De quen é a lingua galega?

O galego non é patrimonio de ninguén. Esta é unha das frases estrela, das que alumea en neon, no discurso político dos que hoxe gobernan na maioría de institucións galegas.
Eu gusto tanto como o señor presidente desa declaración anarquista, non posesiva, verbo da lingua. No fondo, somos dous libertarios, o presidente e mais eu.
A lingua galega non pertence a ninguén, señores! Un patrimonio sen cancelas, sen dono. Vai vadía polos camiños da terra, do mare, do mundo. O idioma galego é como o campo da festa, como as praias, como a auga dos ríos, como o autobús do Inserso, como o canto da cotovía. Como o vento que abanea o herbal. Como a luz do faro.
Como o día e a noite.
—De quen é a lingua galega?
—De ninguén! —responde moi aleuto o voceiro de garda.
E engade moi rufo: “Ninguén, ninguén!, pode apropiarse do galego”.
Eu gusto, si. Mais logo teño un custodio contraditorio, anxo ou demouchiño, non sei, que me importuna na orella: “Pois se non é patrimonio de ninguén, o perigo é que ninguén se ocupe del. Olla as beirarrúas cheas de lixo, as praias con construcións ilegais, as caixas de aforros espoliadas... ¿E non será iso porque algúns pensen que a non ser propiedade privada pois non merece ningún respecto?”.
—Home, non pretenderá privatizar a lingua!
Pois hai algúns ultraliberais, como Murray Rothbard, profesor da universidade de Las Vegas, que mesmo defenden a privatización do aire que respiramos. A súa lóxica semella esmagadora. Para exercer un dereito hai que ter a propiedade correspondente. Por exemplo, para exercer o dereito á libre expresión pública debes ser propietario, ou pagar o aluguer, dunha sala onde falar. Pois así, se deixaramos a Murray Rothbard, discípulo de Hayek, a política de normalización do galego, o que faría é vendelo, adxudicalo nunha poxa. E se cadra esta lingua vale moito máis do que algúns pensan. Nesta abellariza enxamearon as palabras que andan en bocas portuguesas, brasileiras, angolanas, timorenses... O Goberno debería falar co seu deputado Pedro Arias e que faga un Informe de rendibilidade neogaleguista.
Imaxinen a noticia: “Vendido o galego nunha poxa na Christie’s de Londres. O idioma foi adxudicado a unha empresa chinesa. Só cos palabras que compoñen Negra Sombra agardan recadar o actual 2% do actual PIB de Galicia”.
Non, o galego non está en poxa, mais semella ás veces, moitas, que segue a ser
tratado como unha mercadoría de segunda man. Dende logo, polas administracións.
Un exemplo. É imposíbel encontrar en Facenda en galego moitos dos impresos
fiscais, malia existir a demanda. Nin sequera podes gozar dese masoquismo de declarar trabucos en galego! Vense de coñecer outro dato: o que recibe da Xunta cada ano a fundación Cela é 44 veces superior a todo o apoio para o labor, inxente, da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Mais tamén hai xente que privatiza a lingua non como unha propiedade senón como un problema. Esa xente que profesa nos foros ou que se pon a predicar na radio ou no medio do bar cunha pregunta por bandeira: “Pero, para que serve o galego?”. Hai mesmo un personaxe ben curioso, que adoita ser dos primeiros en espetar esta pregunta, e é o tipo que só fala galego e un pésimo castelán: “Pero, para que carallo serve o galego?”. Que unha pregunta así a faga unha persoa que leva boa parte da vida valéndose desa lingua éche un misterio do Pentecoste. Home, ao mellor é un infeliz e bótalle a culpa á lingua. Mais as linguas son xenerosas. Queren a calquera boca. O único que ten que facer a boca é chamar por unha palabra, por unha frase, por unha taco, por unha canción, e aló van, contentes á boca, como dicía o Don Quixote: “Este libro é feliz pois vai buscarvos”.
Así que na vez de teimar no retrouso de que o galego “non é patrimonio de ninguén”, mellor sería dicir que é patrimonio da xente toda. De quen o emprega e de quen non. De quen o respecta, aínda que non o fale, e de que non respecta, aínda que o fale. A xente pode ter prexuízos. A lingua, non. Está aí, por se alguén a quere, e brinca aos labios nun santiamén, sen preguntar de que idea ou partido é a boca que se abre.
Mais cómpre lembrar que se o idioma está aí é porque hai bocas que terman del. Os patrimonios, públicos ou privados, esmorecen e extínguense se non hai quen teña conta deles. E o galego non só é un patrimonio da xente galega. A súa custodia é unha obriga que se ten coa humanidade.
O 17 de maio, en convocatoria de Queremos Galego, en Santiago, saíron á rúa miles de persoas. Encheron a Quintana. Dáse a cifra de vinte e cinco mil. En todo caso, moita xente. Neste tempo, e en día festivo soleado, aínda que sexa festa das Letras, xuntar tantas almas e moito xuntar. É a expresión dun desacougo fondo. Nin un só partido, nin unha asociación nin sindicato é quen hoxe dunha mobilización así se non hai sentimento forte detrás.
Un sentimento de perda. Porque non só perturban as perdas económicas, o déficit nas contas, os buracos nas finanzas. Se non somos quen de querer a lingua que aquí naceu, como imos soster o que as palabras nomean?
O Goberno só se preocupou de sinalar co dedo a afiliación dos denunciantes e ignorar unha vez máis a denuncia. Disque había nacionalistas, ecoloxistas, vexetarianos e mesmo algún otorrinolaringólogo.
—E que a lingua non é patrimonio de ninguén!
Non.
De señor ninguén é só o silencio.

(Manuel Rivas, 31 MAIO 2012 - EL PAÍS)
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/05/31/galicia/1338491159_380013.html

---------------------------------------------------------------------------------------



"Parece que o galego é a única lingua do mundo que non ten dereito a un estándar culto"


O profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei é o coordinador do libro Modelos de lingua e compromiso (Baía Edicións), que se presenta na Libraría Pedreira de Compostela o vindeiro 14 de abril. A obra dá acubillo a traballos realizados polos profesoras e profesores da Facultade de Filoloxía da UdC Goretti Sanmartín, Laura Tato, Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Freixeiro Mato e o propio Sánchez Rei, integrantes, asemade, do Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galega da Universidade coruñesa. Na publicación, os expertos defenden que "dificilmente se pode pensar nunha restauración social da lingua cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español, cando se confunde autenticidade idiomática soamente con variedades coloquiais ou cando se parece tolerar con certa normalidade, mesmo en ámbitos académicos, inquietantes doses de hibridación con aquela lingua".
"Non coñezo país ningún do noso ámbito onde os políticos fagan gabanza de non falar ben o seu idioma"
Hai compromiso dabondo pola calidade da lingua galega?
Non se lle pode pedir o mesmo a unha persoa que non puido falar galego ou a quen lle foi prohibido ou que non tivo acceso a el que a un profesor da Universidade ou un profesor de ensino medio... Ou mesmo aos políticos, que teñen entre unha das súas principais encomendas, segundo o Estatuto, a de velaren pola saúde, calidade e proxección social da lingua. Pensamos que hai que facer ver que as autoridades políticas, académicas e instucionais teñen un primeiro grao de responsabilidade en que a lingua se promocione cunha certa calidade lingüística. Non coñezo ningún país normal no noso ámbito onde os poderes políticos ou académicos fagan gabanza de que non falan ben o seu idioma ou de que o falan mal. E tampouco coñezo ningunha serie de televisión neses países onde os propios personaxes fagan un uso inadecuado da lingua, como pasa aquí con programas como A Casa da Conexa, que é un verdadeiro esperpento para o galego. Hai dous niveis: a responsabilidade que teñen os políticos e os poderes públicos e logo a sociedade, que debe, na medida do posible, empregar a lingua da mellor maneira posible.
O nivel nos políticos semella moi baixo...
O nivel está moi baixo e tampouco teñen vontade de mellorar. Habería que facer distincións porque hai persoas que acreditan no galego e outras non, pero non se pode acreditar nunha lingua que se está atacando continuamente. Ademais, o goberno de Feijóo foi e é o máis daniño para a lingua de todos os que ten habido na Xunta, empezando xa por como fala o seu presidente e os seus conselleiros e secretarios xerais. Pero tamén hai académicos da RAG ou importantes profesores de Universidade que fan gabanza de que o galego ten unha enorme hibridación e de que iso é bo, algo que é unha barbaridade. Obviamente, a un labrego, a un mariñeiro que fala o galego e que non tivo a posibilidade de estudalo non se lle pode pedir o mesmo que a un académico, a un profesor ou a un conselleiro. Mais todos debemos facer o posible para, dentro das nosas condicións, usar o mellor posible a lingua.
"O galego parece a única lingua do mundo que non ten dereito a un estándar culto e que todo o que está na lingua popular xa vale. E non é así"
Como se convence a quen se nega a usar 'grazas' ou 'vila' porque sempre usou gracias ou pueblo?
Supoño que cun pouco de pedagoxía e cun pouco de boa praxe da lingua. Parece que o galego é a única lingua do mundo que non ten dereito a ter un estándar culto e que todo o que está na lingua popular xa vale. E non é así. Houbo xa folcloristas no século XIX e XX que traballaban coa lingua popular e coloquial que eran conscientes das formas que non eran galegas e advertían delas para que quedase claro que cousas non eran autóctones. Se hai xente que se nega a dicir 'grazas', 'pobo' ou 'deus' é un problema que se solventa con pedagoxía e con compromiso coa lingua. O problema do galego é tamén esa identificación entre o galego popular e o real e auténtico. É necesario que haxa ese galego popular e coloquial, pero iso non quita que estea liberado de barbarismos. Tampouco se pode falar igual nunha conferencia que coa parella ou coa familia, pero iso non quita que se expurguen españolismos ou léxico non propio. Non hai por que dicir cuchara se existe 'culler' ou pueblo habendo 'vila'.
Fala dalgún programa da TVG pero pesa máis a defensa que se fai no galego del ou o seu mal uso?
Se realmente hai que difundir o galego hai que difundir A Casa da Coella e non A Casa da Conexa. Se é unha cousa folclórica para facer rir certos días á semana, pois moi ben, pero o galego non pode permitirse eses luxos. O inglés, o español ou o francés poden permitirse certa caste de formas proveñentes doutras linguas porque non periga a súa hexemonía, pero na nosa lingua non porque a situación é moita máis adversa. Calquera mínimo ataque acaba sendo moi daniño, pero se eses ataques teñen unha certa proxección pública, a cousa aínda é peor. Moita xente di que se dixo conexa, pero se escarvas un pouquiño a xente acaba dicíndoche que así era como se dicía antes. Porque ese galego máis autóctone non está tan lonxe, pero nin as institucións públicas nin as académicas están interesadas en reivindicalo.
"Hai académicos da RAG que din 'pueblo' ou 'pulpo'... Iso só pasa nun país coma este"
Vostede asegura que falta compromiso por parte da RAG...
Estou convencido de que se a RAG quere ser realmente a Academia Galega debía ser máis aberta e, por exemplo, contar con estamentos das tres universidades galegas e non só dunha. Fáiseme moi difícil acreditar que a Academia funcione como tal cando moitos dos seus académicos din pueblo, pulpo ou papeles... Iso só pasa nun país coma este. Se queremos que o galego sexa unha lingua normal todos teremos que coidalo porque o galego vai cara á confluencia co español e ese é o verdadeiro problema: que o galego pode desaparecer.
Como pode desaparecer?
Pode desaparecer a través de dúas vías: a primeira a través da confluencia co español, porque se cada vez o galego é máis español e menos galego, acabará sendo un dialecto español con catro cousas folclóricas; e a segunda por substitución, cando en vez de galego se fale español. Conflúese tanto co español que hai veces que escoitamos algún político e temos dúbidas de en que lingua está a falar.
"É de tolos non aproveitar o recurso do portugués; xa o quererían para eles os cataláns!"
Reivindica que hai que atender á tradición galego-portuguesa.
Son dos que pensa, como o resto de compañeiros que participan no libro, que o galego ten o mundo aberto grazas ao portugués. Non hai nada polo que desaproveitar esa tradición galego-portuguesa e xa dicía Dieste que unha palabra galega no medio do portugués é como unha pinga de auga no medio dunha cunca de auga. É o mesmo. Para ter unha lingua de calidade debemos acudir a esta tradición galego-portuguesa, que non está moi lonxe de como fala a nosa xente. Todos coñecemos xente que ten expresións totalmente galego-portuguesas, pero que se van utilizando cada vez menos. Debemos conectar con esa fala auténtica, popular e enxebre e defender esa unidade básica dialectal entre galego e portugués. É de tolos non aproveitar ese gran recurso. Xa o quererían para eles os cataláns!
Os últimos datos estatísticos debuxan un negro panorama para o galego, que medidas urxentes se deberían tomar?
As medidas que habería que tomar parten por que os poderes públicos se involucren realmente coa recuperación social do galego. Se se parte deste principio habería que achegar varias medidas, pero a básica é que a promoción do galego sexa verdadeira e non algo folclórico. Ten que ser un compromiso real e a partir de aí tomar medidas no ensino, na promoción cultural e audiovisual, no ensino superior... Pero o eixo fundamental parte de que as autoridades políticas asuman que a lingua galega tamén é parte do noso ADN.
"As modificacións legais e o desprestixio da lingua van parellas; onde está o prestixio se non se poden dar matemáticas en galego?"
Foron máis negativas as modificacións legais que levou a cabo o goberno de Feijóo ou o desprestixio que se fixo do galego?
As dúas cousas van parellas. Se non podes dar matemáticas en galego, como ocorre agora mesmo, onde está o prestixio da lingua? Onde esa equivalencia en status? Hai medidas legais adoptadas que involúen anos de moito traballo e sacrificio por parte de sindicatos, organismos políticos ou culturais... Porque lembremos que o galego estaba mal pero agora está peor. E como se pode cambiar isto? Pois promovendo o galego no ensino. Pero se o principal decreto que afecta a educación merma aínda máis a situación da lingua, mal imos. Moi mal imos.

> http://praza.gal/cultura/9206/parece-que-o-galego-e-a-unica-lingua-do-mundo-que-non-ten-dereito-a-un-estandar-culto/


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario