24 feb 2012

24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro. Agasalla un libro en galego… e unha flor



O regalo dun bo libro, ademais de obsequio,
é un delicado eloxio.

 
Se Rosalía de Castro vivise, hoxe cumpriría 175 anos... Blog de MARLOU
Curiosidade: Rosalía ou Gala?


Como chove miudiño,
como miudiño chove;
como chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.


¡Como a triste branca nube
truba o sol que inquieto aluma,
cal o crube i o descrube,
pasa, torna, volve e sube,
enrisada branca pruma!

Xa, dempois, lonxe espallada
polos aires fuxitivos,
desteñida, sombrisada,
nos espazos desatada,
cae brillando en raios vivos.

Misteriosa regadeira
fino orballo no chan pousa
con feitiña curvadeira,
remollando na ribeira
frol por frol, chousa por chousa.

Semellando leve gasa
que sotil o vento move,
en frotantes ondas pasa
refrescando canto abrasa,
o que o sol ardente crobe.

22 feb 2012

Festa de Entroido no IES As Mercedes: noticia, crónica e reportaxe.


NOTICIA
O IES As Mercedes organizou unha festa de Entroido o venres 17 de febreiro, a partir das doce menos cuarto  da mañá. Houbo desfile de comparsas, concurso de disfraces,
recital de coplas e degustación de flores, orellas, filloas e postres de Entroido.
Tamén actuou unha banda de gaitas que fixo un ‘pasacorredores'.

CRÓNICA
O pasado venres, 17 de febreiro, toda a comunidade escolar do noso IES desfrutou da festa do Entroido que, promovida pola Dirección, comezou ás 11,45 horas. Unha banda de gaitas creada ao efecto, a iniciativa do departamento de Música, percorreu o Instituto a modo de "chamada" para as actividades lúdicas que tiveron lugar no Salón de Actos. Interpretáronse cantigas de Entroido, houbo bailes, e gran parte do alumnado, profesorado e persoal non docente, en comparsas e convenientemente disfrazados, fixéronnos rir moito a todos. No transcurso da xornada convidouse aos participantes a catar deliciosos produtos típicos de Entroido, parte deles elaborados "en directo" por profesores e persoal do centro, coa colaboración da ANPA. E aínda que hoxe toca enterrar a sardiña, ben podemos facer unha última homenaxe ás filloas que "zampamos" ese día: fariña, leite, ovos e auga; doces ou salgadas; feitas á pedra ou na tixola; para comer soas ou con azucre, mel, crema ou nata;
finas ou gordas, pero todas filloas, "que gordas, que delgadas, comemos enroladas".

REPORTAXE
E despois de agradecer á Dirección, departamentos e comunidade escolar en xeral, a promoción, colaboración e participación nestas actividades, facemos unha narración máis ampla e documentada do suceso (que para iso é unha reportaxe) cunha presentación
de fotos das persoas que interviron no festival, e algunhas das coplas recitadas
(unha de alumnos/as e outra de "profes")
 

E seguindo co repaso dos xéneros xornalísticos, agora virían os...

ARTIGOS DE OPINIÓN, COMENTARIOS, etc. 
(Opinións xa moi subxectivas, cunha visión particular dos feitos. Pois veñan!...)


Recursos sobre o Entroido en >

13 feb 2012

No Día dos namorados (14 de febreiro), dous poemas de amor.



Todas as cartas de amor son
ridículas.
..........................
Non serían cartas de amor
se non fosen ridículas.
............................
Tamén escribín no meu tempo cartas de amor,
como as demais, ridículas.
...............................
As cartas de amor, se hai amor,
teñen que ser ridículas.
..............................
Pero á fin e ao cabo,
só as criaturas que nunca escribiron cartas de amor
si que son ridículas.
...........................
Quen me dera no tempo en que escribía,
sen decatarme, cartas de amor
ridículas!
.............................
A verdade é que hoxe os meus recordos
desas cartas de amor, si que son
ridículos.

(Todas as palabras esdrúxulas,
como os sentimentos esdrúxulos,
son, naturalmente, ridículas)

Tradución ao galego normativo (grande atrevemento, por certo) do poema de amor máis coñecido do escritor portugués Fernando Pessoa "Todas as cartas de amor são ridículas"


Poema de amor de Celso Emilio Ferreiro á súa muller (Moraima)
    
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a esperanza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero sorrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é clara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.

Para escoitalo, premer no "play"