14 oct 2012

Concurso SAMAÍN-2012

CONCURSO DE CABAZAS-2012.
FESTA DO “SAMAÍN”

 OBXECTIVO:

Fomentar a participación lúdica e colectiva na recuperación das nosas tradicións populares.

BASES:

1.- Poderá participar calquera alumno/a do IES As Mercedes de LUGO (ESO, BAC, CICLOS FP) que presenten unha cabaza para a exposición que se amosará nos corredores do IES dende o luns, 29 de outubro, ao 2 de novembro de 2012 .

2.- A cabaza traerase tallada da casa e entregarase ao profesorado de Galego ou en Conserxaría. Soamente se poderá presentar unha por participante.

3.- Con cada cabaza irá un papeliño cun lema, nome, título, frase ou texto curto en LINGUA GALEGA que faga referencia á cabaza presentada. Na parte de atrás do papel irá consignado o nome e apelidos do autor/autora, e o curso ou grupo ao que pertence o alumno/a.

4.- O xurado estará composto polo Profesorado de Lingua Galega, membros de EDLG, e un representante da Dirección. Cada membro do xurado terá un sobre no que votará cales son as mellores cabazas en cada categoría. As cabazas levarán un número para ser identificadas polo xurado sen coñecer o nome da persoa que a elaborou.

5.- Establécense tres premios:

a. Premio á mellor tallada e decorada.
b. Premio á máis simpática.
c. Premio á que máis medo dea.

(En todas se valorará a orixinalidade do título, nome, frase ou texto que as acompaña)

6.- Posto que o obxectivo deste concurso é que todos pasemos un bo rato e colaboremos na recuperación das nosas festas e tradicións, os premios serán “agasallos-sorpresa” cos cales queremos amosar o noso agradecemento pola vosa participación.

7.- A participación neste concurso implica a aceptación íntegra destas bases.
           
Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG)
Departamento de Lingua e Literatura Galega
IES As Mercedes-LUGO

________________________________________________________________

Algunhas notas e breves apuntamentos sobre as festas de Outono
(Samaín, Defuntos, Magosto, Santos, etc.),
 na seguinte presentación:



Para ver as do ano pasado, preme > AQUÍ

E para recursos e información do Samaín no RECANTO DE MIK > http://www.blogoteca.com/orecantodemik/?txtBus=samain&cmdBuscar=Buscar&pag=0&aBuscar=1

12 oct 2012

Cliphistoria

Canle de recursos audiovisuais para o ensino da Historia de Galicia e de España a través de clips de filmes e ao tempo unha reivindicación do cinema español e latinoamericano.


Tamén > http://www.youtube.com/user/recunchodamemoria

Toda a nosa historia en 90 segundos



21 sept 2012

Lingua minoritaria vs. lingua minorizada



O galego en Europa / Escenario da lingua galega / Principais linguas faladas en Europa / Linguas oficiais e non oficiais > AQUÍ
Lingua minorizada > AQUÍ
Lingua minoritaria > AQUÍ
Bilingüismo > AQUÍ
Diglosia > AQUÍ
Lusofonía > AQUÍ
Normativa oficial do idioma galego > AQUÍ 
Novas normas ortográficas (2003) da lingua galega
Cronoloxía da evolución da normativa > AQUÍ
Reintegracionismo > AQUÍ
Mapa das linguas no mundo

17 sept 2012

Como cada comezo de curso, xa se pode descargar na páxina da CGENDL o Calendario Escolar para o Curso 2012-2013. Tédelo á vosa disposición en diversos formatos (anual, mensual e temporalizacións por trimestre) para os diferentes niveis educativos na seguinte ligazón:

Imaxin Galgo 2.0

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, presentou este luns na Cidade da Cultura a nova versión do corrector de galego 'Imaxin Galgo 2.0', unha ferramenta que "facilitará" o uso do galego dentro das novas tecnoloxías e que constitúe "o máis completo do mercado".

Durante a súa intervención, Xesús Vázquez lembrou que a ferramenta "favorece o uso correcto" do galego, á vez que permite a súa "aprendizaxe", dado que inclúe a corrección de léxico incorrecto en galego e suxestións.

Ao mesmo tempo, destacou, "mellora o prestixio do galego" e favorece a súa presenza nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, así como outras iniciativas apoiadas pola Xunta no marco do Plan Xeral de Normalización dá Lingua e da Axenda Dixital 2014.gal, como o Dicionario de pronuncia de lingua galega online ou a candidatura de dominio .gal.

Ademais de Xesús Vázquez, na presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira Álvarez; a concelleira de Educación de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez; Manuel González González, membro da Real Academia Galega e Diego Vázquez Rei, representante da empresa galega que desenvolveu en corrector, Factoría de Software e Multimedia, S.L.

O corrector Imaxín Galgo 2.0, que pode descargarse de forma gratuíta na web http://www.xunta.es/linguagalega/galgo, é unha versión actualizada desta ferramenta, que presenta tres novidades fundamentais: está adaptado á normativa da Real Academia Galega de 2003, está actualizado para as novas versións de Microsoft Word para Windows e conta con versión para Mac.

A diferenza doutros programas similares, ofrece a vantaxe de solucionar, á vez que os erros tipográficos e ortográficos, outros de carácter léxico.

4 jul 2012

Apareceu o Códice Calixtino..., e estaba nun garaxe!


Após un ano do roubo (VER NESTE MESMO BLOG > U-lo Códice Calixtino? 7-xullo-2011), o manuscrito do século XII foi achado nunha casa do Milladoiro, no Concello de Ames. Nas últimas horas foran detidas catro persoas en relación con estes feitos: un ex-traballador da Catedral e tres familiares.

Inicio de novela histórica, final de sainete ou simplemente, de trapallada. Vinte e catro horas antes de cumprirse un ano do salto á opinión pública da desaparición do Códice Calixtino, o círculo pechouse nun escenario con pouco de intriga vaticana e moito de cadro costumista. Nun garaxe do Milladoiro, localidade do Concello de Ames separada uns poucos metros de Santiago de Compostela, que cumpría funcións de rocho, tapado por ladrillos e sacos de cemento e cuberto por bolsas de plástico, pero en bo estado, aparecía a obra datada no século XII, de incalculable valor. Segundo testigos presenciais, nin o xuíz Antonio Vázquez Taín nin os axentes que efectuaron a operación puideron conter a emoción ante un achado que ten pouco de espectacular e moito de metáfora no que ao coidado do patrimonio histórico se refire. (...) LER MÁIS en:

> O Códice Calixtino estaba nun garaxe - Sermos Galiza
> Galiciaé - Atopan o Códice Calixtino nun garaxe de Milladoiro
> Un dos detidos confesou a ubicación do manuscrito | culturagalega.org
> O Códice Calixtino, unha xoia agochada nun garaxe - Praza Pública

1.200.ooo €: Isto de ser electricista na Catedral debe ser un choio, unha bicoca...

24 jun 2012

Día das Letras Galegas-2013 para Roberto Vidal Bolaño


O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o día 22 de xuño de 2012, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2013 a Roberto Vidal Bolaño.


Vidal Bolaño non é só un autor imprescindible na nosa literatura, senón tamén na dramaturxia europea do último cuarto do século XX.

Roberto Vidal Bolaño
(Santiago de Compostela, 1950-2002)


Trátase dunha figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario. Desde aqueles inicios nos anos setenta, coa mítica Xeración Abrente, ata o ano mesmo da súa morte, a produción literaria de Vidal Bolaño é constante e sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable. Só uns meses antes do seu pasamento, no número 50 da revista A Trabe de Ouro publicouse o texto do seu monólogo "Sen ir máis lonxe", que Méndez Ferrín cualificou como o seu testamento dramático. Ese mesmo ano a Real Academia Galega nomeouno Académico Correspondente.

É indiscutible a importancia da figura de Roberto Vidal Bolaño para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade.

A produción de Roberto Vidal Bolaño caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua. Ademais, hai na súa obra un inequívoco compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa constante preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política. Vidal Bolaño non é só un autor imprescindible para o noso sistema literario, senón que é considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX.

E con todo e achegar un currículo dramático inmellorable, o dun profesional que viviu sempre apegado ós escenarios, traballando en case todos os ámbitos da produción teatral, desde a dirección á iluminación, Vidal Bolaño non é soamente un home de teatro. Foi tamén un excelente actor e un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia (sempre dicía que en realidade el quixo ser director de cinema). O seu traballo como director e como guionista, aínda que non chega á dimensión do seu labor dramático, tamén merece unha consideración especial polas liñas que deixou trazadas para o desenvolvemento dun campo audiovisual galego que se expresase na lingua propia e dialogase co resto dos nosos campos culturais.

Por enriba de todo, Roberto Vidal Bolaño foi un extraordinario escritor. Fixo literatura dramática a consciencia, con vontade de intervir no sistema literario galego, de dialogar con outras obras e autores, de apoiarse nos nosos clásicos (como Rosalía, Otero Pedrayo ou Cunqueiro, por exemplo) e na obra dos seus contemporáneos. Súa foi a translación aos escenarios do Percival de Méndez Ferrín, por exemplo, ou do Xelmírez de Cortezón ou da Rosalía de Otero Pedrayo. Era un escritor consciente da pertenza da súa obra a un sistema literario rico e dinámico, en constante desenvolvemento.

A súa obra merece ser revisitada nos escenarios e especialmente nos textos, porque coma os grandes autores de todos os tempos, Roberto Vidal Bolaño foi quen non xa de describir o seu tempo, senón, sobre todo, de transformar a súa época. O teatro galego sábeo ben, e con el, o noso sistema literario.
> Ficha do autor

Máis recursos sobre Roberto Vidal Bolaño. Achegas na rede, en >  Revolta da freixa 

http://praza.com/cultura/3945/lvidal-bolano-centraba-a-sua-atencion-nos-marxinados-nos-peor-tratados-pola-sociedader/

http://praza.com/cultura/4108/un-dia-das-letras-anovado/

22 jun 2012

Correlingua 2012 - LUGO

Agora que chega o verán, a calor, o ARDE LUCUS, as vacacións..., e aínda que algo tarde, faltaba por amosarvos esta presentación de fotos, para o recordo e a lembranza, do pasado día 8 de maio en que chovía a chuzos, a arroiar, a ballón, a cachón, a caldeiradas, a canados, a ceo aberto, a chapuzos, coma quen a envorca, ás cuncas, a Deus dar, a manta, a mares, a varrer, a xerros, que metía medo...


Moito debe chover en Galicia para que o galego teña máis de 70 palabras para chuvia:

1.   arroiada: choiva forte e intensa
2.   babuña: chuvia miúda e pouco intensa
3.   babuxa: chuvia miúda e pouco intensa
4.   ballón: tromba de auga forte e intensa
5.   balloada: chuvia intensa que se prolonga varios días seguidos
6.   barbaña: chuvia miúda e pouco intensa
7.   barbuña: chuvia miúda e pouco intensa
8.   barbuza: chuvia miúda e pouco intensa
9.   barrallo: chuvia miúda e pouco intensa
10. barrufa: chuvia miúda e pouco intensa
11. barrufo: chuvia miúda e pouco intensa
12. barruñeira: chuvia miúda e pouco intensa
13. barruzada: chuvia fina e persistente
14. barruzo: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
15. basto: chuvia repentina, intensa e curta
16. bátega: chuvia repentina, intensa e curta
17. bategada: tromba de auga forte e intensa, repentina e curta
18. borralla: chuvia miúda e pouco intensa
19. borrallada: chuvia miúda e pouco intensa
20. brea: chuvia forte e con vento
21. breca: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa
22. calistro: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
23. cebra: chuvia repentina, intensa e curta  .. acompañada de vento
24. cebrina: temporal de chuvia e neve con vento forte
25. cebrisca: temporal de chuvia e neve con vento forte. Sarabiada forte
26. chaparrada: tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta
27. chaparrazo: choiva forte e intensa,  repentina, intensa e curta
28. choiva: precipitación en forma de pingas, chuvia
29. chuiva: variante dialectal de chuvia
30. chuva: variante dialectal de chuvia
31. chuvascada: precipitación intensa, acompañada case sempre de vento forte
32. chuvasco: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte
33. chuvia: precipitación en forma de pingas, choiva
34. chuvieira: chuvia forte e intensa, tromba de auga forte e intensa
35. chuviñada: chuvia miúda e pouco intensa
36. chuviñeira:  chuvia repentina, intensa e curta
37. chuvisca: chuvia miúda e pouco intensa
38. chuviscada: chuvia miúda e pouco intensa
39. cifra: chuvia forte e con vento
40. ciobra: chuvia forte e con vento
41. coriscada: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
42. corisco: trebón de auga fría con vento ou neve miúda
43. decembra: chuvia forte e prolongada habitual en decembro
44. diluvio: chuvia moi  abundante e intensa (cando se refire ao tema bíblico)
45. dioiva: chuvia moi  abundante e intensa
46. dioivo: chuvia moi  abundante e intensa
47. escarabana: auga moi fría con sarabia
48. froallo: chuvia miúda e pouco intensa
49. lapiñeira: chuvia miúda e pouco intensa
50. marceada: tempo con claros e chuvias propio de marzo
51. marmaña: chuvia miúda e pouco intensa
52. mera: chuvia moi fina que se desprende da néboa mesta
53. morriña: chuvia miúda e persistente
54. morriñada: chuvia miúda e persistente
55. orballada: chuvia miúda e de pouca duración
56. orballeira: chuvia miúda e de pouca duración
57. orballiscada: orballo moi fino, que case non chove nada
58. orballo: chuvia fina e persistente,
59. patiñeira: chuvia fina e persistente
60. patumeira: chuvia fina e persistente
61. poalla: chuvia miúda e pouco intensa,
62. poallada: chuvia miúda e pouco intensa
63. poallo: chuvia miúda e pouco intensa
64. poalleira: chuvia miúda e pouco intensa
65. salseiro: pingas de auga que producen unha néboa mesta provocada polo vento no mar
66. torba: auga de chuvia mesturada con neve fina
67. torbada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
68. torboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
69. torbón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
70. treboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta
71. trebón: tromba de auga forte e intensa, tormenta
72. xistra: chuvia e neve con vento moi frío
73. zarapallada: chuvia miúda e pouco intensa
74. zarracina: chuvia abundante con moito vento
75. zarzallo: chuvia miúda e pouco intensa

Para saber máis > Nomes galegos para o chover (www.ogalego.eu)

12 jun 2012

Repaso de SINTAXE (2º ESO)


E completamos o apartado "Unha lingua irmá no sur", do tema 9 con este mapa, (2º ESO): Lusofonía é o conxunto de países que teñen como lingua oficial o portugués. Existen oito países lusófonos, nos cales o portugués é lingua oficial: Portugal, Brasil, Cabo Verde, Angola,  Mozambique, San Tomé e Príncipe, Guinea-Bissau e Timor Leste. (As illas/arquipélagos atlánticos de Madeira e Açores pertencen ao actual estado portugués). Máis de 200 millóns de habitantes na área lingüística galego-luso-brasileira.

4 jun 2012

"Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI"

Interesantes reflexións de Xosé Luís Regueira no acto de ingreso como académico numerario da Real Academia Galega o pasado 2 de xuño de 2012. Nun brillante discurso que titulou Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI, Regueira alerta do aumento do galego oral con fonoloxía castelá e fai un interesante percorrido polas culturas orais, o paso da oralidade á escrita e a revolución dos medios de comunicación.

(O discurso completo pode descargarse en > Discurso+XOSE+LUIS+REGUEIRA.pdf)


" Eu, señores académicos, tiven a sorte, ou así mo parece a min, de nacer, dar os meus primeiros pasos e pronunciar as miñas primeiras palabras, nun mundo que xa non existe. Naquel mundo a vida falaba galego, e o castelán pertencía ao mundo exterior (o cura, a mestra, a radio, a vila...). A vida falaba. Era unha sociedade fundamentalmente oral, onde a palabra dada tiña o valor dun documento asinado, e na que o meu primeiro contacto coa literatura se produciu no colo dunha irmá de miña avoa, a tía Emilia, que me contaba do castelo de Irás e non Volverás, do cabalo do vento e do cabalo do pensamento, e de princesas encantadas en figura de cobra.
Seguramente as razóns son máis prosaicas, mais téntame pensar que a miña dedicación profesional ao estudo da pronuncia e da lingua oral ten algunha relación con estas miñas orixes. Así que o tema que vou desenvolver neste discurso trata da lingua falada. (> LER MÁIS)

17 may 2012

17 de maio."Día das Letras Galegas": GALICIA COMO TAREA.

Galiza un pouco cada día morre...
Se non viramos rumbo ao navegar
Poñamos vela ao vento que hoxe corre
Ronsel abrindo cara un novo mar

(Cen Chaves de Sombra, Valentín Paz Andrade)

13 may 2012

Vocabularios corrixidos dos temas 6,7,8,9 (2º ESO)

Feitos por: Jesús Padorno, Uxía Freire, de 2ºESO-B
Alfonso Díaz Sal e Sara Fernández Goris, de 2ºESO-A

1 may 2012

Un ano máis, volve o "Correlingua" (LUGO, martes, 8 de maio)

 Lugar: LUGO, Praza de Santa María
Programa:
Hora de chegada: 11:00 - Hora de remate prevista: 13:00 -13:30
Hora de comezo-actividades: 11:15 - Hora prevista acto final: 12:00
Itinerario:
Saída da Praza de Santa María. Chegada á Porta do Bispo Aguirre.  Segue pola ronda deica a entrada da Muralla pola Porta do Campo Castelo. Paso pola Praza Maior. Crúzase de novo a Praza de Santa María para subir á Muralla pola porta de Santiago. Volta á muralla. Chegada á praza de Santa María.
Actuacións: Cantalingua
Actividades extraordinarias: ENTREGA DE PREMIOS E AGASALLOS
COLABORAN: CONCELLO DE LUGO - CONCELLARÍA DE CULTURA
DEPUTACIÓN DE LUGO - VICEPRESIDENCIA
---------------
Co permiso da autoridade, e se o tempo non o impide, malia o que diga este señor, alí nos veremos, como todos os anos > Correlinguas  2012, 2011, 2010, 2009, 2008, 2007, 2006...


Queremos aclararlle ao ilustre tertuliano "opinalotodo" que esta actividade nunca é obrigada para o alumnado. Van os que queren, co permiso de seus pais que en todo momento están informados da actividade e dos seus obxectivos. Pero parécenos mal, moi mal, que por tratar de defender e contribuír á normalización da nosa lingua nos chame "terroristas" e que educamos a "terroristas". 

Por se lle serve de algo, informámolo do seguinte:

 

Que é un EDLG/ENDL? (Equipo de Normalización Lingüística)


É un órgano consultivo e dinamizador dos centros de ensino para os eidos lingüístico e cultural. Forma parte da estrutura administrativa, docente e didáctica dos centros e está integrado por mestres/as e profesores/as dos distintos niveis, por alumnos/as (cando a idade o permite) e por representantes do persoal non docente. Un membro do profesorado actúa de coordinador.

Cada equipo concreto establece o seu funcionamento e a súa organización en concordancia co que dispoña o regulamento orgánico do seu centro. Lexislación vixente (Decreto 124/2007)

A súa función primordial é conseguir que os alumnos/as poidan chegar a ser competentes na lingua galega e usala digna e normalmente.

 

(Para saber máis, preme >  AQUÍ )

 

Cal é a finalidade do Correlingua?


Se temos en conta a importante perda de falantes de galego que reflicten os estudos que se veñen realizando e que se está a producir entre a poboación máis nova é evidente o interese que ten a dinamización lingüística entre a mocidade.
Por isto cómpre chamar a atención de todas as instancias político-sociais a respecto de intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma. Asemade, cómpre facelo incorporando a mocidade coa súa participación activa.

Os obxectivos concretos do Correlingua que desenvolven e enriquecen a idea
anteriormente exposta son tres:

1.- Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar accións en prol dela.
2.- Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua.
3.- Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas, e interdisciplinares. 

As actividades do Correlingua  –especialmente as actividades preparatorias (certames, concursos, pancartas, etc.)– diríxense fundamentalmente ao alumnado de centros de ensino , tanto de titulariedade pública coma privada, de diferentes niveis. Xa que logo, contamos coa participación de nenos e nenas de educación infantil, primaria, secundaria e postobrigatoria.
Porén, as actividades non se circunscriben ao alumnado, senón que a través de fórmulas de colaboración varias, participan tamén entidades asociativas de ámbitos diversos. Asemade, coa difusión en medios de comunicación e coas propias actividades espállanse tamén mensaxes de defensa e promoción da lingua na sociedade en xeral.

> Descarga aquí a Unidade Didáctica de Secundaria

Valentín Paz-Andrade tamén participaba nos Correlinguas

Cómpre lembrar, neste ano en que Valentín Paz Andrade é o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas-2012, que el mesmo participou nas carreiras pola lingua, cando esta actividade deportivo-reivindicativa comezaba trotar polas rúas de Vigo, na década dos 80. O Correlingua de hoxe é o sucesor das carreiras pola lingua de entón, e como daquela quere seguir reclamando a atención do conxunto da sociedade sobre o noso idioma.
(Vía > GAVIEIRA)