13 dic 2012

Novos tempos, novas disciplinas na educación...

"Animus iocandi": un pouco de humor...

RISOTERAPIA > Esta técnica psicoterapéutica pretende producir beneficios mentais e emocionais por medio da risa.  As persoas que utilizan esta técnica aprenden a ter unha mellor visión de si mesmos, do seu contorno e das súas posibilidades. A risa axuda a ter unha mellor calidade de vida, "sendo recomendable rir durante un minuto tres ou catro veces ao día".  (Sigmund Freud)

  
C:/> Uninstall WERT_

As 14 claves da reforma educativa de Wert  

© Goberno de España


O borrador da reforma da lei de Educación presentado polo ministro José Ignacio Wert ás autonomías, e que se desenvolveu sen diálogo nin consenso coa comunidade educativa, provocou innumerables debates sobre o modelo lingüístico. Con todo, este apartado, moi político, eclipsou outros puntos polémicos e transcendentes dunha lexislación que ás veces lembra demasiado o modelo educativo de épocas xa superadas.

Estes son os cambios máis relevantes e polémicos da nova normativa, que suporán un custo de case 60 millóns de euros, de pórse en marcha ...



1. Declaración de intencións no prefacio

Na LOE definíase a educación como "o medio de transmitir valores, renovar a cultura (...) fomentar  a convivencia democrática, o respecto ás diferenzas individuais, promover a solidariedade e evitar a discriminación (...) para lograr a cohesión social. (...) É o medio máis axeitado para garantir o exercicio da cidadanía democrática, responsable, libre e crítica".

No borrador do anteproxecto de lei da LOMCE no seu quinto parágrafo apunta máis ben a educación como medio para crear cidadáns empregables e capaces de competir no libre mercado: "O nivel educativo dos cidadáns determina a súa capacidade de competir con éxito no ámbito do panorama internacional e de afrontar os desafíos que se expoñan no futuro. Mellorar o nivel dos cidadáns (...) supón abrirlles as portas a postos de traballo de alta cualificación, o que representa unha aposta polo crecemento económico e por un futuro mellor".

2. Axentes privados na regulación pública

A Lomce inclúe unha definición do que é o "Sistema Educativo Español" na que, curiosamente, as familias e asociacións de pais non foron incluídas, pero si os axentes privados, aos que se lles dá capacidade reguladora, o que podería interpretarse como unha porta á privatización efectiva do sistema de ensino. Di así: "O conxunto de axentes, públicos e privados, que desenvolven funcións de regulación, de financiamento ou de prestación do servizo da educación en España e os seus beneficiarios".

3. Suprime Cidadanía e dá máis horas de Relixión

A nova norma elimina Educación para a Cidadanía e aumenta a carga horaria de Relixión e inclúe unha materia alternativa, Valores Culturais e Sociais, equiparándoa á media do resto das materias, o que na práctica pode supor unha hora semanal máis desta materia. Estas dúas decisións tomounas de acordo coa Conferencia de Episcopal, inqueda polo descenso de alumnos que escollen estudar relixión, que na última década baixou case un 10%.

4. Modelo linguístico

Elimínase a inmersión lingüística, que levaba 30 anos en marcha nalgunhas comunidades con lingua cooficial, ao establecer un mínimo de materias nas dúas linguas oficiais. Ademais establécese que as administracións rexionais poderán dar un trato diferenciado á lingua cooficial respecto ao castelán "nunha proporción razoable" sen que iso supoña a "exclusión do castelán".

Outro dos asuntos que indignan ás administracións con lingua cooficial, como o caso do galego, é que a lingua se considera unha materia non troncal, senón específica, ao mesmo nivel que a Educación Física, aínda que é unha materia específica e obrigatoria para todos os alumnos.

Tamén se expón que as familias poidan elixir a lingua que desexan para os seus fillos: tanto castelán como a lingua cooficial. E aquí chega un dos asuntos máis polémicos: obriga ás administracións a facerse cargo da escolarización en castelán en colexios privados nos casos nos que os pais o reclamen e a administración non o estea ofrecendo nesa determinada zona.

5. Máis diñeiro e autonomía para a excelencia e especialización

A nova norma inclúe un artigo no que ofrece maior autonomía e máis recursos económicos aos centros que poñan en marcha proxectos educativos competitivos tendentes á especialización, e que logo rendan contas sobre eles con avaliacións anuais. Para iso deben apostar por proxectos sobre: "Especialización curricular, a excelencia, a formación docente, a mellora do rendemento escolar, a atención do alumnado con necesidade específica de apoio educativo, ou á achega de recursos didácticos a plataformas dixitais", segundo a norma. Estes centros poderán mesmo  seleccionar o seu alumnado en función do seu rendemento académico nos ensinos obrigatorios "con até un 20% da puntuación asignada".

6. Acceso á universidade

Eliminada a selectividade, correrá a cargo das universidades gran parte do peso da selección do seu alumnado. Terán que ter en conta a súa nota de Bacharelato (un 60% como mínimo), as cualificacións obtidas nas materias de bacharelato relacionadas co que quere estudar, a formación complementaria, e se ten estudos relacionados coa carreira que se queira estudar (FP de graos superiores, ou estudos universitarios previos). Tamén poden establecer procedementos de selección e avaliacións específicas.

7. Concertos educativos máis longos e en máis etapas

Os concertos amplían a súa duración e pasan de catro anos a seis en Primaria, con carácter xeral. Pero a nova redacción prevé que ademais existan concertos noutras etapas postobrigatorias (bacharelato), que até agora non estaban previstos na lei. Estes novos concertos durarán catro anos, e ademais se permitará que un concerto cun mesmo titular poida servir para varios centros.

8. Blindaxe aos concertos dos centros que segregan por sexo

A anterior lei non permitía discriminar ao alumnado polo seu sexo e varias sentenzas deron a razón ás comunidades autónomas que retiraron os seus concertos a centros educativos que segregaban ao seu alumnado por sexo, como Cantabria ou Andalucía. Por iso a nova norma inclúe un artigo que blinda este tipo de escolarización. No apartado 3 do artigo 84 especifica: "Non constitúe discriminación a admisión de alumnos ou a organización do ensino diferenciado por sexos, sempre que o ensino que impartan se desenvolva conforme ao disposto (...) pola Unesco (...). En ningún caso, a elección da educación diferenciada por sexos poderá implicar para as familias, alumnos e centros correspondentes un trato menos favorable nin unha desvantaxe á hora de subscribir concertos coas Administracións educativas ou en calquera outro aspecto".

9. Colexios menos democráticos e un director profesional

A figura do director cobra moitísima máis relevancia nos centros escolares. Han de pasar por un proceso de formación e acreditación do Ministerio, que lles ofrece unha maior autonomía se demostran "que os recursos públicos se administraron eficientemente e apuntan a unha mellora real dos resultados". Pasan a ser ademais algo así como xestores de Recursos Humanos: poden contratar ou vetar a un determinado profesor, establecer os méritos para cubrir un determinado posto por un interino, ou vetar algún dos candidatos se o xustifican.
O claustro de profesores deixa de ser o responsable primordial da elección do director e cobra moito máis peso a Administración nesta elección. Tamén o Consello escolar perde peso á hora de decidir. Ademais, o Consello perde poder no centro, deixa de ser un órgano decisivo, e pasa a ser unicamente consultivo. Xa non pode aprobar, nin decidir (foron eliminadas especificamente estas funcións do redactado da lei) e debe limitarse a "avaliar" e informar.

10. Nova Formación Profesional: FP básica e dual

A lei crea unha nova Formación Profesional Básica para alumnos de 15 a 17 anos que tras cursar o primeiro ciclo de ESO non logren pasar a cuarto. É gratuíta e parte do ensino obrigatorio. Desde ela poderase pasar á FP de grao medio, e de aí á FP de Grao Superior "e complétase con materias optativas orientadas aos ciclos de grao superior e ao tránsito cara a outros ensinos".

Ademais, crean unha nova FP Dual, que permite facer prácticas e recibir formación en empresas, simultaneando traballo e estudos. Esta FP foi duramente criticada polo ex director xeral de FP do anterior Goberno, Miguel Soler, que considera que na práctica "só servirá para cubrir postos de traballo que requiren unha maior cualificación con estudantes a cambio de soldos que non chegarán ao salario mínimo", xa que a maioría das pemes non teñen capacidade para destinar a persoal á formación do alumnado.

11. Máis control do Ministerio nos contidos

Auméntanse as porcentaxes de contidos controlados polo ministerio. Se na LOE o Ministerio controlaba o 65% dos ensinos mínimos nos currículos, e o 55% nas comunidades con lingua cooficial, agora a norma establece que "os contidos comúns requirirán o 65 % dos horarios escolares para as Comunidades Autónomas que teñan lingua cooficial e o 75 % para aquelas que non a teñan". Mentres que até o de agora os centros eran os encargados de velar polos contidos comúns, a nova norma atribúe esta función ás administracións educativas que "desenvolverán os contidos comúns e poderán establecer directrices pedagóxicas, recoñecendo certo grao de autonomía aos centros educativos". Aínda que introduce unha chiscadela a determinados centros concertados cun modelo pedagóxico propio: "Os centros educativos disporán de autonomía para deseñar e implantar métodos pedagóxicos propios, de conformidade coas directrices que, no seu caso, establezan as administracións educativas".

12. Cocientes máis altos e profesores sen oposición

Ademais, a lei permite que se aumente a diario o cociente das aulas (número de alumnos por profesor) un 10%, masificándoas cando a demanda así o requira. Ademais permitirá que as comunidades contraten a docentes sen facer a oposición, como é o caso dos profesores nativos para as clases de inglés que Esperanza Aguirre contratou en Madrid o curso pasado.

13. Novos-vellos nomes de materias

Cambia a denominación de varias materias, para volver chamalas como na antiga EXB (no canto de Coñecemento do Medio, Ciencias Naturais por exemplo); en 4º de ESO implantátase a materia de Economía e dáselle a mesma relevancia que a Latín ou Bioloxía. Ademais, introdúcense dúas categorías de materias: as troncais e as específicas, e a partir de bacharelato a configuración de materias pasa a ser sumamente específica e modifícanse as vías para elixir, desaparecendo tecnoloxía e deixando unicamente catro: Ciencias, Humanidades, Ciencias Sociais e Artes.

14. Reválidas, ránkings e competitividade entre escolas

Aínda que a LOE xa incluía diversas avaliacións do sistema para traballo interno dos centros e impedía especificamente no seu enunciado utilizar os resultados para facer clasificacións de centros, a nova norma propón xusto o contrario dar a coñecer publicamente estes resultados: "As Administracións educativas publicarán os resultados obtidos polos centros docentes ponderados en relación cos factores socioeconómicos e socioculturais do contexto no que radiquen", recolle.

En concreto, elimínase a selectividade pero inclúense outros tres exames ou reválidas que deseñará o Ministerio de Educación e que se realizarán dentro do centro escolar, aínda que os responsables do exame serán externos: o primeiro exame será ao acabar 6º de Primaria (de lingua, matemáticas, ciencia e tecnoloxía), o segundo ao acabar 4º ESO (de materias troncais e unha materia especifica por cada curso; contará un 30% para a nota media da Secundaria), e o terceiro ao final de Bacharelato (todas as troncais, e unha específica por curso; a nota desta proba contará un un 40%)

VÍA > Praza Pública
E para saber máis do tema > http://marlou.blogaliza.org/?page_id=2310

Ou > LOMCE: o asalto ao ensino público galego

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario