24 feb 2012

24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro. Agasalla un libro en galego… e unha flor



O regalo dun bo libro, ademais de obsequio,
é un delicado eloxio.

 
Se Rosalía de Castro vivise, hoxe cumpriría 175 anos... Blog de MARLOU
Curiosidade: Rosalía ou Gala?


Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.


¡Como a triste branca nube
truba o sol que inquieto aluma,
cal o crube i o descrube,
pasa, torna, volve e sube,
enrisada branca pruma!

Xa, dempois, lonxe espallada
polos aires fuxitivos,
desteñida, sombrisada,
nos espazos desatada,
cae brillando en raios vivos.

Misteriosa regadeira
fino orballo no chan pousa
con feitiña curvadeira,
remollando na ribeira
frol por frol, chousa por chousa.

Semellando leve gasa
que sotil o vento move,
en frotantes ondas pasa
refrescando canto abrasa,
o que o sol ardente crobe.

22 feb 2012

Festa de Entroido no IES As Mercedes: noticia, crónica e reportaxe.


NOTICIA
O IES As Mercedes organizou unha festa de Entroido o venres 17 de febreiro, a partir das doce menos cuarto  da mañá. Houbo desfile de comparsas, concurso de disfraces,
recital de coplas e degustación de flores, orellas, filloas e postres de Entroido.
Tamén actuou unha banda de gaitas que fixo un ‘pasacorredores'.

CRÓNICA
O pasado venres, 17 de febreiro, toda a comunidade escolar do noso IES desfrutou da festa do Entroido que, promovida pola Dirección, comezou ás 11,45 horas. Unha banda de gaitas creada ao efecto, a iniciativa do departamento de Música, percorreu o Instituto a modo de "chamada" para as actividades lúdicas que tiveron lugar no Salón de Actos. Interpretáronse cantigas de Entroido, houbo bailes, e gran parte do alumnado, profesorado e persoal non docente, en comparsas e convenientemente disfrazados, fixéronnos rir moito a todos. No transcurso da xornada convidouse aos participantes a catar deliciosos produtos típicos de Entroido, parte deles elaborados "en directo" por profesores e persoal do centro, coa colaboración da ANPA. E aínda que hoxe toca enterrar a sardiña, ben podemos facer unha última homenaxe ás filloas que "zampamos" ese día: fariña, leite, ovos e auga; doces ou salgadas; feitas á pedra ou na tixola; para comer soas ou con azucre, mel, crema ou nata;
finas ou gordas, pero todas filloas, "que gordas, que delgadas, comemos enroladas".

REPORTAXE
E despois de agradecer á Dirección, departamentos e comunidade escolar en xeral, a promoción, colaboración e participación nestas actividades, facemos unha narración máis ampla e documentada do suceso (que para iso é unha reportaxe) cunha presentación
de fotos das persoas que interviron no festival, e algunhas das coplas recitadas
(unha de alumnos/as e outra de "profes")
 

E seguindo co repaso dos xéneros xornalísticos, agora virían os...

ARTIGOS DE OPINIÓN, COMENTARIOS, etc. 
(Opinións xa moi subxectivas, cunha visión particular dos feitos. Pois veñan!...)


Recursos sobre o Entroido en >

13 feb 2012

No Día dos namorados (14 de febreiro), dous poemas de amor.



Todas as cartas de amor son
ridículas.
..........................
Non serían cartas de amor
se non fosen ridículas.
............................
Tamén escribín no meu tempo cartas de amor,
como as demais, ridículas.
...............................
As cartas de amor, se hai amor,
teñen que ser ridículas.
..............................
Pero á fin e ao cabo,
só as criaturas que nunca escribiron cartas de amor
si que son ridículas.
...........................
Quen me dera no tempo en que escribía,
sen decatarme, cartas de amor
ridículas!
.............................
A verdade é que hoxe os meus recordos
desas cartas de amor, si que son
ridículos.

(Todas as palabras esdrúxulas,
como os sentimentos esdrúxulos,
son, naturalmente, ridículas)

Tradución ao galego normativo (grande atrevemento, por certo) do poema de amor máis coñecido do escritor portugués Fernando Pessoa "Todas as cartas de amor são ridículas"


Poema de amor de Celso Emilio Ferreiro á súa muller (Moraima)
    
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a esperanza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero sorrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é clara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.

Para escoitalo, premer no "play"

29 ene 2012

30 de xaneiro. Día escolar pola PAZ: “A poesía é unha arma cargada de futuro” (Gabriel Celaya)


XOGO RUÍN

Luís Pimentel  (Lugo 1895-1958) Versos do poemario "Sombra do aire na herba"

Aquel neno
pincháballes os ollos
aos paxaros;
e gustáballe ver saír
esa gotiña
de aire e de luz,
ese rocío limpo
de mañanciñas frescas.
..........................................
Logo, botábaos
a voar
e ríase de velos
topar contra o valado
da súa casa,
con un ruido moi triste.
.........................................
Creceu e foi de aquiles.




XOGA POLA PAZ: http://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1292832911/contido/exemplos/paz.html

UN VÍDEO POLA PAZ:
Da película "O gran ditador", de Charlie Chaplin >


Versión orixinal, subtitulada en portugués  >  AQUÍ

UN DEBUXO POLA PAZ


A derradeira lección do mestre (CASTELAO)

“Ollo por ollo e o mundo acabará cego”

14 ene 2012

Isaac Díaz Pardo (In memoriam)

Video en YouTube "Lembrando a Isaac" http://youtu.be/SVS4YYW1xyA

     O intelectual, conservador-libertario, e referente do galeguismo histórico, Isaac Díaz Pardo (Compostela, 1920), finou o 5 de xaneiro no Hospital San Rafael d´A Coruña, logo de pasar varios días hospitalizado a causa dunha pneumonía. Fillo do pintor Camilo Díaz Baliño, o seu pai foi asasinado nos primeiros momentos da Guerra civil española, feito que o marcou fondamente.
     Despois da guerra cursou estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando. A partir de aí, comezou a súa participación pública en diversas iniciativas. En 1941 participou na primeira experiencia española sobre deseño industrial, e en 1942 fixo unha viaxe de estudos en Italia. Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro (Europa e América). Abandonou despois as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo (Sada), o que repite na Arxentina, onde construíu xunto con outros destacados galeguistas o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, a editorial Edicións do Castro, o Seminario de Estudos Galegos, etc. Como escritor de ensaio e crítica, destacan os seus libros Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luis Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos, etc, ademais de abondosos artigos en prensa. Recibiu diversas distincións e recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro (1976), a Medalla de Ouro e Fillo Predilecto da cidade de Santiago de Compostela (1988) ou a Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla ao Traballo en 2007. No ano 2009 foi designado Chairego de Honra pola Irmandade Manuel María.

Recuperamos un artigo de opinión de ISAAC DÍAZ PARDO, na columna
“Crónicas inconformistas”. (Voz de Galicia do luns, 1 de decembro de 2008)

Valentín García Gómez, novo secretario xeral de Política Lingüística

O até agora técnico de normalización lingüística do Concello da Estrada e coordinador da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta é o substituto de Anxo Lorenzo á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística do goberno galego, co que xa estaba colaborando. Anxo Lorenzo, por outra banda pasa a ser Secretario Xeral de Cultura, un dos cambios derivados da remodelación do goberno galego.
“No es tan difícil ser leal al idioma, gobierne quien gobierne” | Galicia | EL PAÍS (4-3-2012)
Lexislación básica sobre o galego| Secretaría Xeral de Política Lingüística 

21 dic 2011

BO NADAL!

Bo Nadal, Felices festas e Próspero Aninovo desde o EDLG do IES As Mercedes (LUGO)

on PhotoPeach






Fotos da exposición do alumnado de ESO á entrada do Instituto
(venres, 28 de outubro, 2011)

10 dic 2011

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS (10 de decembro)

O 10 de decembro de 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou a Declaración Universal de Dereitos Humanos. Tras este acto histórico, a Asemblea pediu a todos os Países Membros que publicasen o texto da Declaración e dispuxesen que fose «distribuído, exposto, lido e comentado nas escolas e outros establecementos de ensino, sen distinción fundada na condición política dos países ou dos territorios» “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros” (Art. 1º)

“Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado por mor das súas opinións, ou de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión” (Artigo 19

Nunca está de máis botar unha ollada atenta aos 30 artigos, do texto completo da Declaración Universal de Dereitos Humanos, que figuran a continuación no seguinte enlace: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Ref.int-1_DeclUniversalDtos.pdf
Tamén: Amnistía Internacional
Grupo de AI Lugo: Amnistía Internacional Lugo

18 nov 2011

Os medios en galego e a escasa conciencia de país

Interesantes reflexións sobre este tema nunhas xornadas celebradas na facultade de Xornalismo da USC , e tituladas significativamente "Os medios en galego, importan?":
José Luis Gómez: "Estamos nun país, se se lle pode chamar así, onde os medios en galego NON importan"

14 nov 2011

LECTURAS OBRIGADAS :"POLAROID" (NOS 25 ANOS DA SÚA PUBLICACIÓN)

Eu son ese relato que gustas de ler, lector, que me les, inmóbil. "Eu son ese relato. Suso de Toro (Prosa galega)”

'Polaroid' é un libro de narracións que enlaza tanto coa cultura underground dos anos setenta como co tempo da cultura pop, da produción de obxectos industriais de consumo en serie, do tempo dos medios de comunicación audiovisuais e da cultura da música pop anglosaxona. Mais tamén é un libro que trata das linguaxes, da lingua e os seus diversos niveis e usos; que xoga e experimenta coa linguaxe narrativa; que ironiza sobre a literatura e as súas retóricas; que utiliza, a partir da oralidade, todo tipo de materiais atopados, creados, manipulados para facer literatura… Considerado como libro aberto, e polo tanto conceptual e poético, Polaroid constitúe unha auténtica máquina de fabricar significados en todas as direccións, un artefacto literario para provocar cavilacións e emocións, para non deixar indiferente ao lector ou lectora. Tematicamente, aborda tanto as cuestións do tempo contemporáneo como da memoria, deitando unha mirada sobre o país, na ruptura co seu pasado, no esgazamento da cidade que esquece o campo, do presente que esquece o pasado. Un libro que ten o sentido e a alma esgazados. Un libro concibido para mergullarse no seu tempo e pelexar furioso contra el.
Para saber máis:
Entrevista: "O discurso dos 'kamikazes' pode ser desesperado, nunca nihilista"
Reportaxe:
Meteorito 'Polaroid'
Acto literario: 25 aniversario de “Polaroid” de Suso de Toro: Acto literario en Compostela - Xerais
LOS LABERINTOS DEL SENTIDO (una lectura de "Polaroid" de Suso de Toro):

 Estudo crítico. A literatura galega dos 80. "Polaroid"...

11 nov 2011

Cando a Lingua "sabe a pan" (de Cea)

Parabéns ao CPI Virxe da Saleta por este vídeo. Marabilla!
"Unha lingua é boa cando sabe a pan, a pan fresco que se mete na boca" (Álvaro Cunqueiro)


http://centros.edu.xunta.es/cpivirxedasaleta/

VERSIÓN KARAOKE

LETRA
Gústanos falar idiomas
inglés, francés e castelán,
pero temos lingua propia
ninguén o pode negar.

Amasada amodiño
dende hai moito tempo atrás
cocida a lume lento
lista para o teu padal.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar

Nos versos de Rosalía
nos piñeiros de Pondal,
no folk de Fuxan Os Ventos
no rock bravú e máis no rap.

Escóitase pola radio
tamén na TVG,
pero bótase de menos
en moitos outros sitios máis.

Este é o cole de Cea
onde a lingua sabe a pan,
miña lingua galega
gústanos o teu falar. (...)

4 nov 2011

Día da Ciencia en galego (4-novembro-2011)

A celebración do Día da Ciencia en Galego contribúe a poñer en valor o uso do idioma no ámbito científico e na investigación. Para conmemorar esta data, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición da cidadanía na súa web diversos recursos e información de utilidade para avanzar na consolidación do galego na ciencia.
http://www.xunta.es/linguagalega/dia_da_ciencia_en_galego


"A ciencia no punto de MIRA" (Auga Editora-2010)
Interesante, ameno e entretido libro de Jorge Mira, con 63 anécdotas ou curiosidades científicas, donde se demostra que o galego está capacitado e ten vocabulario suficiente para a ciencia. Moi acaído para ler hoxe ...

26 oct 2011

"O deserto crece...", e ímonos quedando sen xornais en galego

Este artigo de opinión do compañeiro Xoán Carlos, profesor de Filosofía no noso IES, xa non se poderá ler no Xornal.com. Desapareceu da Rede misteriosamente, por arte de birlibirloque, dun día para outro, igualiño ca o Códice Calixtino, así, sen máis... (Reparade no ítem 3)


J. C. F. Naveiro. Catedrático de Filosofía
(Xornal.com 15-10-2011 /22:44)

O deserto crece
" 1. Houbo un tempo no que existía un país que tiña unha Constitución que expresaba uns principios que aínda que non se respectasen (dereito ao traballo, á vivenda, ao medio ambiente) podían ser invocados e servían para darnos a nós mesmos unha certa imaxe de país. Explicarlle esa imaxe a rapazas e rapaces de trece, catorce ou quince anos, transmitirlles uns principios básicos de cidadanía e ética cívica, e informarlles dos rudimentos do noso Estado constitucional, todo iso formaba parte do traballo de xente que, coma min, cumpríamos o encargo administrativo con certas reticencias pero cando menos con esa convicción mínima que procede dunha música aceptable, ou dunha letra que non renxe demasiado: cando menos a Constitución garantía a liberdade e a igualdade de todos os cidadáns, e a canción así composta podía ser interpretada con certa solvencia nunha aula da ESO.
Pero agora, tralo “golpe de mercado” da reforma constitucional, cando o pago das débedas que as administracións contraen coas entidades financeiras se converte nun principio prioritario do noso ordenamento político, ¿cómo defender minimamente semellante submisión ás esixencias do capital? Xa non é este o Estado para o que eu cría traballar, xa non hai un país onde mirarse, e no seu lugar hai un deserto que crece.

2. O deserto está por todas partes. ¿Quen pode alardear dunha Libia post-gadafista? ¿Ou dun Afganistán reconstruído? ¿Que foi do discurso de Obama en O Cairo? Se houbo un xesto decente nos últimos tempos foi a petición palestina de recoñecemento na ONU, un xesto largamente anunciado e esperado que agora percorrerá os labirintos da diplomacia para ir toparse co veto norteamericano no Consello de Seguridade da ONU. Aí rematará a careta de Obama e todo volverá a ser coma antes: escoitade as voces do imperio porque por fóra delas só hai deserto. A traizón de Obama á causa palestina formará parte da historia universal da infamia. Mentres destoutro lado contemplamos incrédulos os acenos de naufraxio de Europa.

3. Mentres, na fronte interna tamén crece o deserto, máis que en ningures. O buscador Chuza, o portal Vieiros, o semanario A Nosa Terra, os diarios Galicia Hoxe e Xornal de Galicia… Sen canles para as voces propias qué país pode esperarse que exista. E agora tócalle a Xornal.com. Os periódicos arden demasiado ben e deixan no ar unha tristura de quiosco. Benvidos ao deserto do real.

Mágoa de Galicia, fermoso país no que moitos soñan coa fuga. Sen voces propias, como vivir en estado de excepción, a expensas dun imperio esmagante a forza de invisíbel.
Saúdos aos que nos fomos atopando no camiño, agora que imos a empurróns cara este deserto que non para."
___________________________________________
Se che gusta Xornal.com, compárteo cos teus amigos/as
Disfruta da liberdade de expresión.
___________________________________________
¡Vaya! Internet Explorer no ha podido encontrar la página www.xornal.com.

17 oct 2011

Para estudar DIALECTALISMO


A Nosa Fala: Bloques e Áreas Lingüísticas do Galego (versión interactiva con audio)


http://www.consellodacultura.org/arquivos/asg/anosafala.php

Este audiolibro é unha dialectoloxía oral, con textos de diferentes xeracións de falantes, rexistrados entre mediados dos anos 70 e mediados dos 90 do pasado século. Atendendo a criterios extralingüísticos, procurouse que a temática da escolma fose o máis variada posible, que fose amena para estudantes e ensinantes de lingua galega, mais tamén de posible utilidade para un etnógrafo, un historiador ou un sociólogo interesados pola Galicia anónima, a de onte e a de hoxe.


Os temas tratados son moi diversos co fin de dar unha imaxe real dalgunhas das moitas Galicias existentes. Nos textos fálase da pesca e do marisqueo no Cantábrico, na Costa da Morte ou na ría da Arousa, da pesca no banco canario-sahariano e de como se cultiva o viño en Mondariz e en Amandi ou os tomates no Rosal. Trátase a guerra do 36 na comarca compostelá e a dura posguerra, con historias do contrabando no Baixo Miño ou sobre os portugueses que viñan á seitura á arraiana terra da Mezquita.

Fálase da rapa das bestas de Sabucedo, das muiñadas, das ruadas e doutras diversións da mocidade de antes, do entroido e da mata do porco, do liño e das fiadas, pero tamén da irrupción de novos inventos como o fax, da limpeza das praias e dos incendios forestais. Tamén está presente a "Galicia irredenta" dos vellos galeguistas, con textos do Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas.

Todo isto xa aparecía no audiolibro editado polo Consello en 1996, con 15 textos do galego do bloque occidental e 90' de gravación, 19 textos do galego do bloque central nunha casete de 60' e 9 textos do galego bloque oriental en 30'. Agora reedítanse os textos tal cal en papel impreso, pero coa novidade de que o material oral aparece dixitilizado en tres CDs, o que favorece a perdurabilidade das gravacións e a busca dos propios textos.Arquivo Sonoro de Galicia

http://www.consellodacultura.org/arquivos/asg/anosafala.php

13 oct 2011

Logo vén o SAMAÍN...

Chega o outono e con el o tempo das castañas, das caveiras de melón ou cabaza, da noite e das tebras...; chegan as augas e os tempos escuros, remata o verán e encétase o inverno, vaise a calor e vén o frío: acaban as romarías ao sol e inícianse os fiadeiros e parladoiros a carón do lume. Ábrense as portas do outro mundo. Está aquí o Samaín, unha data de moita importancia na cultura céltica.
É tamén o tempo máis perigoso do ano: as portas do outromundo ábrense na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro para que as ánimas poidan vir visitar este mundo. A celebración do Samaín estivo sempre moi presente na cultura do noso país e a súa importancia foi moito maior do que se poida pensar.

Para saber máis do Samaín recomendamos reler o Vieiros da Escola de novembro de 2006 e estoutros enderezos:
http://vello.vieiros.com/vieirosdaescola/index_10.html
https://sites.google.com/site/recursosparaosamain/
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=8796&soportal=ningun
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2002/10/30/1300262.shtml

RECURSOS INTERACTIVOS PARA XOGAR NO SAMAÍN:
http://centros.edu.xunta.es/ceipdepazos/Ana/LIM/SAMAIN/samain.html
http://centros.edu.xunta.es/ceip.manuel.fraga/unidades/samain/xogosamain.html

ADIVIÑA:
Qué cousa cousiña é,
que para adiviñar é,
que na boca ten o pé?

REFRÁNS:
A cabaza e o casar todo é acertar.
A cabaza e o queixo, sempre ó peso.

10 oct 2011

Marxinacion do galego nos medios

O Galego nos medios de comunicación:
Nos dous últimos anos, a desaparición de Vieiros, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia e a cabeceira histórica A Nosa Terra -morta na Rede un ano despois que no papel- adelgazou máis aínda a presenza do galego nos medios de comunicación. A radio e a televisión públicas galegas poden ser as próximas pezas nesa cazaría.

Xa levamos máis de 4.000 sinaturas. Asina aquí o manifesto:
http://marxinaciondogalegonosmedios.es/