20 mar 2013

Un poema de Manuel María para recibir a primavera


Cervo, flor dun soño, tremor
emocionado da terra
cando se prepara alborazada
para receber á primaveira,
tépedo vento milagreiro
que cruzas e iluminas
á floresta, lóstrego
que deixas nos nosos ollos
a sorpresa, a camelia gris,
pura e branca da nostalxia.

Cervo feito de luz, orballo,
claridade de alba, símbolo
do meu perfecto amor maduro
de anceios, de soños e de sedes:
gallopa novamente ó meu
cansado corazón esgarecido
para que poida sentir
unha vez máis, só unha vez,
             á xuventude
florecendo de novo no meu sangue.



Manuel MaríaMiniescolma. Monforte de Lemos: Edición de autor, 1998]




A xeito de curiosidade:

Esta poesía publicouse por vez primeira na páxina 16 da revista do Instituto de FP (hoxe IES) "A Pinguela" de Monforte o 3 de xaneiro de 1989, sendo eu profesor e coordinador da mesma, durante a miña estadía de tres anos na cidade do Cabe. 

Un grupo de alumnos do Instituto pedíronlle a Manuel María un poema para a revista e agasallounos con esta marabilla, inédita naquel momento. 

Máis tarde publicaríase en antoloxías do poeta chairego. 

Na lembranza daqueles tempos, unha vez máis, grazas a Don Manuel pola xentileza e xenerosidade que tivera connosco.   

A revista faciámola de xeito artesanal, sen ordenadores, cunha máquina de escribir "Olivetti-LETTERA 35" do centro, e o deseño, debuxos e ilustracións, elaborábano a man os propios rapaces. 

1989. Eran outros tempos...


                                                                                                                                                
                                 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario