6 jun 2011

Valentín Paz Andrade para as Letras Galegas de 2012


A polifacética traxectoria de Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987) valeulle ser elixido pola Real Academia Galega como a figura á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2012.

Valentín Paz Andrade licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e foi durante a súa etapa de estudante cando se achegou ao movemento galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919). Era director do xornal 'Galicia' en 1926 cando foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera.

Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con Castelao e Cabanillas, colaborador da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931) e membro activo do Partido Galeguista, do que foi nomeado secretario en 1934.

Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a moitos intelectuais galeguistas e, por causa da súa actividade política e da publicación dalgúns artigos foi detido en diversas ocasións.

As súas colaboracións foron frecuentes nos xornais 'O Pobo Galego', 'Faro de Vigo' e 'A Noite', onde aparecían asinadas con pseudónimos como M., Xan Quinto e Mareiro. Desde 1945, xuntábase para falar e debater no café Alameda de Vigo con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego ou os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez.

O progreso e o avance de Galicia está presente na súa obra, exemplo diso son 'Galicia como Tarefa' (1959), 'A anunciación de Valle-Inclán' 1967), 'A marginacíón de Galicia' (1970), 'Castelao na luz e na sombra' (1982), 'Galiza lavra a sua imagem' (1985).

Na súa faceta poética, a Real Academia Galega (RAG) destaca as achegas realizadas desde 'Soldado dá morte' (1921), 'Pranto matricial' (1954), 'Sementeira do vento' (1968), 'Cen chaves de sombra' (1979) ou 'Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo' (1985).

Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1964 e numerario a partir de 1978, cando deu lectura ao preceptivo discurso que titulou 'A galecidade na obra de Guimaraes Rosa', e que foi respondido en nome da institución por Álvaro Cunqueiro.



Foi o primeiro impulsor, xunto con Manuel Fernández, da primeira gran multinacional galega, Pescanova. Trala fundación desta empresa, da que foi dende 1960 vicepresidente, seguiu desenvolvendo unha activa laboura como ensaista literario, histórico e económico sobre o progreso de Galiza especialmente nas súas relacións comerciais internacionais a traverso do sector pesqueiro.

Trala morte de Franco, Paz Andrade representou a Galiza na Comisión dos Dez que negociou a transición co Goberno de Adolfo Suárez. Elixido membro da Real Academia en 1964, non pronunciou o seu discurso ata 1978, sendo xa senador por Pontevedra nas primeiras Cortes democráticas. O seu patriotismo tamén destaca na súa obra poética. Formou parte da Xeración de 1925.

Con sorpresa e moita gratitude acolleu a súa familia a elección do próximo Día das Letras Galegas, segundo manifestou o seu fillo Afonso Paz Andrade, actual vicepresidente de Novacaixagalicia e conselleiro de Pescanova.

Máis información na Galipedia:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Valent%C3%ADn%20Paz-Andrade
Ou na páxina do autor:
http://www.valentinpazandrade.es/gl/portada
Cando ti volvas... Valentín Paz-Andrade : son de poetas
Blog do Recanto de Mik:
https://sites.google.com/site/recursosletrasgalegas/valentin-paz-andrade )

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario