5 mar 2013

125 aniversario de Otero Pedrayo (5 de marzo de 1888 - 1976)

Busto de Ramón Otero Pedraio, na Praza Maior de Lugo

Considerado o "Patriarca das letras galegas", pertenceu á Xeración Nós e é un dos máis preclaros escritores galegos. Traballou diversos xéneros: ensaio, novela, poesía, ademais dos
estudos científicos de xeografía da súa cátedra da Universidade de Santiago.
Aínda que a actividade poética de Otero Pedrayo se pode considerar como algo marxinal 
dentro da súa ampla obra literaria, ten poemas soltos como este famoso 

Himno ao xamón 

Groria do porco, frol da invernía,
sona da casa, lapa de carne
Xamón.
Densidá ilustre da cena sabia,
gracia e potencia, rosa do pote,
Xamón.
Coallo dos froitos todos da terra,
labio fresqueiro, mantenza antiga,
Xamón
Febra xugosa, rica canteira onde
se curtan limpos poliedros
Xamón.
Benedictina fartura ilustre de Oseira e
Samos, coartel famoso,
Xamón.
Rei da lareira, carne petrucia, da Raza
esgrevia gardas o zume,
Xamón.
De rica alquímia Summa suprema,
(Fariña, poma. Landra, castaña.)
Xamón,
Sal do fumeiro, na noite negra
do viño en xerra irmán doado,
Xamón
Pai das artritis, das esclerosis .
fildalgas doenzas do pazo antergo,
Xamón.
Tentación dura pra o anacoreta,
coor de meixela, carne de lume,
Xamón.
Do chan galego tes a dozura
se a meias coces con fachas secas,
Xamón
Sono adoecido do triste abstemio
farto de berzas, todo augachirle,
Xamón,
Pra tí frolecen os soutos vellos,
medran as hortas, madura o nabo,
Xamón.
Para gabarte cantóu Homero,
brilas no hexámetro, manxar heroico
Xamón
Liturxias vellas impós ós fieis
aristocrática, feudal mantenza,
Xamón
Coma o pescado roxo e sabroso
amoleciches ó funcionario,
Xamón
Do norte xiado veu pra buscarte
o loiro suevo fillo da guerra,
Xamón.
Da xente aria vella mantenza,
na túa presencia trema o Semita,
Xamón.
Triste xudeu farto de ovella
morre de envexa pola túa groria,
Xamón.
Criado con calma, mimo, coidado,
da esencia do agro síntesis rara,
Xamón.
Mentras o fígado come o escolante,
ríllate ancioso o forte abade,
Xamón
Tes en Caldelas forte crianza
na neve xiada das cumes outas,
Xamón.
Dacón por ti goza de sona
de ser Porcópolis, Chicago noso,
Xamón.
Papa das carnes, cardealicio,
archimandrita da limpa mesa,
Xamón.
Homildemente a tí chegamosos
pelingrinos, fartos de légoas,
Xamón.
E no teu gosto fresco e potente
teñen consolo as nosas fames,
Xamón.
¡Rei da mantenza, sol do fumeiro,
que sempre agardes nosa chegada
Xamón.


Información sobre a vida e obra de Otero en >

E unha curiosidade relacionada coa RAG >

O 31 de decembro de 1951 a RAG xuntouse en Vigo en sesión extraordinaria polo nomeamento de Manuel Gómez Román; ao seu discurso ía respostar Ramón Otero Pedrayo. Minutos antes do inicio do acto a autoridade gobernativa prohibiu falar en galego. As palabras improvisadas que se dixeron foron en castelán. O Partido Galeguista fixo chegar dende Galicia ao Congreso da UNESCO reunido en Montevideo un escrito de protesta pola política de represión lingüística do réxime franquista. O texto tivo boa acollida pero foi rexeitado pola delegación española da que formaba parte Fraga Iribarne.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario