23 abr 2013

Día do LIBRO



Un excelente Blog de lecturas, bibliotecas, libros... > http://trafegandoronseis.blogspot.com.es/2013/02/ilustrar-bibliotecas.html

E máis sobre Libros e Bibliotecas >

Cando os nosos xenes non puideron almacenar toda a información necesaria para a supervivencia, inventamos lentamente os cerebros. Pero logo chegou o momento, hai quizais dez mil anos, no que necesitabamos saber máis do que podía conter axeitadamente un cerebro. 

Deste modo aprendemos a acumular enormes cantidades de información fóra dos nosos corpos. Segundo cremos somos a única especie do planeta que inventou unha memoria comunal que non está almacenada nin nos nosos xenes nin nos nosos cerebros. O almacén desta memoria chámase BIBLIOTECA

Un LIBRO faise a partir dunha árbore. É un conxunto de partes planas e flexibles (chamadas aínda "follas") impresas con signos de pigmentación escura. Abonda botarlle unha ollada para oír a voz doutra persoa que quizais morreu hai miles de anos. O autor fala a través dos milenios de modo claro e silencioso dentro da nosa cabeza, directamente a nós. 

A escritura é quizais o maior dos inventos humanos, un invento que une persoas, cidadáns de épocas distantes, que nunca se coñeceron entre si. Os libros rompen as ataduras do tempo, e demostran que o home pode facer cousas máxicas. Algúns dos primeiros autores escribiron sobre barro. A escritura cuneiforme, o antepasado remoto do alfabeto occidental, inventouse no Oriente próximo hai uns 5.000 anos. O seu obxectivo era rexistrar datos: a compra de gran, a venda de terreos, os triunfos do rei, os estatutos dos sacerdotes, as posicións das estrelas, as pregarias aos deuses. Durante miles de anos, a escritura gravouse con cicel sobre barro e pedra, resgouse sobre cera, codia ou coiro, pintouse sobre bambú ou papiro ou seda; pero sempre unha copia á vez e, a excepción das inscricións en monumentos, sempre para un público moi reducido. Logo, na China, entre os séculos segundo e sexto inventouse o papel, a tinta e a impresión con bloques tallados de madeira, o que permitía facer moitas copias dunha obra e distribuila. Para que a idea arraigase nunha Europa remota e atrasada necesitáronse mil anos. Logo, de súpeto, imprimíronse libros por todo o mundo. Pouco antes da invención do tipo móbil, cara a 1.450 non había máis dunhas cantas ducias de miles de libros en toda Europa, todos escritos a man; tantos como en China no ano 100 a. de C., e unha décima parte dos existentes na grande Biblioteca de Alexandría. Cincuenta anos despois, cara a 1.500, había dez millóns de libros impresos. A cultura fixérase accesible a calquera persoa que puidese ler. A maxia estaba por todas partes. Máis recentemente os libros imprimíronse en edicións masivas e económicas, sobre todo os libros en rústica. Polo prezo dunha cea modesta un pode meditar sobre a decadencia e a caída do Imperio romano, sobre a orixe das especies, a interpretación dos sonos, a natureza das cousas. 

Os libros son como sementes. Poden estar séculos aletargados e logo florecer no chan menos prometedor. As grandes bibliotecas do mundo conteñen millóns de volumes, o equivalente a uns 1014 bits de información en palabras, e quizais a 1015 en imaxes. Isto equivale a dez mil veces máis información que a dos nosos xenes, e unhas dez veces máis que a do noso cerebro. Se remato un libro por semana só lerei uns poucos miles de libros en toda a miña vida, unha décima dun un por cento do contido das maiores bibliotecas da nosa época. O truco consiste en saber qué libros hai que ler. A información nos libros non está preprogramada no nacemento, senón que cambia constantemente, está emendada polos acontecementos adaptada ao mundo. 

 Pasaron xa vinte e tres séculos dende a fundación da Biblioteca alexandrina. Se non houbese libros, nin documentos escritos, pensemos qué prodixioso intervalo de tempo serían vinte e tres séculos. Con catro xeracións por século, vinte e tres séculos ocupan case un centenar de xeracións de seres humanos. Se a información se puidese transmitir unicamente de palabra, de boca en boca, qué pouco saberiamos sobre o noso pasado, qué lento sería o noso progreso. Todo dependería dos descubrimentos antigos que chegasen accidentalmente aos nosos oídos, e do exacto que fose o relato. Podería reverenciarse a información do pasado, pero en sucesivas transmisións iríase facendo cada vez máis confusa e ao final perderíase. 

 Os libros permítennos viaxar a través do tempo, explotar a sabedoría dos nosos antepasados. A biblioteca conéctanos coas intuicións e os coñecementos extraidos penosamente da natureza, das maiores mentes que houbo xamais, cos mellores mestres, escollidos por todo o planeta e pola totalidade da nosa historia, co fin de que nos instrúan sen cansar, e de que nos inspiren para que fagamos a nosa propia contribución ao coñecemento colectivo da especie humana. As bibliotecas públicas dependen das contribucións voluntarias. Creo que a saúde da nosa civilización, o noso recoñecemento real da base que sostén a nosa cultura e a nosa preocupación polo futuro, se poden poñer a proba polo apoio que prestemos ás nosas bibliotecas. 

(Cosmos, CARL SAGAN)
_____________________________________________________________

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario