26 oct 2011

"O deserto crece...", e ímonos quedando sen xornais en galego

Este artigo de opinión do compañeiro Xoán Carlos, profesor de Filosofía no noso IES, xa non se poderá ler no Xornal.com. Desapareceu da Rede misteriosamente, por arte de birlibirloque, dun día para outro, igualiño ca o Códice Calixtino, así, sen máis... (Reparade no ítem 3)


J. C. F. Naveiro. Catedrático de Filosofía
(Xornal.com 15-10-2011 /22:44)

O deserto crece
" 1. Houbo un tempo no que existía un país que tiña unha Constitución que expresaba uns principios que aínda que non se respectasen (dereito ao traballo, á vivenda, ao medio ambiente) podían ser invocados e servían para darnos a nós mesmos unha certa imaxe de país. Explicarlle esa imaxe a rapazas e rapaces de trece, catorce ou quince anos, transmitirlles uns principios básicos de cidadanía e ética cívica, e informarlles dos rudimentos do noso Estado constitucional, todo iso formaba parte do traballo de xente que, coma min, cumpríamos o encargo administrativo con certas reticencias pero cando menos con esa convicción mínima que procede dunha música aceptable, ou dunha letra que non renxe demasiado: cando menos a Constitución garantía a liberdade e a igualdade de todos os cidadáns, e a canción así composta podía ser interpretada con certa solvencia nunha aula da ESO.
Pero agora, tralo “golpe de mercado” da reforma constitucional, cando o pago das débedas que as administracións contraen coas entidades financeiras se converte nun principio prioritario do noso ordenamento político, ¿cómo defender minimamente semellante submisión ás esixencias do capital? Xa non é este o Estado para o que eu cría traballar, xa non hai un país onde mirarse, e no seu lugar hai un deserto que crece.

2. O deserto está por todas partes. ¿Quen pode alardear dunha Libia post-gadafista? ¿Ou dun Afganistán reconstruído? ¿Que foi do discurso de Obama en O Cairo? Se houbo un xesto decente nos últimos tempos foi a petición palestina de recoñecemento na ONU, un xesto largamente anunciado e esperado que agora percorrerá os labirintos da diplomacia para ir toparse co veto norteamericano no Consello de Seguridade da ONU. Aí rematará a careta de Obama e todo volverá a ser coma antes: escoitade as voces do imperio porque por fóra delas só hai deserto. A traizón de Obama á causa palestina formará parte da historia universal da infamia. Mentres destoutro lado contemplamos incrédulos os acenos de naufraxio de Europa.

3. Mentres, na fronte interna tamén crece o deserto, máis que en ningures. O buscador Chuza, o portal Vieiros, o semanario A Nosa Terra, os diarios Galicia Hoxe e Xornal de Galicia… Sen canles para as voces propias qué país pode esperarse que exista. E agora tócalle a Xornal.com. Os periódicos arden demasiado ben e deixan no ar unha tristura de quiosco. Benvidos ao deserto do real.

Mágoa de Galicia, fermoso país no que moitos soñan coa fuga. Sen voces propias, como vivir en estado de excepción, a expensas dun imperio esmagante a forza de invisíbel.
Saúdos aos que nos fomos atopando no camiño, agora que imos a empurróns cara este deserto que non para."
___________________________________________
Se che gusta Xornal.com, compárteo cos teus amigos/as
Disfruta da liberdade de expresión.
___________________________________________
¡Vaya! Internet Explorer no ha podido encontrar la página www.xornal.com.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario