13 feb 2012

No Día dos namorados (14 de febreiro), dous poemas de amor.



Todas as cartas de amor son
ridículas.
..........................
Non serían cartas de amor
se non fosen ridículas.
............................
Tamén escribín no meu tempo cartas de amor,
como as demais, ridículas.
...............................
As cartas de amor, se hai amor,
teñen que ser ridículas.
..............................
Pero á fin e ao cabo,
só as criaturas que nunca escribiron cartas de amor
si que son ridículas.
...........................
Quen me dera no tempo en que escribía,
sen decatarme, cartas de amor
ridículas!
.............................
A verdade é que hoxe os meus recordos
desas cartas de amor, si que son
ridículos.

(Todas as palabras esdrúxulas,
como os sentimentos esdrúxulos,
son, naturalmente, ridículas)

Tradución ao galego normativo (grande atrevemento, por certo) do poema de amor máis coñecido do escritor portugués Fernando Pessoa "Todas as cartas de amor são ridículas"


Poema de amor de Celso Emilio Ferreiro á súa muller (Moraima)
    
Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a esperanza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.

Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a noite é pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.

Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.

Cando quero sorrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é clara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.

Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.

Para escoitalo, premer no "play"

3 comentarios:

  1. Felipe, co poema de Moraima si que estiveches acertado. É moi moi bonito, al menos a min gústame moito! Chega un punto no que xa se fai un pouco repetitivo e simple, pero de súpeto aparece a última estrofa que é coma un broche deslumbrante que che fai quedar cun regusto expléndido do poema.
    O poema de Fernando Pessoa tamén está moi ben, fíxome moita gracia, porque a verdade é que expresa moi ben a realidade e o que todos pensamos dos poemas de amor dunha forma moi bonita xa que ao mesmo tempo di que son cursis pero tamén que son moi necesarios.

    Sempre o direi, se hai algo que me fascina dos poetas e que teñen a capacidade de que algo tan complicado como escribir poesía semelle a cousa máis sinxela do mundo.

    Saudos

    ResponderEliminar
  2. Ola Felip! Q tl? Weno son Silvia, asi q non borres a mnsax. Estamos aqi Luci e eu pa dcirxe q nos gustaron m8 os poemas q puxexes. E como ti sobs estas cousas ao blog, nos tamn qeremos q aprendas a forma d escribir q usamos hoxe en día a xuventud. Asi q xa saes, cndo dscifrs a mnsax rspond. Saudos. =)

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Silvia e Lucía: como ben sabedes, existe certa preocupación respecto ao uso que a mocidade fai da linguaxe chat, fundamentalmente fóra do seu debido contexto; sistemas de comunicación como os Blogs ou os Correos Electrónicos non requiren do dinamismo extremo dos chats nin sofren as limitacións das mensaxes curtas (polo de agora aquí non nos cobran por mensaxe...). A linguaxe CHAT (sms), polo tanto, tense relacionado co descenso cultural da xuventude e hai quen pensa que conducirá a un crecente descoñecemento das regras máis básicas da lingua escrita. Non obstante, non somos poucos os que consideramos que, dependendo do contexto, este tipo de linguaxes son comprensibles ou mesmo recomendables. Pois ben, aínda que o contexto dun comentario neste blog non é o máis adecuado para este tipo de linguaxe, agradezo o voso atrevemento (supoño que “animus iocandi”), e mesmo vos recomendo unha páxina para que perfeccionedes este novo tecnolecto, mais en contextos mellor acaídos ca este. http://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/exercicios/textos/sms.htm
      De nada.
      E grazas polos Posts.

      Eliminar

Grazas polo comentario