13 jun 2013

"ARDE LVCVS MMXIII". O 14, 15 e 16 de xuño LUCUS AUGUSTI arderá de novo!

          O “Arde Lucus” comezou a súa andaina no ano MMII (2002) ligado ao solsticio de verán e cun obxectivo primordial: rememorar a fundación da nosa cidade de Lugo recreando o seu pasado romano. Conxúganse os aspectos lúdicos e culturais, coa maior rigorosidade histórica posible. O recinto histórico amurallado transfórmase, cada ano durante tres días, en Lucus Augusti, destacada urbe da Gallaecia romana, ofrecendo a quen a visita un completo programa de actividades, nun marco incomparable como é a Muralla, que cobra durante a festa un especial protagonismo.

          Sen dúbida, a nosa cidade ofrece o marco idóneo para este tipo de festa. Outro elemento clave que non podemos esquecer é a implicación das súas xentes, os axentes sociais, colexios, asociacións, clubs deportivos... Xa sexa con roupas romanas ou castrexas, toman as rúas durante toda a fin de semana, participando activamente no espírito da festa.

          Grazas ao esforzo conxunto do goberno local, da cidadanía, das asociacións de recreación histórica e de diversos organismos privados que colaboran a través do seu patrocinio, o Arde Lucus foi medrando, converténdose nunha conxugación perfecta entre ocio e cultura, nun referente a nivel nacional, cunha grande repercusión mediática e de afluencia de público, e consolidouse de tal xeito que no seu décimo aniversario (MMXI) logrou o recoñecemento como Festa de Interese Turístico Galego. 

Programa para VENERIS 14, SATVRNII 15 et DOMINICVM 16 > http://www.ardelucus.com/arde-lucus-programa-1.php


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario