Aínda que se ten por costume o 21 de marzo como comezo da Primavera, hoxe, día vinte, ás 5,14 horas rematou o Inverno. Cando os dous polos da Terra se encontran a igual distancia do Sol, fenómeno astronómico que ocorre dúas veces ao ano, cae a luz solar por igual en ámbolos dous hemisferios. Dá así comezo o equinocio de Primavera, estación na que o tempo é máis cálido e os días medran até o solsticio do Verán, na noite de San Xoán.
Neste día no que abrolla nova vida e as plantas botan flores e gromos, hai outra gran protagonista: a árbore. O Día Forestal Mundial ou Día das Árbores conta cunha fonda tradición: dende comezos do século pasado, celébrase con actos lúdicos e didácticos, moitos deles promovidos por centros de ensino, organismos ou concellos, coa intención de impulsar a protección e coidado das árbores.
E un día tan especial coma este tamén foi o escollido pola UNESCO, no ano 2000, para celebrar o Día Mundial da Poesía: diversa e poliédrica, a poesía leva en sí a imaxe do presente; nunca se petrifica, nunca se fai vella: é un ámbito no que as relacións co mundo e cos sentidos, coas culturas e coas linguas, se formulan unha e outra vez, con palabras renovadas. É preciso recoñecer a índole singular desta arte da palabra, que non está precisamente feita de verbas nídias e fácilmente comprensibles. Nela, o traballo do idioma destaca en tanto que produce formas novidosas e inéditas, que nada deben aos códigos lingüísticos habituais.
Para celebrar esta data, nada mellor ca ler (e sentir) estes poemas de
da paisaxe, das árbores e da arte da palabra.
I
Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, centila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e ternura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posibles e imposibles,
suda, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza. E nunca morre.
II
Quero ter a palabra máis sincera,
a palabra máis nobre e trascendente
que sexa, ao mesmo tempo, frol, semente,
Inverno, Verán, Outono e Primavera.
Quero a palabra pura, recendente,
fermosísima, nidia, verdadeira
que teña o ritmo varil da muiñeira
e a claridade da auga trasparente.
Quero a palabra certa cara á vida,
a palabra que fere, que aloumiña
e vai pra ave, pra nube, pra canción.
Quero a palabra núa, alporecida
e, ao mesmo tempo, lene, solermiña
que é sal nos beizos e luz no corazón.
III
Cervo, flor dun soño, tremor
emocionado da terra
cando se prepara alborazada
para recebir á primavera,
tépedo vento milagreiro
que cruzas e iluminas
á floresta, lóstrego
que deixas nos nosos ollos
a sorpresa, a camelia gris,
pura e branca da nostalxia.
Cervo feito de luz, orballo,
claridade de alba, símbolo
do meu perfecto amor maduro
de anceios, de soños e de sedes:
gallopa novamente ó meu
cansado corazón esgarecido
para que poida sentir
unha vez máis, só unha vez,
á xuventude
florecendo de novo no meu sangue.
IV
Agromou a folla. Naceu
para ollar con asombro
ao universo e para
clarificar á Primavera.
Escoitou a música
enfebrecida e delicada
dos paxaros. Tremeu
de desexo e de paixón
cos agarimos mainos
e sutís da brisa
recendente e invisíbel.
Contemplou enviso
a máxica floración
de todo canto existe.
Deuse ao estío.
Ao chegar o Outono
desprendeuse da árbore
que a ataba e, sen máis,
botouse mundo adiante.