31 oct 2012

En memoria de ALAN TURING, precursor da informática moderna.Grazas a el podedes estar lendo hoxe este blog.

Daniel Piso faille unha homenaxe a Alan Turing (1912-1954, precursor da informática moderna e do que neste 2012 celebramos o centenario do seu nacemento.

En Cianuro nas Mazás, o blog de ciencia do xornal Praza pública

Hoxendía podemos disfrutar de todo tipo de computadoras que simplifican moito múltiples tarefas e que xa son omnipresentes nas nosas vidas. Para os máis novos de vós son xa apéndices dos vosos corpos. Cando foi posible comunicar varias delas xurdiu Internet e iso cambiou a nosa vida. Mirade, por exemplo, qué sería do futuro da nosa lingua sen os medios dixitais, coma este. O avance nas ciencias da computación poida que sexa un dos máis grandes logros da Humanidade no pasado século.

Para entendermos ben as cousas cómpre empezar sempre polo principio. Neste caso coñecer os comezos foi un pouco máis difícil. Todos coñecemos a personaxes mediáticos coma Bill Gates ou Steve Jobs que tiveron certa influencia no mundo da computación. Pero en xeral, non é tan coñecido cómo empezou todo realmente. Este descoñecemento ten que ver en parte coa vida de Alan Turing, do que este ano se conmemora o centenario do seu nacemento. Hai dous feitos que marcaron a súa vida: o seu traballo segredo para o goberno Británico durante a Segunda Guerra Mundial e ser homosexual na Inglaterra daquel tempo.

Sí, unha vez máis a Guerra e a violencia contra os diferentes na Europa do Século XX. Boa parte do traballo desta mente privilexiada permaneceu oculto ata a década dos setenta, na que se empezaron a desclasificar os traballos de Turing e os seus colegas para descifraren o sistema encriptado de comunicacións dos nazis (ENIGMA) en Betchley Park. Por outro lado, a presión en contra dos homosexuais acabou illándoo socialmente e provocando o seu declive psíquico e físico tras ser sometido a unha castración química. Turing rematou coa súa vida en 1954 mordendo unha mazá envelenada, disque en lembranza do que para el era un mito, Brancaneves.

Se pescudades na vida deste home atoparedes unha historia, na miña opinión, absolutamente conmovedora. Falamos dunha persoa moi, moi intelixente pero tamén moi inocente. Unha mente lóxica ata o estremo. Por iso foi capaz de ser o primeiro en demostrar que unha máquina podería calcular. En saber que unha máquina podería ser ‘intelixente’. E tamén por iso, non atopaba ningunha razón para que alguén o rexeitase porque el sabía perfectamente que a súa tendencia sexual non tiña nada de malo. Esa certeza fixo que o seu sufrimento e illamento fosen aínda meirandes.

Temos unha débeda con Turing e a memoria do seu legado. Desta volta traemos aquí algúns dos fitos máis importantes da súa carreira científica, pero volveremos sobre a súa historia porque hai moito que dicir e moito que aprender desta vida estragada pola incomprensión.

Tralos seus destacados traballos en matemáticas, como xa dixemos antes, foi escollido polo Goberno do Reino Unido xunto con outros científicos que se adicaron á investigación militar durante a Guerra. Moitos deles foron despois os que alumearon o camiño cara a existencia das computadoras.

Pero, xa en 1936, Turing publicaba un artículo titulado On computable numbers. Por primeira vez, formalizaba o concepto dunha “máquina computadora universal”. Intentaba respostar a unha pregunta que el mesmo plantexaba: “¿Que números poden ser calculados por unha máquina?”. Este texto marcou o comezo dunha carreira entre estados que desenbocaría nunha serie de "trebellos" que hoxe consideramos as primeiras computadoras. A primeira delas foi ENIAC (Electronic Numerical Integrator and Computer) da Universidade de Pennsylvania en 1945.

Cando se fabricaban as primeiras máquinas o noso protagonista xa estaba pensando en novos conceptos. Durante unha estancia en Cambridge, entre 1947 e 1948, producía o texto que se considera a orixe do que hoxe coñecemos como Intelixencia Artificial. A pregunta a respostar agora era “Poden as máquinas pensar?”.

Nunca sabemos que outras marabillas nos tería regalado Alan Turing se non fose unha vítima prematura da intolerancia. Grazas a el podedes estar lendo hoxe este blog. Tamén grazas a el soubemos que as máquinas poderían pensar. O que non está tan claro é que os humanos poidamos, ou se o facemos con lóxica, consitencia e claridade. Os que o fan, xa vedes como lles vai.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario