15 mar 2013

"Como asaltar bancos e caixas de aforro con éxito"


O galego como lingua útil.

Tense dito mil veces, cen mil veces, millóns de veces, que o idioma galego non é un idioma útil, o que é certo nun determinado sentido da utilidade. Nos que así pensan subxace este esquema, estas tres premisas:

a) O galego non serve fóra das fronteiras do noso pequeno país; por conseguinte, o castelán (e aínda máis o inglés) é de maior utilidade.

b) O galego, secularmente idioma non escalafonal, é unha lingua que non produce diñeiro; sen embargo o castelán (e aínda máis o inglés) chaman polo diñeiro: teñen maior utilidade.

c) O galego ten sido (dito dun xeito moi impreciso) a lingua da xente non distinguida e/ou non poderosa; polo tanto o outro idioma da polémica, o castelán, ten máis utilidade.

¿Para que -pregúntanse moitos pais, moitas nais- o ensino dunha lingua así? Desde unha filosofía tan vulgar, tan inmoral da utilidade teñen toda a razón do mundo. Agora ben, eses pais e esas nais deberían esixiren nos nosos institutos a disciplina "como asaltar bancos e caixas de aforro con éxito", saber moito máis útil có castelán e o inglés xuntos. Quizais os asustase tanta coherencia.

Desde outra "moral" pódese pensar que o galego é un idioma útil, entrañablemente útil.

¿Haberá maior utilidade espiritual que entendérmonos na voz natural e cálida da maioría dunha comunidade?¿Haberá utilidade máis gratificante cá de non subestimar e ferir a ninguén porque fale a súa lingua histórica? ¿Haberá utilidade máis humana có feito de enfrontármonos coa construción do futuro sen rexeitarmos ou acomplexarmos, a realidade presente?

Xesús Alonso Montero , “ Lingua e administración” (1990?)

_______________________________________________________________________________
CUESTIÓNS PARA COMENTARIO:
1. Que "utilidade" ten para ti o galego? e o español? e o inglés?
2. Por que di o texto que o castelán e o inglés "chaman polo diñeiro"?
3. En que idioma realizas ti cada unha das funcións da lingua? por que usas ese idioma? 
Cres que o galego é valido para todas estas funcións? Xustifícao.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario