26 oct 2011

"O deserto crece...", e ímonos quedando sen xornais en galego

Este artigo de opinión do compañeiro Xoán Carlos, profesor de Filosofía no noso IES, xa non se poderá ler no Xornal.com. Desapareceu da Rede misteriosamente, por arte de birlibirloque, dun día para outro, igualiño ca o Códice Calixtino, así, sen máis... (Reparade no ítem 3)


J. C. F. Naveiro. Catedrático de Filosofía
(Xornal.com 15-10-2011 /22:44)

O deserto crece
" 1. Houbo un tempo no que existía un país que tiña unha Constitución que expresaba uns principios que aínda que non se respectasen (dereito ao traballo, á vivenda, ao medio ambiente) podían ser invocados e servían para darnos a nós mesmos unha certa imaxe de país. Explicarlle esa imaxe a rapazas e rapaces de trece, catorce ou quince anos, transmitirlles uns principios básicos de cidadanía e ética cívica, e informarlles dos rudimentos do noso Estado constitucional, todo iso formaba parte do traballo de xente que, coma min, cumpríamos o encargo administrativo con certas reticencias pero cando menos con esa convicción mínima que procede dunha música aceptable, ou dunha letra que non renxe demasiado: cando menos a Constitución garantía a liberdade e a igualdade de todos os cidadáns, e a canción así composta podía ser interpretada con certa solvencia nunha aula da ESO.
Pero agora, tralo “golpe de mercado” da reforma constitucional, cando o pago das débedas que as administracións contraen coas entidades financeiras se converte nun principio prioritario do noso ordenamento político, ¿cómo defender minimamente semellante submisión ás esixencias do capital? Xa non é este o Estado para o que eu cría traballar, xa non hai un país onde mirarse, e no seu lugar hai un deserto que crece.

2. O deserto está por todas partes. ¿Quen pode alardear dunha Libia post-gadafista? ¿Ou dun Afganistán reconstruído? ¿Que foi do discurso de Obama en O Cairo? Se houbo un xesto decente nos últimos tempos foi a petición palestina de recoñecemento na ONU, un xesto largamente anunciado e esperado que agora percorrerá os labirintos da diplomacia para ir toparse co veto norteamericano no Consello de Seguridade da ONU. Aí rematará a careta de Obama e todo volverá a ser coma antes: escoitade as voces do imperio porque por fóra delas só hai deserto. A traizón de Obama á causa palestina formará parte da historia universal da infamia. Mentres destoutro lado contemplamos incrédulos os acenos de naufraxio de Europa.

3. Mentres, na fronte interna tamén crece o deserto, máis que en ningures. O buscador Chuza, o portal Vieiros, o semanario A Nosa Terra, os diarios Galicia Hoxe e Xornal de Galicia… Sen canles para as voces propias qué país pode esperarse que exista. E agora tócalle a Xornal.com. Os periódicos arden demasiado ben e deixan no ar unha tristura de quiosco. Benvidos ao deserto do real.

Mágoa de Galicia, fermoso país no que moitos soñan coa fuga. Sen voces propias, como vivir en estado de excepción, a expensas dun imperio esmagante a forza de invisíbel.
Saúdos aos que nos fomos atopando no camiño, agora que imos a empurróns cara este deserto que non para."
___________________________________________
Se che gusta Xornal.com, compárteo cos teus amigos/as
Disfruta da liberdade de expresión.
___________________________________________
¡Vaya! Internet Explorer no ha podido encontrar la página www.xornal.com.

17 oct 2011

Para estudar DIALECTALISMO


A Nosa Fala: Bloques e Áreas Lingüísticas do Galego (versión interactiva con audio)


http://www.consellodacultura.org/arquivos/asg/anosafala.php

Este audiolibro é unha dialectoloxía oral, con textos de diferentes xeracións de falantes, rexistrados entre mediados dos anos 70 e mediados dos 90 do pasado século. Atendendo a criterios extralingüísticos, procurouse que a temática da escolma fose o máis variada posible, que fose amena para estudantes e ensinantes de lingua galega, mais tamén de posible utilidade para un etnógrafo, un historiador ou un sociólogo interesados pola Galicia anónima, a de onte e a de hoxe.


Os temas tratados son moi diversos co fin de dar unha imaxe real dalgunhas das moitas Galicias existentes. Nos textos fálase da pesca e do marisqueo no Cantábrico, na Costa da Morte ou na ría da Arousa, da pesca no banco canario-sahariano e de como se cultiva o viño en Mondariz e en Amandi ou os tomates no Rosal. Trátase a guerra do 36 na comarca compostelá e a dura posguerra, con historias do contrabando no Baixo Miño ou sobre os portugueses que viñan á seitura á arraiana terra da Mezquita.

Fálase da rapa das bestas de Sabucedo, das muiñadas, das ruadas e doutras diversións da mocidade de antes, do entroido e da mata do porco, do liño e das fiadas, pero tamén da irrupción de novos inventos como o fax, da limpeza das praias e dos incendios forestais. Tamén está presente a "Galicia irredenta" dos vellos galeguistas, con textos do Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas.

Todo isto xa aparecía no audiolibro editado polo Consello en 1996, con 15 textos do galego do bloque occidental e 90' de gravación, 19 textos do galego do bloque central nunha casete de 60' e 9 textos do galego bloque oriental en 30'. Agora reedítanse os textos tal cal en papel impreso, pero coa novidade de que o material oral aparece dixitilizado en tres CDs, o que favorece a perdurabilidade das gravacións e a busca dos propios textos.Arquivo Sonoro de Galicia

http://www.consellodacultura.org/arquivos/asg/anosafala.php

13 oct 2011

Logo vén o SAMAÍN...

Chega o outono e con el o tempo das castañas, das caveiras de melón ou cabaza, da noite e das tebras...; chegan as augas e os tempos escuros, remata o verán e encétase o inverno, vaise a calor e vén o frío: acaban as romarías ao sol e inícianse os fiadeiros e parladoiros a carón do lume. Ábrense as portas do outro mundo. Está aquí o Samaín, unha data de moita importancia na cultura céltica.
É tamén o tempo máis perigoso do ano: as portas do outromundo ábrense na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro para que as ánimas poidan vir visitar este mundo. A celebración do Samaín estivo sempre moi presente na cultura do noso país e a súa importancia foi moito maior do que se poida pensar.

Para saber máis do Samaín recomendamos reler o Vieiros da Escola de novembro de 2006 e estoutros enderezos:
http://vello.vieiros.com/vieirosdaescola/index_10.html
https://sites.google.com/site/recursosparaosamain/
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=8796&soportal=ningun
http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2002/10/30/1300262.shtml

RECURSOS INTERACTIVOS PARA XOGAR NO SAMAÍN:
http://centros.edu.xunta.es/ceipdepazos/Ana/LIM/SAMAIN/samain.html
http://centros.edu.xunta.es/ceip.manuel.fraga/unidades/samain/xogosamain.html

ADIVIÑA:
Qué cousa cousiña é,
que para adiviñar é,
que na boca ten o pé?

REFRÁNS:
A cabaza e o casar todo é acertar.
A cabaza e o queixo, sempre ó peso.

10 oct 2011

Marxinacion do galego nos medios

O Galego nos medios de comunicación:
Nos dous últimos anos, a desaparición de Vieiros, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia e a cabeceira histórica A Nosa Terra -morta na Rede un ano despois que no papel- adelgazou máis aínda a presenza do galego nos medios de comunicación. A radio e a televisión públicas galegas poden ser as próximas pezas nesa cazaría.

Xa levamos máis de 4.000 sinaturas. Asina aquí o manifesto:
http://marxinaciondogalegonosmedios.es/