Mostrando entradas con la etiqueta Xunta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xunta. Mostrar todas las entradas

22 jun 2013

FESTA DE FIN DE CURSO REINVIDICATIVA NO IES AS MERCEDES (LUGO)


O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS…
FESTA FIN DE CURSO

Nota de prensa: 21/06/2013 > http://anpaasmercedes.blogspot.com.es/

    A pesar da choiva; a pesar de, á ultima hora, termos que trasladar a FESTA FIN DE CURSO dende a praza de Augas Férreas ao pavillón do Instituto, temos que expresar públicamente a nosa satisfacción pola elevada participación na mesma superando, ao respecto, as máis optimistas expectativas. A todas e a todos a gratitude desta plataforma a todos os asistentes polo seu compromiso con esta reivindicación.
    E se a participación na festa superou todas as expectativas, non menos sucedeu coas actuacións de grupos e artistas que, dende o escenario e de forma altruísta, prestaron a súa palabra, a súa voz, a súa arte, a súa música, a súa maxia, os seus contos ou os seus chistes a esta reivindicación en defensa do IES AS MERCEDES, en defensa do Ensino Público.

A nosa gratitude:


-Aos alumnos da ESO polos súas “píldoras” de denuncia, indignación e esperanza.
-Ás alumnas de 1º da ESO polas súas voces e percusión.
-Á nosa  alumna Judit, pola súa voz e a súas cancións.
-Ao noso alumno Denis polo seu acompañamento de gaita.
-Ao grupo Stranniki polas súas músicas do mundo.
-Ao mago Rafa polo seu entretenemento.
-Ao grupo Batital e á nosa profesora Elba por toda a súa alegría.
-Aos contacontos Lois Pérez  e a Xan Carlos polas súas historias.
-Ao grupo Tundal pola súas cancións de cego.
-A Milucho polos seus chistes.
-A Álvaro polo seu poema de Celso Emilio Ferreiro.
-Á coral do Illa Verde, a Estoupacaldeiros, a Os Minhotos, ao escritor Antón Reigosa e a moitos outros, pola súa disponibilidade a pesar de que, por falta de tempo, non teñamos podido disfrutar das súa voz e das súas historias.

A gratitude tamén a todos os negocios da zona pola súa colaboración con esta festa, ben colaborando coa organización, ben ofrecendo os lotes de obsequios do sorteo final.

GRAZAS A TODOS ELES A REIVINDICACIÓN QUE ONTE ENCHEU DE SOLIDARIEDADE O PAVILLÓN DO INSTITUTO, CONTINÚA HOXE E CONTINUARÁ MAÑÁ E SEMPRE NA CONCIENCIA DE TODA A CIDADE

UNHA REIVINDICACIÓN CON ESTA APORTACIÓN DE SOLIDARIEDADE E XENEROSIDADE, POR MÁIS QUE QUEIRAN IGNORALA DENDE O GRUPO MUNICIPAL DO SR CASTIÑEIRA, DENDE A DELEGACIÓN TERRITORIAL DE EDUCACIÓN DO SR. RAMOS LEDO OU DENDE A XEFATURA TERRITORIAL DE RAQUEL ARIAS, NUNCA PODE ESTAR PERDIDA.



CONTANDO CON TODO ESTE APOIO, CONTANDO CO APOIO DE TODA A CIDADE DE LUGO,  O NOSO COMPROMISO DE MANTER ESTA REIVINDICACIÓN ATA VOLVER A TER O INSTITUTO PÚBLICO DE ENSINO SECUNDARIO QUE A ZONA SUR DA CIDADE NECESITA


O IES AS MERCEDES NON DI ADEUS…

"Un día sen aprender é un día perdido. Ante arbitrarias decisións aprendemos a loitar polo Centro donde nos ensinaron a aprender. Esta lección no pode ser inútil" 
                                                                                   Andrea Castro. Alumna de 3·º ESO

30 may 2013

O IES As Mercedes de LUGO en defensa do ensino público

A noticia aquí > http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2013/05/28/instituto-as-mercedes-lleva-xunta-juzgados/0003_201305L28C19911.htm?idioma=galego


O instituto IES As Mercedes leva á Xunta aos xulgados.

Presentaron un recurso contra o decreto que elimina ESO e BAC do centro.


A plataforma cidadá en defensa do instituto lucense As Mercedes leva á Xunta aos xulgados. Fíxoo presentando un recurso contencioso administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o decreto 49/2013 que converterá o instituto nun centro integrado de formación profesional e suporá a desaparición de secundaria e bacharelato. Unha vez que a Xunta achegue a documentación pertinente, a plataforma poderá presentar o recurso de xeito firme, esperan que no mes de xullo. O seu obxectivo é paralizar o decreto e que se realice un estudo sobre as necesidades educativas na zona antes de tomar ningunha decisión.

Desde o colectivo, formado por profesores, pais de alumnos e veciños en xeral, reiteran o seu rexeitamento á decisión «unilateral» da Xunta. Consideran que a ampliación da oferta educativa de FP non é incompatible coa continuidade de ESO e BAC. Recordan o crecemento da poboación escolar no Illa Verde, que tivo que ampliar espazos, e que o propio CEIP As Mercedes está saturado. «A desaparición do IES As Mercedes non está xustificada, de feito se a Xunta o pecha vai ter que pensar en abrir outro no sur de Lugo», explicou o profesor Daniel López Bispo.

Os membros da plataforma mostráronse indignados en especial co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que un mes antes de anunciar a conversión das Mercedes estivo no centro polo premio Schneider que gañaron, «pero non foi capaz de explicarnos directamente os argumentos para pechar o instituto, nin sequera estivo no debate parlamentario no que se tratou este asunto», recordan. Tamén mencionaron que hai xa dous meses que solicitaron unha entrevista con el, sen que ata agora obteñan ningún tipo de resposta.

A indignación deste colectivo creceu aínda máis se cabe estes últimos días, pois sospeitan que a Xunta non ten previsto ampliar a oferta de formación profesional o próximo curso nas Mercedes, onde continuarían exactamente os mesmos ciclos que se ofertan agora. «Isto é unha falta de respecto á comunidade educativa, e demostra mala planificación, que o que buscan é un recorte inmediato, non unha mellora da calidade educativa como argumentan», continúan.
De feito, explican que as aulas de secundaria e de bacharelato non valen para FP porque non cumpren as medidas esixidas: «Iso non é planificar, o lóxico se hai tanta demanda de FP é utilizar o centro de formación ocupacional que está a 300 metros».

Manifestación

A plataforma seguirá a súa loita, así que convocan a todos os lucenses a unha manifestación este xoves, que partirá ás 19.30 horas do instituto, subirá a Avenida de Madrid, San Roque, Ronda e terminará ante o multiusos da Xunta, onde lerán un manifesto. «Esta é unha reivindicación profesional e académica, pero sobre todo é unha reivindicación da cidade», afirman. De feito, levan solicitadas máis de 10.000 firmas de apoio.

Tamén recordan que co peche do instituto se masificarán outros centros e aumentará o número de alumnos por aula. As primeiras consecuencias xa se notaron coa escolarización dos alumnos que irían ás Mercedes e que agora deben facelo nos centros que lles asignou a Xunta (Lucus Augusti, Ollos Grandes e Sanxillao). Tiveron que botar man das prazas vacantes externas, é dicir, as dispoñibles para outros alumnos da cidade, que agora quedarán sen elas.



23 may 2013

Galicia é unha mina (?)



"Galicia é unha mina", di un dos lemas da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia. E é verdade. Entre as comunidades autónomas, Galicia é só a sétima por superficie, pero a cuarta en produción mineira, con máis de 520 explotacións activas que xeralmente non son un exemplo de respecto á lei e ó patrimonio ambiental. Agora, coa escusa da crise e da procura dalgúns postos de traballo por algúns anos, a Xunta quere permitir que a codicia das empresas de minería convirta Galicia enteira nunha gran mina a ceo aberto, destruíndo o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, poluíndo o medio ambiente e poñendo en perigo a saúde das persoas. Aínda hai tempo para salvar a Galicia, que agora está máis en perigo que nunca. Ou actuamos agora, ou ímola perder para sempre. Asina esta petición agora e solicita ao presidente da Xunta que non permita a destrución de Galicia.


22 mar 2013

IES As Mercedes (Lugo): "ISTO FUNCIONA, NON O DESINTEGREDES"

Entre a primeira noticia (felicitación!) e a segunda ("desintegración"),
 pasou exactamente un mes


REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DO 21 DE MARZO DE 2013 
PRESIDIDA POLO SR.  FEIJÓO PARA A CREACIÓN DO CIFP "AS MERCEDES" 
>  https://docs.google.com/file/d/0B0qCkh8vVLBUMndGN2NqWGhoaTQ/edit


NOTICIA 1
(Voz de Galicia, 19 de febreiro de 2013)

"O conselleiro de Cultura e Educación felicita ao IES As Mercedes pola implantación no centro do sistema de eficiencia enerxética co que gañaron o certame de Schneider Electric"

Xesús Vázquez Abad presidiu a presentación do proxecto co que o instituto lugués se impuxo na 1ª competición de Eficiencia Enerxética na FP.
Como premio, o centro recibiu fondos para poñer en marcha as solucións técnicas propostas no proxecto, coas que se agarda reducir nun 20% o consumo.

O conselleiro anunciou ademais a próxima adxudicación das obras para a reforma dos talleres do instituto.

“O conselleiro de Educación visita o IES As Mercedes para coñecer o seu sistema de eficiencia enerxética” 

O instituto de Lugo gañou coa iniciativa ou primeiro certame Schneider Electric, convocado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

O proxecto foi elaborado polos estudantes de segundo curso do ciclo formativo de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica, baixo a titoría de Alberto Pereira e Víctor Paz. Ademais do conselleiro, ao acto desta mañá asistiron, entre outros, o director do instituto, Juan Antonio López Fernández; o alcalde de Lugo, José López Orozco; a delegada dá Xunta en Lugo, Raquel Arias; o xefe territorial de Educación, Jesús José Ramos Ledo; e o deputado e portavoz do grupo municipal do PP na cidade, Jaime Castiñeira.

«Demostrastes que sodes quen de realizar un esforzo con fins académicos e sabedes que, para obter uns froitos, ten que haber moito traballo detrás. As nosas máis sinceras felicitacións pola vosa madurez, que de seguro vos abrirá moitas portas», destacou Vázquez.

Máis información, AQUÍ > http://www.edu.xunta.es/web/node/8654

NOTICIA 2 

(Voz de Galicia, 19 de marzo de 2013)

Dimite o equipo directivo do IES As Mercedes de Lugo. Educación acaba de comunicar a transformación do instituto en Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP)”  

Case 200 alumnos e 28 profesores do IES As Mercedes serán trasladados. Educación converte o instituto en centro integrado de FP e suprime a ESO e o BAC.

O paso a CIFP do IES As Mercedes deixa o sur da cidade sen instituto.
Educación enviará a ESO e o BAC ao San Xillao, ao Lucus e ao Feminino.

Preto de 200 alumnos e 28 profesores do IES As Mercedes de Lugo serán trasladados o curso que vén a outros institutos. A Consellería de Cultura e Educación anunciou onte a conversión do instituto da Avenida de Madrid en Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP), unha medida que ampliará a oferta de ciclos formativos do centro, pero que implicará a supresión dos ensinos de ESO e Bacharelato.

Pouco despois de coñecer a decisión, que segundo confirmaron distintas fontes foi tomada «de xeito unilateral», sen consultar nin ter en conta á comunidade educativa afectada, a dirección do instituto, encabezada por Juan Antonio López Fernández, presentaba a dimisión.

O cambio obrigará a reorganizar de arriba a abaixo o funcionamento do centro, onde ata agora cursaban a secundaria obrigatoria estudantes provenientes dos CEIP As Mercedes e Illa Verde, de Lugo, e do Corgo. Desde o gabinete de prensa de Educación indicaron que aínda se descoñece a que institutos será adscrito a partir de setembro ese alumnado.

Nunha situación similar atópase a trintena de docentes que imparten materias na ESO e en BAC. Ao parecer, nestes momentos do curso o prazo de solicitude do concurso de traslados xa está pechado, polo que as opcións para elixir outro destino redúcense. Algúns dos profesores criticaron con dureza «a improvisación» con que se está levando a cabo o proceso. «Se nos avisasen con tempo poderiamos ter feito doutra maneira», indicaron.
* Blog da ANPA do IES As Mercedes
http://anpaasmercedes.blogspot.com.es/

* Blog > As mercedes loita
http://asmercedesloita.blogspot.com.es/

     

17 sept 2012

Imaxin Galgo 2.0

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, presentou este luns na Cidade da Cultura a nova versión do corrector de galego 'Imaxin Galgo 2.0', unha ferramenta que "facilitará" o uso do galego dentro das novas tecnoloxías e que constitúe "o máis completo do mercado".

Durante a súa intervención, Xesús Vázquez lembrou que a ferramenta "favorece o uso correcto" do galego, á vez que permite a súa "aprendizaxe", dado que inclúe a corrección de léxico incorrecto en galego e suxestións.

Ao mesmo tempo, destacou, "mellora o prestixio do galego" e favorece a súa presenza nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación, así como outras iniciativas apoiadas pola Xunta no marco do Plan Xeral de Normalización dá Lingua e da Axenda Dixital 2014.gal, como o Dicionario de pronuncia de lingua galega online ou a candidatura de dominio .gal.

Ademais de Xesús Vázquez, na presentación participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira Álvarez; a concelleira de Educación de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez; Manuel González González, membro da Real Academia Galega e Diego Vázquez Rei, representante da empresa galega que desenvolveu en corrector, Factoría de Software e Multimedia, S.L.

O corrector Imaxín Galgo 2.0, que pode descargarse de forma gratuíta na web http://www.xunta.es/linguagalega/galgo, é unha versión actualizada desta ferramenta, que presenta tres novidades fundamentais: está adaptado á normativa da Real Academia Galega de 2003, está actualizado para as novas versións de Microsoft Word para Windows e conta con versión para Mac.

A diferenza doutros programas similares, ofrece a vantaxe de solucionar, á vez que os erros tipográficos e ortográficos, outros de carácter léxico.

14 ene 2012

Valentín García Gómez, novo secretario xeral de Política Lingüística

O até agora técnico de normalización lingüística do Concello da Estrada e coordinador da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta é o substituto de Anxo Lorenzo á fronte da Secretaría Xeral de Política Lingüística do goberno galego, co que xa estaba colaborando. Anxo Lorenzo, por outra banda pasa a ser Secretario Xeral de Cultura, un dos cambios derivados da remodelación do goberno galego.
“No es tan difícil ser leal al idioma, gobierne quien gobierne” | Galicia | EL PAÍS (4-3-2012)
Lexislación básica sobre o galego| Secretaría Xeral de Política Lingüística