4 may 2010

Escola de escritores IES As Mercedes




"Un País oculto polas silveiras"

Di un proverbio xaponés que as árbores non deixan ver o bosco. Eu penso que o mesmo pasa coas silveiras e con algúns países que foron esquecidos polos seus habitantes. Rubeus, silveira, ronceraie, blackberry, zarza ... Moitos nomes recibe este vexetal de apurado crecemento e agresiva rabuñada, un arbusto espartano e difícil de combater, que nun suspiro se fai cun imperio estendendo os seus brazos de serra por valados, montañas e rochas, prendendo pola roupa aos transeúntes por camiños e pontes.

É posíbel que silveirais centenarios oculten importantes anacos de historia, segredos, ou respostas a enigmas sen resolver. É posíbel que eses vastos reinos de púas custodien marabillas doutrora e saberes perdidos, mais para a maioría da xente as silveiras só son unha praga sen utilidade, como o resto do espazo público ou abandonado que, por non ser da súa propiedade privada, carece de valor. Cómo habían, pois, contemplar o que hai máis alá dun simple tecido vexetal que o cobre todo?

Os máis veteranos afirman que alguén contraeu o tétanos ou algunha infección polas trabadas desta planta e a ciencia, a nova ciencia de destrución masiva - que lle chamo eu - , creou poderosos herbicidas para as combater nos espazos domésticos. Non obstante, non pretendo ser o avogado das silveiras, unicamente procuro comprender as interaccións entre os humanos e estas rosáceas co obxecto de encontrar a súa eficiencia gardando segredos.

Debaixo dalgunhas silveiras xacen as pedras do castro cando estas non foron roubadas para novas edificacións ou marcos fronteirizos das chousas; xacen petroglifos perpetuados nas penas de montaña, monumentos megalíticos e mesmo patrias enteiras. Debaixo das silveiras existe todo un universo cuxas chaves de acceso son algo máis do que unha guita e un fouciño; cómpre ademais un amplo coñecemento da lingua, da economía, da xeografía humana e especialmente da historia. A aqueles aos que non os disuadiron as rabuñadas desta flora e aos que a ciencia clásica - hoxe tecnocratizada - chama historiadores, descubriron, naquelo ao que ninguén dá valor, o primeiro reino da Europa, unha Terra que, se quixese, hoxe podería ser unha potencia económica autosuficiente, un mundo cheo de maxia e espiritualidade, unha fonte inesgotábel de tradicións e, especialmente, a loita dunha cultura pola súa supervivencia. Descubriron Galiza.

(Versión ao galego normativo, co prace do autor)

Ex-alumno do IES As Mercedes-LUGO


"Um País oculto pelas silveiras"
21 contos a umha terra esquecida
de José Manuel Nunes Vilar 

 Editora MANAS-2009


1 comentario:

  1. Obrigadinho, Felipe, por tam formoso detalhe.
    Abraços.
    Nunes

    ResponderEliminar

Grazas polo comentario