7 jul 2011

U-lo Códice Calixtino?

O códice miniado coñecido en latín como Liber Sancti Jacobi ou Codex Calixtinus, e en galego como Libro de Santiago ou máis comunmente como Códice Calixtino, é un conxunto de textos reunidos en Santiago de Compostela nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do Papa Calisto II.
O códice consiste nun conxunto de textos anteriores de carácter litúrxico, histórico e haxiográfico que pretendía servir como promoción da sé apostólica de Santiago de Compostela, ideado polo arcebispo Xelmírez ou polo seu círculo próximo e redactado por varios autores entre 1130 e 1160 e que se caracteriza pola corrección do latín empregado e cun alto valor literario. Divídese en cinco libros e componse de 225 folios a dobre cara de 295 x 214 mm, cada folio contén, polo xeral, unha única columna de 34 liñas.
O exemplar máis antigo, datado entre 1150 e 1160, consérvase na Catedral de Santiago de Compostela e é copia dun exemplar modelo. A copia que realizou o monxe Arnaldo de Monte en 1173 coñécese como manuscrito de Ripoll e consérvase actualmente en Barcelona.
Parte do manuscrito traduciuse ao galego no primeiro terzo do século XV, coñecido como Miragres de Santiago, recolle partes da Historia Karoli e da Guía do Peregrino. En xaneiro de 2010 anunciouse unha tradución íntegra ao galego por parte de Xosé López Díaz e con ilustracións de Francisco Leiro.
O Códice Calixtino imprimiuse por vez primeira en 1882, nunha edición feita por Fidel Fita. Foi restaurado en 1966 e volvéuselle engadir o Libro IV que estaba fóra do manuscrito dende 1609.

O exemplar máis vello foi roubado da catedral de Santiago de Compostela en xullo de 2011. O martes, día 5 de xullo foi cando os responsables do libro se decataron da súa falta.

Libros:
Libro I
O primeiro libro, Anthologia liturgica, comprende ata o folio 139, é o libro máis longo do códice, de carácter litúrxico. Consiste nunha antoloxía de homilías, cantos litúrxicos, cantos de peregrinos e de sermóns en honra do apóstolo Santiago que se celebraban na catedral de Santiago. O sermón Veneranda dies, o cerne do libro, amosa o sentido e a valoración da peregrinaxe a Santiago.
O manuscrito constitúe por riba de todo un manuscrito musical. A maior parte das pezas son melodías gregorianas. Pero tamén hai unha vintena de pezas polifónicas, as primeiras en ser notadas e contén a primeira notación dunha peza a tres voces: Congaudeant catholici, que aparece asinada por Magister Albertus Parisiensis.
A maior parte dos autores son franceses e de épocas anteriores: Venance Fortunat, bispo de Poiters no século VI, Fulbert de Chartres do século XI.
Libro II
O camiño de Santiago
O segundo libro, De miraculi sancti Jacobi ou Miragres de Santiago, comprende do folio 139 ao 155, é unha compilación de 22 miragres atribuídos a Santiago e que ocorren en diversas partes de Europa, en especial no percorrido do Camiño de Santiago.
Libro III
O terceiro libro, Liber de translatione corporis sancti Jacobi ad Compestellam, comprende os folios 156 ao 162. Relátase a evanxelización do apóstolo Santiago en Hispania e a translación do seu corpo.
Libro IV
O cuarto libro, Historia Karoli Magni et Rothalandi, comprende os folios 163 ao 191. Narra a historia de Carlomagno e de Rolando en Hispania dun xeito épico e fantástico. Coñecido como o Pseudo Turpín, por serlle atribuído ao bispo Turpín de Reims, amosa un Carlomagno descubridor da tumba do apóstolo Santiago e creador dos inicios da peregrinación a Compostela e da súa igrexa.
Foi o libro máis difundido do Códice Calixtino, con máis de 250 copias coñecidas na Idade Media en toda Europa e que serviu de inspiración a varios cantares de xesta feitos en Francia e Italia.
Libro V
O quinto libro, Iter pro peregrinis ad Compostellam, coñecido como Guía do Peregrino de Santiago de Compostela comprende os folios 192 ao 213. Atribuído a Aimery Picaud, autor de Parthenay-le-Vieux (Poitou), escribiuse entre os anos 1135 e 1140. O texto é un conxunto de consellos prácticos para os peregrinos, baseado no propio percorrido do autor, cos lugares onde descansar, calidade das augas, as reliquias a venerar, as xentes e cidades do camiño ou os santuarios a visitar antes de chegar á catedral de Santiago de Compostela.

30 jun 2011

Xadrez para todos. Manuais de iniciación e perfeccionamento tamén en galego. Feliz verán!


Xadrez para Todos, unha colección composta por diversos manuais de iniciación e perfeccionamento deste antigo xogo de estratexia, xa dispón de dous novos volumes en lingua galega. Trátase das obras necesarias para conseguir un nivel intermedio neste deporte, Intermedio 1 e Intermedio 2.
Logo de facilitar a edición en galego do primeiro e do segundo manual de iniciación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de poñer á disposición da cidadanía, en lingua galega, os dous volumes que completan o nivel intermedio da colección.
Estes dous novos manuais inciden en diversos conceptos tácticos e de estratexia, que afondan nos contidos da apertura, na táctica no medio xogo e no final da partida.
Iniciación 1 e 2
Estes dous novos volumes complementan o primeiro manual de iniciación, pensado para aqueles que queren adentrarse por primeira vez neste xogo. E tamén se lle dá continuidade ao segundo volume da colección, Iniciación 2, que afonda nos conceptos xa aprendidos, reflexionando sobre os erros máis comúns, as aperturas e os finais básicos.
Xadrez para Todos confórmano materiais pedagóxicos para o ensino do xadrez nos ámbitos educativo, deportivo e lúdico artellados a través dun completo currículo en contidos e en obxectivos axeitados para poder ensinar e aprender o xogo do xadrez dunha forma doada, pedagóxica universal e continuada. Ao mesmo tempo, para facilitar a aprendizaxe, as obras desta colección presentan, mediante un importante apoio visual, os conceptos do xadrez de forma progresiva. Tamén formulan exercicios de dificultade gradual para cada concepto explicado co fin de favorecer a súa aprendizaxe.
A metoloxía destas publicacións permite unha aprendizaxe autodidacta, aínda que sempre se conseguirá un mellor aproveitamento dos contidos traballando cos profesores ou con outros compañeiros.
Xadrez para Todos é unha colección promovida por Balàgium Editors. Ao facer posible a súa dispoñibilidade en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca contribuír a ampliar os recursos didácticos nesta lingua dirixidos ao ámbito do ensino do xadrez. Deste xeito, a existencia dun material didáctico en galego e accesible para todos convértese nunha ferramenta fundamental para docentes e monitores, que con esta obra dispoñen dunha serie de recursos de calidade pedagóxica.
As virtudes do xogo do xadrez para o desenvolvemento cognitivo son coñecidas desde vello. Pero este deporte constitúe, ademais, unha valiosa ferramenta para compartir un tempo de lecer con outras persoas, de calquera idade. Malia todo, as publicacións existentes sobre a estratexia deste xogo non son moi numerosas. Isto fai aínda máis merecente de celebración a aparición destes materiais en galego, que nos permiten acceder ao xadrez desde a lingua galega.

Libros publicados desta colección:

•Nivel de iniciación
◦Iniciación 1
◦Iniciación 2

•Nivel intermedio
◦Intermedio 1
◦Intermedio 2

Pódense descargar os manuais PDF en:
http://www.xunta.es/linguagalega/xadrez_para_todos

17 jun 2011

O IES As Mercedes co "ARDE LUCUS" MMXI

Nos xardíns exteriores do noso IES (Avda. de Madrid nº 75), as alumnas e alumnos dos ciclos Medio de Comercio e Superior de Márketing, coa inestimábel colaboración do ciclo de Carrozaría, colocaron hoxe pola mañá traballos realizados nos seus obradoiros con temas referidos a todo o que nestes días desfrutamos na nosa cidade de Lugo. Con esta exposición, promovida pola Dirección do IES e coordinada polo profesor J.M. Castro (neste caso máis "castrexo" ca nunca) tratamos de colaborar co noso contorno e cidade -a nosa fraga amurallada- na celebración do ARDE LUCUS MMXI. Estades tod@s convidad@s. Ave!


16 jun 2011

Os ENDL cumprimos 20 anos defendendo o galego (1991-2011)

Os ENDL (agora EDLG) están formados por profesionais do ensino que loitamos a prol da difusión e promoción do galego.
Estes equipos crearon unha Coordinadora Galega (CGENDL) que naceu en abril de 2009 para coordinar actividades e experiencias dos equipos de toda Galicia, e ademais servirlle de voz pública aos ENDL que traballan nos centros de ensino.
Entre os nosos obxectivos están os de contribuír ao fomento da lingua galega na comunidade educativa e no contorno social, contar cunha voz representativa do colectivo de ENDLs nas relacións coas administracións (Xunta, deputacións, concellos, servizos de normalización, etc.), ou organizar accións conxuntas para todos os ENDL, optimizando así recursos e enerxías.

A CGENDL pretende ademais :
1- Que a lingua galega siga sendo parte do patrimonio cultural da identidade galega e, como tal, un ben común que nos una.
2- Que se garanta que todo o alumnado sexa competente en lingua galega ao final do ensino obrigatorio.
3- Que non se discrimine o alumnado galegofalante, tal como se regula na lexislación vixente.
4- Que na actual situación sociolingüística de Galicia, na que o galego está a perder falantes -como demostran os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia- o sistema educativo ofreza ao alumnado espazos de uso, porque as linguas apréndense usándoas.
5- Que o alumnado estea formado para, dende o galego, poder desenvolverse nunha Europa plurilingüe.

Grazas a todos os que colaboran connosco.
Nesas estamos...
Máis na súa (e nosa, e vosa...) web:
http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php
http://www.planetaki.com/normalizagaliza#start

Máis vídeos vía http://www.galiciaconfidencial.com/nova/8065.html

6 jun 2011

Valentín Paz Andrade para as Letras Galegas de 2012


A polifacética traxectoria de Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987) valeulle ser elixido pola Real Academia Galega como a figura á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2012.

Valentín Paz Andrade licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e foi durante a súa etapa de estudante cando se achegou ao movemento galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919). Era director do xornal 'Galicia' en 1926 cando foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera.

Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con Castelao e Cabanillas, colaborador da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931) e membro activo do Partido Galeguista, do que foi nomeado secretario en 1934.

Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a moitos intelectuais galeguistas e, por causa da súa actividade política e da publicación dalgúns artigos foi detido en diversas ocasións.

As súas colaboracións foron frecuentes nos xornais 'O Pobo Galego', 'Faro de Vigo' e 'A Noite', onde aparecían asinadas con pseudónimos como M., Xan Quinto e Mareiro. Desde 1945, xuntábase para falar e debater no café Alameda de Vigo con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego ou os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez.

O progreso e o avance de Galicia está presente na súa obra, exemplo diso son 'Galicia como Tarefa' (1959), 'A anunciación de Valle-Inclán' 1967), 'A marginacíón de Galicia' (1970), 'Castelao na luz e na sombra' (1982), 'Galiza lavra a sua imagem' (1985).

Na súa faceta poética, a Real Academia Galega (RAG) destaca as achegas realizadas desde 'Soldado dá morte' (1921), 'Pranto matricial' (1954), 'Sementeira do vento' (1968), 'Cen chaves de sombra' (1979) ou 'Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo' (1985).

Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1964 e numerario a partir de 1978, cando deu lectura ao preceptivo discurso que titulou 'A galecidade na obra de Guimaraes Rosa', e que foi respondido en nome da institución por Álvaro Cunqueiro.



Foi o primeiro impulsor, xunto con Manuel Fernández, da primeira gran multinacional galega, Pescanova. Trala fundación desta empresa, da que foi dende 1960 vicepresidente, seguiu desenvolvendo unha activa laboura como ensaista literario, histórico e económico sobre o progreso de Galiza especialmente nas súas relacións comerciais internacionais a traverso do sector pesqueiro.

Trala morte de Franco, Paz Andrade representou a Galiza na Comisión dos Dez que negociou a transición co Goberno de Adolfo Suárez. Elixido membro da Real Academia en 1964, non pronunciou o seu discurso ata 1978, sendo xa senador por Pontevedra nas primeiras Cortes democráticas. O seu patriotismo tamén destaca na súa obra poética. Formou parte da Xeración de 1925.

Con sorpresa e moita gratitude acolleu a súa familia a elección do próximo Día das Letras Galegas, segundo manifestou o seu fillo Afonso Paz Andrade, actual vicepresidente de Novacaixagalicia e conselleiro de Pescanova.

Máis información na Galipedia:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Valent%C3%ADn%20Paz-Andrade
Ou na páxina do autor:
http://www.valentinpazandrade.es/gl/portada
Cando ti volvas... Valentín Paz-Andrade : son de poetas
Blog do Recanto de Mik:
https://sites.google.com/site/recursosletrasgalegas/valentin-paz-andrade )

14 may 2011

CORRELINGUA 2011 de LUGO: Déronnos o 1º premio do concurso de pancartas. Aí van algunhas fotos da actividade...



Grazas a tod@s
En especial ao alumnado do Ciclo de Comercio e de PDC-4º ESO, que elaboraron as pancartas, e ao profesorado que colaborou nesta festa a prol da nosa lingua.

11 may 2011

Alumnado do IES As Mercedes no Correlingua 2011 en Lugo. Foto de familia ao remate da actividade.

Correlingua-2011


Castro, Carmen, Gwyn (auxiliar de conversa de Inglés no noso IES, que veu de Pensilvania (USA) para practicar castelán e voltará para o seu país falando, ademais, galego...) e Pilar Andión, con alumnas do Ciclo de Comercio e unha das moitas pancartas que levaron ao Correlingua.

17 mar 2011

Escola de escritores/as

IMAXÍNATE QUE ES ...
UNHA...PestanaUnha máis na ringleira de señoriñas escuras, largas e esveltas. Señoriñas que casan coas de abaixo para durmir. Señoriñas que co seu mellor traxe embelecen o ollo máis fermoso, máis tenro, debuxando na face dunha muller fermosa a flor da alma.

Ela, a que cunha bágoa fuxiu, esvarando polo rostro delicado, bailando entre pecas e rozando uns beizos que sentiron o amor en primeira persoa, e que agora escachan por unhas palabras pouco oportunas.
Son a chave que encerra miles de segredos, son a chave do espello da alma onde se reflicten todos os sentimentos.
Vivín de preto moitos bicos e agarimos..., miradas de esperanza, amor, desexo, miradas cheas de fulgor, como bañadas en purpurina. Abrín a porta a bágoas e máis bágoas, de desilusión, de rabia, de esquecemento... Unha máis da fila... unha máis igual que as outras que se xuntan para durmir, para descansar... para sentir a calor dun bico máis intensamente.
Dou bicos de bolboreta, e en busca de desexos voo.
Cando chora, cando chora... Só espero, que nunca chore. Nunca sentir máis a dor apilándonos coa auga salgada das bágoas. Xuntándonos unhas con outras, nun abrazo que consola a súa alma. A alma da moza ferida.
Judith López / 4º ESO - IES As Mercedes (LUGO)

15 mar 2011

Máis Cunqueiro: desta vez porque foi quen de poñer ao mago Merlín a falar en galego (... sen normativa, nin tradutores on-line!)

Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo, 1911 -Vigo, 1981

Louvado sexa Deus
porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste grande reino que chamamos Galicia; neste grande reino do Fisterra que vai desde os montes ata o mar, onde brillan os pés do vento; este país dos dez mil ríos, do vello camiño das peregrinacións, este país dos mil vales, este país fermoso e eternamente verde, Patria querida, a terra no senso barresiano: as patrias son a terra e os mortos.
Grazas a Deus por este Reino.
Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala.
Por terme ensinado a dicir "rula" e "abidueira"
e "dorna" e "ponte" e "fonte",e entón eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.
As miñas invencións, e as miñas maxias teñen embargante
un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago,
eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase,
porque a duración da fala é a única posibilidade
de que nós duremos como pobo.

Eu quixen que Galicia continuase, e ó lado da patria terreal,
da patria que son a terra e os mortos,
hai esta outra patria que é a nosa fala.
E se de min algun día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguen que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

http://culturagalega.org/noticia.php?id=19579&soportal=lg3

6 mar 2011

Esta noticia vén tirada do ABC, edición Galicia, do 3 de marzo de 2011. Alguén dá máis?...

Tendo en conta que estas concesións de licenzas de FM son para favorecer "la difusión de la lengua gallega", dámoslle-las máis efusivas grazas a quen correponda, xa que agora sabemos que "Desfiladero" en galego é FOZ, "Mordisco" debe ser TRABADA, "Roble" - este é doado- será CARBALLO, "Carretera" -un clásico- A ESTRADA..., pero Cuevas del Rey? Onde estará Cuevas del Rey? Moito nos queda por aprender...

Évos unha boa verdade: os tradutores automáticos poden facer estragos en mans incompetentes...

15 feb 2011

Toda unha lección de sociolingüística dunha "gran hermana" (de Lugo...?). Pregamos que o vexades enteiro e deixedes comentarios...

GH convertido en recurso didáctico de primeira orde!... Quen nolo ía dicir!...
Aí tedes unha interesante ligazón con suxestións para comentario, análise e actividades sobre "As funcións sociais da lingua. Conflito e diglosia. Estereotipos e prexuízos lingüísticos e a súa repercusión nos usos": http://aprofa.blogspot.com/2011/02/hablaba-en-gallego-que-bajon.html#links

Tamén VIDEOMONTAXE: http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=UNgJ9xiLQ4Y MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO opina sobre o tema: "Sobre ignorancia e pailanismo", en >
http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/ignorancia-pailanismo/idEdicion-2011-02-17/idNoticia-640809/

6 feb 2011

2011: Centenario do nacemento de ÁLVARO CUNQUEIRO (1911-1981)

Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis" (Álvaro Cunqueiro)