21 mar. 2013

No día da árbore e da poesía, un poema de Darío Xohán Cabana


O MUNDO chámase carballo
O MUNDO chámase carballo.
Podía ser
abedueira, chopo,
capudre, castiñeiro,
sobreira, virgondoiro,
teixo sombrío ou freixo de tríplice raíz.


Pero non,
o mundo chámase carballo
desde que o mundo é mundo.


Deitouse o avó
dos avós dos avós
á sombra do carballo,
e adormeceu
, e o soño
naceulle dunha landra
coma cerebro
, fixo
dúas follas minúsculas
e unha raíz que axiña
se dividiu buscando
sales, metais, materias
orgánicas escuras,
colleu pulo, estrincouse
sobre a terra, tirou
da seiva cara arriba,
xemou en tres, en catro, en cinco gallas,
abriuse lento coma un mundo,
formou roda, os paxaros
aniñaron nas fronzas,
e o peto carpenteiro
carpentaba buratos.
O avó durmía
debaixo do soño ou do carballo,
e entón o lobo veu
porque traía fame.
O avó tamén tiña fame,
e acordou e viu ollos de lume
que ollaban a comida,
dentes de xeo, fauces cárdenas
coma o lume do ceo
cando prende nas uces
ou no piñeiro, cousa negra.

O avó choutou en pé. Ficou de costas
contra o carballo, ergueu as mans,
agarrouse na póla
máis baixa, arrandeouse,
empoleirouse. O lobo
arregañaba os dentes,
botaba lume polas nares.
O avó rubiu, sentouse
na galladura dunha póla enorme,
esteouse de costas
contra a cortiza vertical,
arregañou os dentes,
e non botaba lume
porque era inverno ou frío outono.
Ollou pra riba.
Un pouco máis arriba
había un guizo seco
en forma de aguillada
-mais daquela
non había aguilladas,
pois non había gando que afalar-.
O avó tirou, dobrou, premeu:
os nervos coma cabrinfollos
tensábanse nos seus
brazos desarañados.
Non había aguillada: o gando
non se inventara aínda.
Era unha lanza, si.
Dura non moito, pero lanza.

O lobo foise lentamente
de medio lado, coma quen
marcha porque se acorda
que ten que faga noutro sitio.
Entón o avó deceu,
pés descalzos na terra,
esteouse na lanza
e dixo: O mundo chámase carballo.
A lanza chámase carballo.
Os homes chámanse carballo,
soñan carballo, e o carballo nace
da landra que temos na cabeza.

Carballo nace de semente
coma nosoutros, non de póla
nin de raíz, e medra,
e logo morre, ou é matado
polo lume do ceo, ou de nosoutros.
Carballo é casca e samo.
Casca e samo desfanse
e fica cerna moura e dura
que arde mal, e resiste
moitos invernos e xeadas,
e ó final amolece
e acaba tamén podre,
pero doutra maneira.
Carballo é sombra. O mundo chámase carballo,
pero fóra do mundo
hai sol que queima, e o carballo abriga.
Carballo é pan se non hai pan.
a pan chámase landra.
Se hai pan, o cocho come a landra
e nós o cocho touciñudo.
Carballo é lanza, si,
e o lobo teme a lanza.
O lume fai endurecer a punta,
o lobo sangra e morre.
Carballo fende ben.
Pau de carballo esgaza,
recibe a pedra, si, na esgalladura,
asegurada con corrizas
de salgueiro ou filseira,
ou con talas delgadas de sangobino ou de carballo
ben escocido ó lume, si, que fende.
Ou con mallós de coiro
do pernicioso lobo
que é dexemprado pola aguda lanza.
Pedra afiada contra pedra
corta o carballo, si,
pode facerse casa ou pé de teito e cangos
pra que as xestas ou casca
de bidueiro boten fóra
a choiva e mais o frío.
Pedra afiada contra pedra
e cuña de esfender
fan táboa longa e ancha
que se chama materia,
digo madeira. O mundo é de madeira.
Madeira a lanza, a trabe, o pé dereito,
madeira o banco en que sentamos
xunta o lume do inverno,
madeira a frecha, o arco,
a culler que serve pra comer o caldo
non como larpa cocho bravo
senón coma homes e mulleres
que saben rir e contar contos
e cantar e bailar en rolda ó son das cunchas
e desa cousa que chamamos frauta ou gaita
feita de cana ou sabugueiro,
ou de ameneiro -só na primavera-.
O mundo é de madeira, si.
A maior parte é de madeira.
Son de madeira cousas
que usamos pra facer as cousas,
e que se chaman leñamenta,
madeiramenta, pedramenta non,
se cadra ferramenta -agora que a madeira
leva cousas de ferro
negro e durísimo que corta
como non corta a pedra.

O mundo chámase carballo,
poderosa madeira
de estrita cerna incomparable.
Facer as cousas chámase carpenta.
O carpenteiro fai a roda,
que é unha cousa redonda
moi semellante ó sol. O sol é un carro
cunha lápara enorme que fai medrar madeira.
Carballo quere sol
pra ter a cerna dura e moita
con que facer a roda.
O carro do sol ninguén o fixo.
Ninguén anda tampouco os seus camiños.
Pero nosoutros
temos outros camiños
e carrexamos cousas.
Os carpenteiros fan o carro
con cerna de carballo,
e as rodas durísimas
abren rodeiras na pedra do chan
que se chama carreira.
Agora hai aguilladas
pra afalar os cabalos
e os bois que tiran polo noso carro.
Unha aguillada boa
faise de esterpe ben dereito,
pero o carro mellor é o de carballo,
que ten máis lei e non caduca,
e o mellor barco é o de carballo
que non podrece na auga do mar
onde tamén facemos nós camiños
que se pavimentan na memoria.

O mundo chámase carballo.
Carballo é o banco de carpentar
onde toda madeira colle forma,
carballo o carro, o barco,
a casa, as escaleiras, as cancelas
que pechan no curral o noso gando,
carballo o guindal da lareira,
carballo o leito en que durmimos,
carballo a mesa onde comemos,
carballo o mango da bisarma e o caxato da vellez,
carballo a cuba onde as mazás e as uvas ferven e fan viño,
carballo o pértego do malle que degrae o centeo,
carballo o ferrado e o rebolo,
carballo a tulla e mais a hucha,
carballo o cabazo e o chozo da leña e a palleira da herba,
carballo a pa do fomo e o rodicio do muíño,
carballo o arado e mais agrade,
carballo o estrobo e o estadullo,
carballo a cuña de partir a pedra,
carballo a roda do oleiro,
carballo a casca de curtir e a táboa de pelar,
carballo o cesto de apañar as patacas,
carballo a espadela e otear,
carballo o folón que bate o pano coa forza infinita do río,
carballo o barquín e o pé da ingre,
carballo o mazo hidráulico da industria do ferro,
carballo a máquina de picar o toxo,
carballo a bomba aspirante-impelente pra subir auga do pozo,
carballo o eixe e a culler de penas da nosa fábrica de luz,
carballo as travesas do ferrocarril que nos leva a ningures.

O mundo chámase carballo.
                                                                              
A "Carballa do prado grande" en Cospeito (Lugo) : 500 anos nos contemplan
                                       Edit. Galaxia-Colec. Dombate nº 47/ Vigo, 2006                                                                               

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario