29 mar 2012

Hoxe estamos en obras...

IRONÍA

TROPO: figura retórica ou estilística da linguaxe que consiste en expresar unha idea con palabras que indican aproximadamente o contrario do que se quere dicir / Ton de burla con que se di algo.
CFR: (Ou consúltese "Retranca") Habilidade para falar ironicamente e con segundas intencións.
FILOSOFÍA: Procedemento interrogatorio empregado por Sócrates que, finxindo ignorar unha cousa, demostraba que tiña un coñecemento superior ao do seu interlocutor, que presumía de sabelo.
LATINISMO: “Qui potest capere, capiat” (O que teña oídos que escoite e quen queira entender que entenda...)

25 mar 2012

Ialma (Just like a galician)

Ialma é un grupo de música, de raíces étnicas galegas, establecido en Bruxelas. Unha das súas intérpretes, Verónica Codesal foi a primeira en levar xunto co grupo Urban Trad unha representación galega ao Festival de Eurovisión,  na súa edición de 2003. Urban Trad, que representou á televisión belga, conseguiu 167 puntos, e quedou na segunda praza por detrás de Turquía. Foi membro activa da Plataforma Nunca Máis en Bruxelas. Os inicios do grupo IALMA foron como grupo de pandereteiras.

Os camiños que levan a Santiago son largos e mesturan ás xentes e paisaxes europeas. Pero para os numerosos galegos que, dende os anos 20, deixaron a súa terra, a peregrinación esperada é aquela que lles fai voltar á cultura, ás súas raíces, a esa identidade que fai que un pobo teña algo que compartir.

¿Cómo chegar a esa cultura cando se está lonxe, cando se xunta coa nostalxia?:

> IALMA - Voltar - YouTube   (Paragoxe: bailar(e)/mau(e)/acordeón(he)/un(he) /...)
En Bruxelas, cinco rapazas galegas, fillas de emigrantes, construiron, pouco a pouco, un repertorio de cancións e de danzas que levan o selo das súas orixes, pero adaptado á necesidade de trasmitir unha nova realidade, a de mulleres comprometidas con varias culturas, varias linguas. Esas cinco rapazas son Ialma.


IALMA ao vivo na presentación do seu álbum Simbiose en Bruxelas
(Plurilingüísmo: minuto 3.08)
Escoitar > Simbiose (2011) | Ialma | Verónica Codesal | Simbiose | música celta | Galicia | worldmusic
 (Boa ocasión para repasar o fenómeno fonético > Epéntese (i)alma / (i)auga)

Colin ten unha pita que pon cada mañá
Colin ten unha pita que pon cada mañá
ela que fixo a posta no palleiro do Adrán.

Adrán colleu o engazo, deulle un moquetón
Adrán colleu o engazo, deulle un moquetón
e cociñou o guiso pra festa do patrón.

Na (i)auga, tamén no río e do mar na ribeira
auga, tamén no río, liña da volanteira.


Todos os da parroquia foron molla-lo pan
Todos os da parroquia foron molla-lo pan
tamén o señor cura, el(e) meteu a man.

Na (i)auga, tamén no río e do mar na ribeira
auga, tamén no río, liña da volanteira.
Auga, tamén no río e do mar na ribeira
auga, tamén no río, liña da volanteira.


 O mollo estaba tan rico, todo el(e) se pringou
O mollo estaba tan rico, todo el(e) se pringou
dedos, peito e bandullo, ren de limpo lle quedou.

Na (i)auga, tamén no río e do mar na ribeira
auga, tamén no río, liña da volanteira.
Auga, tamén no río e do mar na ribeira
auga, tamén no río, liña da volanteira.


 Fixo perder a misa a todos os parroquiáns
Fixo perder a misa a todos os parroquiáns
A todas as velliñas, tamén ós lacazáns.

Na (i)auga, tamén no río e do mar na ribeira
auga, tamén no río, liña da volanteira.
Auga, tamén no río e do mar na ribeira
auga, tamén no río, liña da volanteira.


 A toutes ces bonnes p’tites vieilles qui en ont tant de besoin
A toutes ces bonnes p’tites vieilles qui en ont tant de besoin
Ainsi finit l’histoire de la poule à Colin

Sur l’eau, sur la rivière, sur le bord de la mer
Sur l’eau, sur la rivière, sur le bord du vaisseau.

(.../...)

20 mar 2012

A Primavera, o Día Mundial da Poesía e o Día da Árbore chegan da man.

Aínda que se ten por costume o 21 de marzo como comezo da Primavera, hoxe, día vinte, ás 5,14 horas rematou o Inverno. Cando os dous polos da Terra se encontran a igual distancia do Sol, fenómeno astronómico que ocorre dúas veces ao ano, cae a luz solar por igual en ámbolos dous hemisferios. Dá así comezo o equinocio de Primavera, estación na que o tempo é máis cálido e os días medran até o solsticio do Verán, na noite de San Xoán.

Neste día no que abrolla nova vida e as plantas botan flores e gromos, hai outra gran protagonista: a árbore. O Día Forestal Mundial ou Día das Árbores conta cunha fonda tradición: dende comezos do século pasado, celébrase con actos lúdicos e didácticos, moitos deles promovidos por centros de ensino, organismos ou concellos, coa intención de impulsar a protección e coidado das árbores.

E un día tan especial coma este tamén foi o escollido pola UNESCO, no ano 2000, para celebrar o Día Mundial da Poesía: diversa e poliédrica, a poesía leva en sí a imaxe do presente; nunca se petrifica, nunca se fai vella: é un ámbito no que as relacións co mundo e cos sentidos, coas culturas e coas linguas, se formulan unha e outra vez, con palabras renovadas. É preciso recoñecer a índole singular desta arte da palabra, que non está precisamente feita de verbas nídias e fácilmente comprensibles. Nela, o traballo do idioma destaca en tanto que produce formas novidosas e inéditas, que nada deben aos códigos lingüísticos habituais.

Para celebrar esta data, nada mellor ca ler (e sentir) estes poemas de
MANUEL MARÍA, poeta chairego que tanto gustaba
da paisaxe, das árbores e da arte da palabra.

  I

Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, centila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e ternura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posibles e imposibles,
suda, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza. E nunca morre.

II

Quero ter a palabra máis sincera,
a palabra máis nobre e trascendente
que sexa, ao mesmo tempo, frol, semente,
Inverno, Verán, Outono e Primavera.

Quero a palabra pura, recendente,
fermosísima, nidia, verdadeira
que teña o ritmo varil da muiñeira
e a claridade da auga trasparente.

Quero a palabra certa cara á vida,
a palabra que fere, que aloumiña
e vai pra ave, pra nube, pra canción.

Quero a palabra núa, alporecida
e, ao mesmo tempo, lene, solermiña
que é sal nos beizos e luz no corazón.

III

Cervo, flor dun soño, tremor
emocionado da terra
cando se prepara alborazada
para recebir á primavera,
tépedo vento milagreiro
que cruzas e iluminas
á floresta, lóstrego
que deixas nos nosos ollos
a sorpresa, a camelia gris,
pura e branca da nostalxia.

Cervo feito de luz, orballo,
claridade de alba, símbolo
do meu perfecto amor maduro
de anceios, de soños e de sedes:
gallopa novamente ó meu
cansado corazón esgarecido
para que poida sentir
unha vez máis, só unha vez,
á xuventude
florecendo de novo no meu sangue.

IV

Agromou a folla. Naceu
para ollar con asombro
ao universo e para
clarificar á Primavera.
Escoitou a música
enfebrecida e delicada
dos paxaros. Tremeu
de desexo e de paixón
cos agarimos mainos
e sutís da brisa
recendente e invisíbel.
Contemplou enviso
a máxica floración
de todo canto existe.
Deuse ao estío.
Ao chegar o Outono
desprendeuse da árbore
que a ataba e, sen máis,
botouse mundo adiante.

Facer poesía non é tan difícil. (Preme aquí > Construir poesia)

17 mar 2012

Risoterapia: "RECORTES - 2012"

A RISA axuda a ter unha mellor calidade de vida, sendo recomendable rir durante un minuto tres veces ao día. O sentido do humor ten moitas calidades: axúdanos a ser tolerantes; desenvolve a nosa personalidade; proporciónanos a capacidade de rirnos de nós mesmos e da vida. É un símbolo inequívoco da intelixencia humana. Na nosa aprendizaxe é imprescindible; en sociedade, necesaria; no día a día, reconfortante; no medo, aliviadora... 
A risa é propia das persoas, privilexio da raza humana. (E a IRONÍA tamén ...)





Risa, riso, sorriso: Acción de rir.
Ironía/ retranca: Habilidade para falar con segundas intencións, en especial cando se procura unha gracia intencionada no que se di.

Sentido do humor: Capacidade para aceptar o lado alegre das cousas e comprender as bromas dos demais.
O humor galego ten semellanzas ao doutros pobos dominados. A retranca serviu de defensa ante as preguntas con respostas perigosas.
O humorismo, a reivindicación do noso idioma e a nosa cultura, o lirismo e o sentimento da paisaxe son características esenciais da literatura galega.

En Fene hai un Museo do Humor e n´A Coruña unha  Praza do Humor

O humor na literatura galega:
> A maxia e o humor en Álvaro Cunqueiro
> "O Humor que somos" (Celestino Fernández de la Vega. "O segredo do humor")
> Debuxos de Castelao
> Cantigas Medievais Galego-Portuguesas

Frases célebres:
"A raza humana posúe unha arma verdadeiramente eficaz: a risa".
" Debaixo do humorismo hai sempre unha grande dor; por iso no ceo non hai humoristas" (Cita-Limiar de Castelao en "Un ollo de vidro") Mark Twain (1835-1910. Escritor e periodista estadounidense)
"O home sofre tan terriblemente no mundo que se viu obrigado a inventar a risa".
Friedrich Nietzsche (1844-1900. Filósofo alemán)

9 mar 2012

10 anos sen CARLOS CASARES

 
Aos dez anos do seu pasamento, queda no recordo o sorriso ao que tanto nos tiña afeito.

Na lembranza do grande escritor Carlos Casares, e da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, (á que tantas voltas se lle está a dar ultimamente), en cuxos debates e redacción participou activamente.

Hoxe, 9 de marzo, con "La" Voz de Galicia, e por só un euro máis (1€), podemos conseguir un libro con 59 dos seus mellores artigos  da columna que escribía diariamente no citado xornal (“Á marxe")


Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 9 de marzo de 2002) concibía a vida dende unha visión puramente narrativa. É dicir, todo era un conto. Cos seus personaxes, escenarios e desenlaces. Esta habilidade, propia do que antes se chamaba un escritor «de raza», foi a que lle permitiu converter o que ollaba e imaxinaba en literatura e decantar o resultado ata a súa máis pura esencia en libros inesquecibles como 'Vento ferido' ,'Ilustrísima' , 'Os escuros soños de Clío' ou Deus sentado nun sillón azul. Mesmo cando practicou o xénero do ensaio, fixoo dende ese «pensamento narrativo»: o cumio desa concepción fica representado nun País de Palabras, un conxunto de pezas arredor do feito literario que, grazas ao seu impecable estilo, (...)                                                                                            

Seguir lendo a entrada de Aida González, de 1ºB-Bac, no Blog ENDL do colexio Divina Pastora (Ourense) 
Ao final dunha conferencia que deu en Lugo, aló polo ano 1999, asinou libros ao alumnado e profesorado do noso IES. 
Gardámolos con moito agarimo, ao igual que lle acontece a Marina, do Blog CAMIÑO LONGO, da que saquei a idea para facer esta entrada.


Boa información sobre Casares en:

Revista Artes&Letras Galicia (10 anos sen Casares) 
Fala a viúva do escritor: «Carlos atendía máis á cultura galega que ao seu labor literario»
Suso de Toro." Son dez anos, custa lembrar" | Galicia | EL PAÍS
Fundación Carlos Casares
CAMIÑO LONGO: CARLOS CASARES.
O día que coñecín a Ánxel Fole
O último galeguista histórico
CAMIÑO LONGO: NO TREN DE CARLOS CASARES

8 mar 2012

8 de Marzo, "Día Internacional da Muller"

POR QUE O DÍA 8 DE MARZO ?

Segundo din, este día, do ano de 1857, as operarias téxtiles dunha fábrica de Nova Iorque entraron en folga, ocupando a fábrica, para reivindicaren a redución dun horario de máis de 16 horas para 10 horas. Estas operarias que, nas súas 16 horas, recibían menos dun terzo do salario dos homes, pecháranse na fábrica onde, entretanto, se declarara un incendio, e cerca de 130 mulleres morreron queimadas. En 1910 decidiuse, nunha conferencia internacional realizada en Dinamarca, en homenaxe a aquelas mulleres, comemorar o 8 de Marzo como "Dia Internacional da Muller".

Día indispensable para lembrar as conquistas de xénero.
Conquistas e recúos na construción da humanidade.
O que nos reserva o futuro ... ¡Incógnita!

Ligazóns de interese PARA SABER MÁIS, :

Día da Muller Traballadora (Galipedia)
Álbum de mulleres (culturagalega.org)

Mulleres que se fixeron pasar por homes (Vía TRAFEGANDO RONSEIS)

1 mar 2012

Henrique Monteagudo ingresa na RAG: "Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística".

O pasado 25 de febreiro de 2012 tivo lugar o acto de ingreso de Henrique Monteagudo como académico numerario da Real Academia Galega, no que leu o discurso
Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística.
Discurso completo en .pdf, a través do web do CDSG, premendo AQUÍ
discurso_rag_henrique_monteagudo.pdf

No discurso que Henrique Monteagudo elaborou para o seu acto de incorporación á RAG  argumentou con rigor que a normalización lingüística do galego non só non é incompatíbel coa liberdade lingüística dos falantes, senón que é condición imprescindíbel para o pleno exercicio desta. En xeral, a idea que estivo latente ao longo de todo o discurso foi a de que a actual crise do proceso (e tamén do concepto) de normalización lingüística está directamente relacionada coa crise do autogoberno, que é realmente o que hoxe está en cuestión. (Ctnl)