9 abr 2013

José Luis Sampedro (1917-2013), in memóriam

Economista e escritor brillante, lúcido, xa case centenario exerceu o seu humanismo crítico acerca da decadencia moral e social de Occidente, do neoliberalismo e as brutalidades do capitalismo salvaxe.


  

"¡Indignádevos!"

"Rapaces, coidado, nós loitamos por conseguir o que tedes, 
agora tócavos a vós defendelo, mantelo e melloralo; 
non permitades que volo arrebaten".

Prólogo de José Luis Sampedro en "¡Indignádevos!" (INDIGNEZ-VOUS/2010) de Stéphane HESSEL (1917-2013) loitador polos dereitos humanos e membro da Resistencia contra os nazis, falecido en febreiro deste mesmo ano.


   "Eu tamén nacín en 1917. Eu tamén estou indignado. Tamén vivín unha guerra. Tamén soportei unha ditadura. Ao igual que a Stéphane Hessel, escandalízame e indígname a situación de Palestina e a bárbara invasión de Iraq. Podería achegar máis detalles, pero a idade e a época abondan para mostrar que as nosas vivencias sucederon no mesmo mundo. Falamos na mesma onda. Comparto as súas ideas e faime feliz poder presentar en España o chamamento deste brillante heroe da Resistencia francesa, posteriormente diplomático en activo en moitas misións de interese, sempre a favor da paz e a xustiza.

   ¡Indignádevos! Un berro, un toque de clarín que interrompe o tráfico vagabundo e obriga a levantar a vista aos reunidos na praza. Como a sirena que anunciaba a proximidade daqueles bombardeiros: unha alerta para non baixar a garda.
Ao principio sorprende. ¿Que pasa? ¿De que nos alertan? O mundo xira como cada día. Vivimos en democracia, no estado de benestar da nosa marabillosa civilización occidental. Aquí non hai guerra, non hai ocupación. Isto é Europa, berce de culturas. Si, eses son o escenario e o seu decorado. Pero ¿de verdade estamos nunha democracia? ¿De verdade baixo ese nome gobernan os pobos de moitos países? ¿Ou fai tempo que se evolucionou doutro modo?

   Actualmente en Europa e fóra dela, os financeiros, culpables indiscutibles da crise, salvaron xa a focha e proseguen a súa vida como sempre sen grandes perdas. En cambio, as súas vítimas non recuperaron o traballo nin o seu nivel de ingresos. O autor deste libro recorda como os primeiros programas económicos de Francia despois da segunda guerra mundial incluían a nacionalización da banca, aínda que despois, en épocas de bonanza, se foi rectificando. En cambio agora, a culpabilidade do sector financeiro nesta gran crise non só non conduciu a iso; nin sequera se formulou a supresión de mecanismos e operacións de alto risco. Non se eliminan os paraísos fiscais nin se acometen reformas importantes do sistema. Os financeiros apenas soportaron as consecuencias dos seus despilfarros. É dicir, o diñeiro e os seus donos teñen máis poder que os gobernos. Como di Hessel, "o poder do diñeiro nunca fora tan grande, insolente, egoísta con todos, dende os seus propios servos ata as máis altas esferas do Estado. Os bancos, privatizados, preocúpanse en primeiro lugar dos seus dividendos, e dos altísimos soldos dos seus dirixentes, pero non do interese xeral"

   ¡Indignádevos!, dilles Hessel aos mozos, porque da indignación nace a vontade de compromiso coa historia. Da indignación naceu a Resistencia contra o nazismo e da indignación ten que saír hoxe a resistencia contra a ditadura dos mercados. Debemos resistirnos a que a carreira polo diñeiro domine as nosas vidas. Hessel recoñece que para un mozo da súa época indignarse e resistirse foi máis claro, aínda que non máis doado, porque a invasión do país por tropas fascistas é máis evidente que a ditadura da armazón financeira internacional. O nazismo foi vencido pola indignación de moitos, pero o perigo totalitario nas súas múltiples variantes non desapareceu. Nin en aspectos tan burdos como os campos de concentración (Guantánamo, Abu Gharaib), muros, valla, ataques preventivos e "loita contra o terrorismo" en lugares xeoestratéxicos, nin noutros moito máis sofisticados e tecnificados como a mal chamada globalización financeira.

¡Indignádevos!, repite Hessel aos mozos. Recórdalles os logros da segunda metade do século XX no terreo dos dereitos humanos, a implantación da Seguridade Social, os avances do estado de benestar, ao tempo que lles sinala os actuais retrocesos. Os brutais atentados do 11-S en Nova York e as desastrosas accións emprendidas por Estados Unidos como resposta a estes, están a marcar o camiño inverso. Un camiño que na primeira década deste século XXI se está a percorrer a unha velocidade alarmante. De aí a alerta de Hessel aos mozos. Co seu berro estalles a dicir: "Rapaces, coidado, loitamos por conseguir o que tedes, agora tócavos a vós defendelo, mantelo e melloralo; non permitades que volo arrebaten".

   ¡Indignádevos! Loitade, para salvar os logros democráticos baseados en valores éticos, de xustiza e liberdade prometidos tras a dolorosa lección da segunda guerra mundial. Para distinguir entre opinión pública e opinión mediática, para non sucumbir ao engano propagandístico. "Os medios de comunicación están en mans da xente podente", sinala Hessel. E eu engado: ¿quen é a xente podente? Os que se apoderaron do que é de todos. E como é de todos, é o noso dereito e o noso deber recuperalo ao servizo da nosa liberdade.
Non sempre é doado saber quen manda en realidade, nin como nos defender do atropelo. Agora non se trata de empuñar as armas contra o invasor nin de facer descarrilar un tren. O terrorismo non é a vía axeitada contra o totalitarismo actual, máis sofisticado que o dos bombardeiros nazis. Hoxe trátase de non sucumbir baixo o furacán destrutor do "sempre máis", do consumismo voraz e da distracción mediática mentres nos aplican os recortes.

   ¡Indignádevos!, sen violencia. Hessel incítanos á insurrección pacífica evocando figuras como Mandela ou Martin Luther King. Eu engadiría o exemplo de Gandhi  asasinado precisamente en 1948, ano da Declaración Universal dos Dereitos Humanos , da redacción dos cales foi partícipe o propio Hessel. Como cantou Raimón contra a ditadura: “Digamos NON”. Negádevos. Actuade. Para empezar, ¡Indignádevos!"


"A mellor homenaxe que lle podemos facer a J.L.Sampedro  
           é seguir coa súa loita por unha sociedade mellor"         

En PRAZA PÚBLICA http://praza.com/movementos-sociais/4077/a-mellor-homenaxe-que-lle-podemos-facer-a-sampedro-e-seguir-coa-sua-loita-por-unha-sociedade-mellor/#comentarios

Xosé Manuel BeirasAs nove décadas de J. L.

En PRAZA PÚBLICA http://praza.com/opinion/1031/as-nove-decadas-de-j-l/

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario