26 feb 2013

Méndez Ferrín dimite como presidente da RAG


Carta de despedida de Méndez Ferrín

Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega:

Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución. Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta. De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.

Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.

Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.

Viva e floreza a Academia Galega!
Viva Galicia ceibe!

CONTO

Era Galicia un puro val ou oco
de densidade verde e fume morno.
Era Galicia a chaira máis espida,
inerte néboa sobre illó de lodo.

Era Galicia esguío vento agudo
encrequenando en si tódalas cousas.
Era Galicia un arbre lentamente
ensumíndose un pouco cada hora.

Era Galicia cen avós de terra
sen vengar, mudos ecos que nos moven.
Era Galicia un mar perfectamente
denso, sen luz e con sabor a homes.

Era Galicia a patria do traballo
de nunca terminar, pola boroa.
Era Galicia un home sen cabeza.
Era unha vez Galicia, espranza angosta.


( Méndez Ferrín, na Poesía enteira de Heriberto Bens/1980) 


A NOTICIA:
En >  Faro de Vigo
En >  LV (delunsavenres)
En >  Galicia Confidencial
Aquí > Dosier: A etapa de Ferrín na RAG (< culturagalega.org)
Aquí > cartaxeometrica.blogspot.com.es (< Demisión de Ferrín. Recompilación)
Aquí > Por que demitiu Méndez Ferrín como presidente da RAG?  (marlou.blogaliza.org)

24 feb 2013

24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, é unha das meirandes escritoras en lingua galega así como tamén unha das principais responsábeis do Rexurdimento literario do século XIX. O 17 de maioDía das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos (17 de maio de 1863).
> Rosalía: vida e obra
150 anos de Cantares Gallegos
Escolma de textos
"Rosalía sempre" (nun glog do blog Édelingua)
Prólogos de CANTARES GALLEGOS e FOLLAS NOVAS
Vaite noite...
Vai fuxindo...
Vente aurora...
Vente abrindo...
 
Creación gráfica que procura un xogo de actualización da figura da poeta, 
obra da deseñadora Elba Fernández


A xustiza pola man

Aqués que tén fama de honrados na vila,
Roubáronme tanta brancura que eu tiña;
Botáronme estrume nas galas dun día,
A roupa decote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;
Sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
Ó raso cas lebres dormín nas campías;

Meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡Morreron, morreron, coa fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
Fixéronme un leito de toxos e silvas;
E en tanto, os raposos de sangre maldita
Tranquilos nun leito de rosas dormían.

-Salvádeme ¡ou, xuíces!, berrei..., ¡tolería!
De min se mofaron, vendeume a xustiza.
- Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.