o carballo
e non lle dixo nada.

Chegou o eucalipto
á porta petar,
o acivro de garda
non o deixou pasar.

Entrou o bidueiro
e máis o salgueiro,
tamén o cerquiño
e o ameneiro.

Pasou o pradairo
seguido do freixo,
tamén a abelaira
e o castiñeiro.

Logo entrou o buxo
e máis a sobreira,
despois veu a faia
xunto coa ulmeira.

-Vaite eucalipto
non insistas máis
que aquí na fraga
 non podes entrar.

(Xosé Lois Seixo Fernandez)
http://www.blogoteca.com/galefas/