26 feb 2013

Méndez Ferrín dimite como presidente da RAG


Carta de despedida de Méndez Ferrín

Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega:

Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución. Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta. De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.

Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.

Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.

Viva e floreza a Academia Galega!
Viva Galicia ceibe!

CONTO

Era Galicia un puro val ou oco
de densidade verde e fume morno.
Era Galicia a chaira máis espida,
inerte néboa sobre illó de lodo.

Era Galicia esguío vento agudo
encrequenando en si tódalas cousas.
Era Galicia un arbre lentamente
ensumíndose un pouco cada hora.

Era Galicia cen avós de terra
sen vengar, mudos ecos que nos moven.
Era Galicia un mar perfectamente
denso, sen luz e con sabor a homes.

Era Galicia a patria do traballo
de nunca terminar, pola boroa.
Era Galicia un home sen cabeza.
Era unha vez Galicia, espranza angosta.


( Méndez Ferrín, na Poesía enteira de Heriberto Bens/1980) 


A NOTICIA:
En >  Faro de Vigo
En >  LV (delunsavenres)
En >  Galicia Confidencial
Aquí > Dosier: A etapa de Ferrín na RAG (< culturagalega.org)
Aquí > cartaxeometrica.blogspot.com.es (< Demisión de Ferrín. Recompilación)
Aquí > Por que demitiu Méndez Ferrín como presidente da RAG?  (marlou.blogaliza.org)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario